dos orzamentos participativos

Os veciños de Doniños asistiron a un acto sobre participación
JORGE MEIS
REDACCIÓN > FERROL
Achegar ós veciños en xeral e non só ós representantes das diferentes parroquias o que son e para que serven os orzamentos participativos é o obxectivo que buscou a xuntaza levada a cabo onte no local da asociación veciñal de San Román de Doniños.
Foron as propias entidades veciñais as que convocaron esta reunión co obxecto de informar ós veciños sobre a maneira na que poden participar para decidir en qué se pode investir o gasto público nesta parroquia ferrolá.
Así, como se lembrará, Doniños é, xunto con San Xoán, San Xurxo, Santa Mariña e San Pablo, unha das zonas que integran o Grupo Motor, que engloba ós barrios e entidades nos que se porá en marcha a iniciativa pioneira dos orzamentos participativos.
Representantes de San San Román, Xunta Veciñal e Asociación O Prioriño xunto con persoal técnico municipal, foron os encargados de explicar polo miúdo o modelo de participación e traballar unha primeira dinámica de grupo co fin de identificar os principais problemas da parroquia.
Divulgación
Neste sentido, o concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, destacou a importancia do traballo que están a levar a cabo as entidades veciñais na divulgación dos orzamentos participativos a través do buzoneo nas vivendas da parroquia e mediante un proceso de sensibilización entra a veciñanza.
Coa posta en marcha destes orzamentos ponse de manifesto, segundo o edil, “o dereito das entidades sociais e dos cidadáns a decidir sobre os asuntos públicos a prol dunha xestión máis eficiente e eficaz dos recursos públicos municipais e sobre calquer partida orzamentaria”.
Deste xeito, coa posta en marcha deste proxecto, o concelleiro Manuel Santiago considera que os cidadáns están acadando un peso importante, xa que foron eles mesmos os que elixiron en que barrios comezar coa experiencia e non o goberno local, como é o habitual neste tipo de experiencias de políticas participativas que se levan a cabo a nivel estatal.
Diario de Ferrol.-
No hay comentarios:
Publicar un comentario