12/4/11

MEMORIA-2010


COMISIÓN PROVISIONAL DE CONTROL DO RPC


4 Abril-2011

A Comisión de Control Provisional do Regulamento de Participación Cidadá (RPC), presenta ante a cidadanía do concello de Ferrol a súa primeira MEMORIA ANUAL co fin de realizar unha avaliación e análise sobre a aplicación e desenvolvemento do vixente Regulamento de Participación Cidadá.

Pero antes, queremos facer unha agarimosa lembranza ao desaparecido compañeiro da antiga Comisión GAP e actual Comisión de Control Provisional do RPC, ARCADIO ARES ARIAS, falecido este pasado mes de Setembro-10, polo que rendémoslle a nosa homenaxe e o noso recoñecemento por seu compromiso nos movementos sociais e participativos.

Queremos presentarnos ante a cidadanía facendo un pouco de pedagoxía, lembrando que o Regulamento de Participación Cidadá encomenda a esta Comisión de Control, a implementación, control e funcionamento dos mecanismos de participación cidadá. Tamén queremos subliñar varios parágrafos do preámbulo da Comisión do Regulamento de Participación Cidadá, co fin de facer un pouco de memoria e comprender o significado da Democracia Participativa. O vixente Estatuto de autonomía de Galicia asígnalles aos poderes públicos galegos a responsabilidade de promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra, sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos e galegas na vida política, económica, cultural e social.

As diferentes institucións internacionais así coma a Declaración Universal dos Dereitos Humanos e Recomendacións do Consello de Europa fomentan a Democracia Participativa e promoven o fomento e implicación da cidadanía nas decisións publicas.

A veciñanza do municipio de Ferrol, a través dos grupos de análise e propostas e comisións de traballo, presentamos este Regulamento de Participación Cidadá despois de ser aprobado por unanimidade polo Pleno Municipal o pasado día 9 de xullo do 2009, que ten como destinatarios esta mesma cidadanía co fin de fortalecer a democracia participativa.

Este punto de partida iniciouse un 28 de maio do 2008 e a posterior convocatoria dun FORO CÍVICO onde estivo presente un amplo sector do tecido asociativo da cidade de Ferrol coa participación de máis de 70 entidades e organizacións culturais, veciñais, deportivas e sociais para aspirar a ter un verdadeiro e ambicioso Regulamento de Participación Cidadá.

Este regulamento invita a toda á veciñanza a participar na política local desde a democracia participativa de forma individual, colectiva, vinculante e compatible coa democracia representativa.

Pensamos que a intervención activa da cidadanía nas políticas públicas da Administración local enriquece e dignifica a democracia representativa mediante os orzamentos participativos, asembleas de barrio, foros cívicos, consellos sectoriais, comisións de reclamacións ou a figura do Valedor/a Veciñal.

En xeral, a nosa avaliación ten que ser positiva polo feito de que a Cidade de Ferrol contén un Regulamento de Participación Cidadá que permite achegar a cidadanía dunha Democracia Participativa.

Constitúese a Comisión de Control Provisional do Regulamento de Participación Cidadá despois de que o Grupo de Análise e Propostas (GAP) rematara o seu traballo de reforma do RPC, coa aprobación do Pleno da Corporación Municipal o día 9 de Xullo de 2009.

En data 13.11.2009, varios membros do GAP, formalizaron o seu compromiso para seguir traballando na Comisión de Control Provisional RPC a título individual, impulsando e realizando o seguimento dos procesos de participación cidadá (así se expresa na declaración de compromiso). Esta Comisión queda, polo tanto, constituída con 12 persoas. Para a formación desta Comisión créase un modelo de adhesión ou compromiso, asinado polas persoas que expresaran o seu desexo de integrarse nela, e apostando pola participación de persoas a título individual, en lugar dun modelo de representación por entidades. A partir dese momento iníciase un traballo en primeiro lugar en dous sentidos que acapararon moito do noso tempo: por un lado o proceso de Orzamentos Participativos e por outro lado, o Regulamento Interno da propia comisión.

