10/3/12

Propostas e Consello da Veciñanza.-

O Consello da Veciñanza poderá

estar constituído a finais do mes de maio.

Sábado, 10 de Marzo de 2012.

c.r.c. > ferrol .
Coa última asemblea de barrio que terá lugar hoxe en Santa Mariña conclúen as primeiras 23 reunións que con carácter informativo convocou en toda a cidade a área de Participación Cidadá, que dirixe o edil José Manuel Vilariño.

Os obxectivos destas asembleas pasaban por avanzar no desenvolvemento do regulamento de participación cidadá "o primeiro paso será a constitución do Consello da Veciñanza" e nas propostas de actuacións a realizar con cargo aos orzamentos participativos de 2013.

A asistencia ás reunións, que foron anunciadas a través de 30.099 cartas remitidas aos domicilios da cidade "unha por cada vivenda" virou ao redor de 1.100 persoas nos 23 barrios, o que, segundo explicou o concelleiro José Manuel Vilariño, supón un 1,38% sobre a poboación xeral da cidade. Neste sentido, Vilariño indicou que houbo máis porcentaxe participativa nas parroquias ou barrios máis pequenos "13,9% en Marmancón" que nas de maior tamaño "0,9% en Esteiro ou 1,13% no Ensanche A".

Nestas asembleas entregouse aos asistentes o regulamento, así como os formularios para presentar candidaturas para formar parte do Consello da Veciñanza -dous por barrio- e propostas de obras a executar "seleccionaranse as tres máis votadas en cada asemblea".

Unha vez rematadas as reunións informativas, o vindeiro luns comezará a segunda volta de encontros, no local da AVV Santa Icía, onde se elixirá aos seus dous representantes e as tres propostas de actuación que reclaman no barrio, como máis necesarias. Despois, e ao longo dos meses de marzo, abril e maio, completarase a rolda de encontros, de modo que, tal e como manifestou o edil da área, o propio mes de maio póidase constituír o Consello da Veciñanza, que deberá ser aprobado no pleno da corporación, e que contará, ademais de con dous representantes de cada barrio, coa presenza do alcalde, José Manuel Rei; do responsable de Participación Cidadá, José Manuel Vilariño, e un representante de cada grupo político con presenza no Concello.

En canto ás propostas de actuacións para que se inclúan nos próximos orzamentos participativos -en 2012 non se habilitou contía algunha para este fin-, Vilariño informou de que xa se recibiron ata agora -a falta de dúas asembleas aínda por contabilizar- un total de 755 propostas -unha media de 48 por asemblea, unhas de maior calado e outras de menor-, que serán votadas en cada unha das reunións ata conseguir as 69 que se queren obter e coas cales, explicou Vilariño, "terase unha fotografía bastante clara das necesidades de Ferrol".

En canto á partida económica que se destinará a estas actuacións e cantas poderanse executar, o edil mostrouse cauto e sinalou que dependerá do orzamento de 2013, "aínda que o obxectivo é intentar que se poidan executar as 69 ou as máximas posibles". Os orzamentos participativos anteriores están executados só nun 20%.

Diario de Ferrol.-

No hay comentarios:

Publicar un comentario