No que respecta o primeiro punto, houbo dúas posturas no debate no que se refería á interpretación do artigo 42.1 en relación ó obxecto da propia comisión: una interpretación restritiva de control e supervisión dos procesos de participación cidadá estipulados no RPC, e outra máis ampla que contemplaba todos os procesos de participación nos que o Concello forme parte (o que incorporaría ao proceso de OP,s; URBAN e outras iniciativas).

O acordo ó que chegamos foi que esta Comisión debería estar presente e facer un seguimento de calquera proceso participativo que se levara a cabo na nosa cidade, xa que este grupo de traballo, como o seu propio nome indica (Comisión provisional de seguimento e control dos procesos de participación cidadá), debe participar e facer un seguimento de todo o que corresponda á participación cidadá.

As primeiras sesións de traballo céntranse na posta en marcha dos OP-2010 e a súa ampliación e acórdase trasladar este debate ós espazos constituídos de participación que formaron parte do proceso piloto dos OP-2009 (grupo motor e mesas de propostas) incorporando tamén a este espazo a todas as Asociacións Veciñais.

A outra cuestión urxente era definir as normas de funcionamento e as funcións desta Comisión, que, aínda que provisional, somos conscientes de que a súa duración será de medio prazo, tal como determina o propio Regulamento de Participación Cidadá. Estes dous temas foron os protagonistas de moitas das sesións de traballo da comisión. O primeiro dos temas, ademais, provocou un gran debate que practicamente deixou a Comisión sen a participación activa e real dalgún dos membros da mesma.

Unha vez que rematamos o traballo do Regulamento Interno, aprobado o día 4 de Maio de 2010, comezamos o traballo real de posta en funcionamento do RPC.

Nese Regulamento Interno quedaron marcados os principios reitores, o obxecto, as funcións e as facultades desta Comisión. PRINCIPIOS REITORES:

· Participación: promoción da participación cidadá no deseño e seguimento de procesos participativos.

· Dinamización dos barrios en igualdade de oportunidades: fomento da participación cidadá e dinamización sociocomuntaria de todos os barrios e colectivos sociais.

· Tolerancia e consenso: recoñecemento e respecto da diversidade de opinións e visións, como elemento para a construción de consenso a través do diálogo.

· Solidariedade: dispoñibilidade de asumir os problemas dos outros como propios, construíndo un proxecto común e en beneficio do conxunto da cidadanía.

· Respecto aos acordos: a participación cidadá fundaméntase no compromiso de levar adiante, por parte de todos os actores, as decisións concertadas.



OBXECTO:



· A comisión constitúese como un órgano de participación cidadá provisional, ate o nomeamento e posta en marcha da Comisión Permanente, contemplada no RPC, para o control e seguimento dos procesos participativos.

· Desenvolverá funcións de control e seguimento, estudo, proposta e suxestión, en materia de participación cidadá.

· Terá como función específica a activación, seguimento e avaliación do desenvolvemento de obxectivos, liñas e actuacións recollidas programadas dende o departamento de participación cidadá, como planos de acción e cronogramas de actuación.



FUNCIÓNS:



A comisión terá as seguintes funcións:



· Constituirase como foro de debate e canle de participación e enlace coa cidadanía e tecido asociativo en materia de participación cidadá.

· Será consultada e informada no caso de que órganos municipais promovan actuacións ligadas ao contido do RPC.

· Será informada dos ditames aprobados polos órganos municipais nos temas que lle afecten.

· Presentará iniciativas, propostas e suxestións para a súa discusión nas comisións informativas correspondentes.

· Colaborará e asesorará na elaboración de programas e proxectos da actuación municipal dentro da súa área.

· Discutirá o programa anual de actuación e o orzamento na materia que lle corresponde; presentando unha proposta de orzamento anual ao departamento de participación.

· No 1º trimestre de cada ano, a comisión emitirá e aprobará unha memoria anual respecto ao seguimento, control e funcionamento xeral dos distintos mecanismos contemplados no RPC. O seu contido e conclusións serán públicas.

· Establecerá canles de relación coas entidades cidadás, plataformas, organizacións e axentes sociais, dentro do seu cometido.

· Fomentará a consolidación de procesos participativos do Concello de Ferrol e promoverá os procesos de participación cidadá, no seo das entidades cidadás e nos barrios.



FACULTADES: Para o desenvolvemento das súas funcións, a comisión terá as seguintes facultades:

· recibir información e documentación necesaria para a elaboración de estudos e propostas, solicitando información dende o concello a outras administracións e institucións, para o cumprimento dos seus fins.


· coñecer e debater as grandes liñas da política e xestión municipal e pular polo consenso cidadá sobre estes temas.

· promover reunións con persoal experto, persoal técnico cualificado en distintos sectores para debater sobre cuestións materia de participación.

· os distintos servizos municipais deberán contestar as solicitudes de información requiridas a través da secretaría, nun prazo non superior a 30 días, contados dende a recepción da petición de informe. A partir deste momento marcamos unhas prioridades no noso traballo, que podemos resumir da seguinte forma:

Ø Difusión do RPC e dos seus contidos: Acordamos facer charlas divulgativas do Regulamento de Participación Cidadá coas entidades sociais, iniciando polas Asociacións de Veciños (Debemos admitir que isto aínda non se puxo en marcha), tamén acordamos notificar á prensa os acordos que se tomaran nas reunións (isto ten un seguimento descontinuo)

Ø Consello Sectoriais: demándase, en primeiro lugar información sobre os consellos que están creados a día de hoxe - a súa frecuencia, xuntanzas, composición, etc.- e, a continuación, a súa adaptación ó RPC. Para isto solicítase a actualización dos regulamentos internos de cada Consello Sectorial.

O día 20 de Outubro de 2010 celebramos una xuntanza cos Concelleiros das áreas de Goberno, onde están creados os Consellos Sectoriais. Nesta reunión, os Concelleiros móstranse dispostos a actualizar os Consellos. Observamos da necesidade de que as propias Asociacións Veciñais resolvan o problema que se deriva do funcionamento irregular das Federacións Veciñais para poñer ó día a representación nos consellos.

Para a incorporación a estes consellos dos cidadáns a título individual é preciso poñer en marcha o Rexistro Cidadán.

Os Consellos Sectoriais que hoxe están en funcionamento son: Muller, Benestar Social, Lingua, Medio Ambiente e Turismo. Está en fase de creación o Consello da Xuventude, demandado en varias ocasións e ultimamente no Foro de Xuventude.

Ø Foros Cívicos:


Tal como recolle o RPC parece urxente poñer en marcha estes espazos de participación; e xa que no proceso de OP 2009 se aproba por decisión dos cidadáns na Asemblea da Zona urbana a proposta de fomento da participación cidadá coa celebración de 5 foros cívicos, acordamos organizar estes foros conxuntamente coa Comisión de Seguimento dos OP, aprobando entre ambas comisións o seguinte calendario:

o Venres 5 de novembro ás 18,00 horas. Foro Cívico de democracia participativa.

Neste encontro valorarase o modelo de consolidación dos OP e a súa ampliación en 2011.

o Sábado 6 de novembro ás 11,00 horas. Foro Cívico de políticas de xuventude e participación cidadá.

o Venres 19 de novembro ás 18,00 horas. Foro Cívico: Posta en valor do patrimonio e o medio ambiente.

o Sábado 20 de novembro ás 11,00 horas. Foro Cívico de Novas tecnoloxías, aforro enerxético e enerxías alternativas.

o Venres 17 de decembro ás 18,00 horas. Foro Cívico sobre o modelo de cidade.



Ademais destes 5 foros, celebrouse tamén un Foro de Deportes o día 14 de Decembro, demandado polas entidades deportivas nas reunión de preparación dos anteriores foros.

Os foros son órganos de reflexión e debate sobre áreas transversais e inter-departamentais, que deben ter continuidade a través dunha comisión permanente para o seguimento das decisión adoptadas.

Destes seis foros, hoxe están constituídas 3 comisións de seguimento: Deporte, Xuventude e Modelo de Cidade. Este ultimo aglutina os foros de Medio Ambiente, Novas Tecnoloxías e Democracia Participativa



Ø Oficina de Queixas e suxestións e Comisión de Queixas e Suxestións:

Ante estas solicitudes a Concelleira delegada de Persoal propón crear una oficina que centralice estas cuestións e que funcionaría como un rexistro propio dependente da Concellería de Participación Cidadá -tal como se recolle no RPC-. No que respecta á Comisión, deberá contar coa aprobación do resto dos Grupos Municipais, xa que debe ser aprobado no Pleno.


Ø Rexistro de Cidadáns: Apostamos pola creación deste Rexistro por varias razóns. En primeiro lugar vemos que é necesario reforzar á idea da participación a título individual, e, tal como está recollido no RPC, esa participación individual debe estar presente en moitos dos órganos e comisións, como son os Consellos Sectoriais, os órganos dos OP´s como é o Grupo Motor, a propia Comisión de Control do RPC, etc.

Xa na propia Comisión, vemos a necesidade de crear ese Rexistro xa que pode ser un medio para incorporar algunha persoa máis a esta Comisión. Valoramos a experiencia doutros Concellos neste senso acordamos poñer en marcha o Rexistro.

Apróbase un formulario de inscrición para ser enviado á Comisión Informativa da área de Participación Cidadá, co Vº e Pº da Secretaria Xeral, e a súa posterior elevación ó Pleno da Corporación.

Cremos necesaria a aprobación por parte do Pleno para dotar o acordo de;

o Maior lexitimidade, permitindo o debate entre os grupos municipais e a cidadanía, continuando cun procedemento coherente de traslado ó órgano plenario dos asuntos relativos a procesos de participación cidadá;

o Maior visibilidade para esta nova canle de participación, ante os medios e a opinión pública, facilitando una difusión máis ampla. Acordamos facer accións de divulgación deste rexistro, expoñendo e informando á cidadanía, ó mesmo tempo, cales son os órganos vixentes para participación.

Ø Defensor/a da Cidadanía: Acórdase crear a figura do Defensor/a da Cidadanía para reforzar as canles entre o Concello e a Cidadanía, co obxecto de que esta figura realice un seguimento dos problemas vividos pola veciñanza a través da investigación daqueles expedientes tramitados como queixas. Debido a que no RPC non se estipula o perfil desta figura e vendo que é necesario recabar máis información noutras figuras similares a esta, acordamos na comisión estudar os posibles perfís profesionais para a posta en marcha do DC, condicionando a súa activación á implementación da oficina de queixas e suxestións. Polo tanto, paralelamente á posta en marcha da citada oficina, acordamos solicitar á Secretaría Xeral un informe do perfil do Defensor da Cidadanía e una resolución sobre a asignación orzamentaria.



- Reforzamento do orzamento da área de participación.


O orzamento da área de Participación Cidadá para o ano 2011, aprobado no pleno o pasado día 5 de Xaneiro é o seguinte:


* Promoción e difusión da participación . . . . . . . . . 60.000 €


* Estudio e traballos técnicos . . . . . . . . . . . . . . . . . 80.000 €



* Desenvolvemento da participación cidadá e seu regulamento . . . 100.000 €



Orzamentos Participativos-2011:


Outro traballo importante foi a organización doutro Foro Cívico convocado exclusivamente para determinar o proceso de OP para este ano 2011 Nunha primeira reunión a adicamos a determinar as diversas posturas dentro da propia comisión sobre a ampliación territorial e/ou sectorial dos OP, para trasladar este contido ás reunións celebradas para a organización do foro, na que participou esta comisión, así como membros do grupo motor e outros órganos do proceso de OP do ano 2010.



VALORACIÓN E ACORDOS DO FORO CÍVICO DE XANEIRO A conclusión dese foro é abrir o proceso de orzamentos participativos á toda a cidade. Deste xeito toda a cidadanía poderá implicarse na xestión municipal de maneira directa. Isto supón un grande reto que conleva unha asunción e responsabilidade pola nosa parte para que ese proceso de OP teña a calidade que require.

Non se trata só de incorporar ó proceso a moita xente, senón de que os cidadáns que participen sexan conscientes do que significa participar e asuman o grado de responsabilidade nos debates e nas decisións que se tomen.


A Comisión do RPC pode e debe involucrarse neste proceso á hora de dinamizar e difundir un proceso de tanta importancia como é a participación na elaboración dunha parte importante dos orzamentos do Concello de Ferrol. Se nalgún momento a comisión tivo dúbidas sobre a súa participación neste proceso, este ano coa ampliación do proceso a toda a cidade, esta comisión debería pasar a ser una parte moi activa do mesmo.

Servir como parte importante para a súa difusión, xa que procesos como os OP, reforzan a participación cidadá en xeral Grupo Motor-2011 saínte do Foro Cívico celebrado o pasado 28 de xaneiro como equipo inicial de traballo no proceso de Orzamentos Participativos 2011, aberto a novas incorporación, avanzou que se acordou agrupar os 22 barrios do concello en 9 asembleas ou zonas de traballo para desenvolver este proceso que conta este ano cun orzamento de tres millóns de euros.


Estas ZONAS son:


- Caranza;


- Esteiro- Recimil (O Pilar);


- Ensanche A (Inferniño)-Ensanche B (Ultramar)-O Bertón;


- San Pablo de Catabois- Santa Mariña-San Xoán de Filgueira e Santa Icía;


- Ferrol Vello- Canido -A Magdalena;


- San Felipe- Brión- A Graña- A Cabana;


- San Xurxo- Doniños;


- Covas- Esmelle- Marmancón;


- Serantes -Mandiá.


Esta zonificación da cidade é aberta e está suxeita a modificacións segundo se avance no traballo, pero é un modo de organizar o traballo e de dar comezo a unha estrutura que de funcionar ben acabaría por asentar definitivamente ás Asembleas de Barrio, tal como están recollidas no Regulamento de Participación Cidadá.

Así mesmo, na dita xuntanza de traballo se acordou levar a cabo accións inmediatas de divulgación do proceso nos diferentes barrios e parroquias e acadar a implicación de toda a sociedade, tratando de chegar a aqueles colectivos que non participaron activamente nas anteriores edicións dos Orzamentos Participativos ou o fixeron en menor proporción como é o caso da xuventude.


CONCLUSIÓNS E REFLEXIÓNS FINAIS DA COMISON DE CONTROL PROVISIONAL DO RPC. ;


- Un dos cambios e logros máis importantes deste novo Regulamento foi a presenza e participación da cidadanía a título individual nos diferentes órganos contemplados no Regulamento de Participación Cidadá. Así a cidadanía pode participar na xestión e control dos servizos públicos, así como a capacidade de formular propostas nos diferentes procesos de participación.


- A Comisión de Control Provisional RPC, demanda ao Goberno Municipal e membros da corporación o cumprimento dos compromisos adquiridos o pasado mes de Novembro, como a posta en marcha da OFICINA DE SUXESTIÓNS E RECLAMACIÓNS e a COMISIÓN ESPECIAL DE SUXESTIÓNS E RECLAMACIÓNS, formada esta por concelleiros/as de todos os Grupos Municipais.


- Tamén consideramos unha prioridade, INICIAR O PROCESO PÚBLICO DE CANDIDATURAS PARA O/A DEFENSOR/A- VALEDOR/A DA CIDADANÍA, tal e como establece o RPC, así como dotalo dunha partida orzamentaria.



- Pensamos que os CONSELLOS SECTORIAIS débense ACTIVAR co fin de renovar e actualizar os seus membros, ademais de adaptar o seus Regulamentos Internos de Funcionamento a esta normativa. Temos que reiterar a importancia de poder concorrer a estes órganos a cidadanía a título individual, polo que recomendamos a máxima difusión pública destes procesos sectoriais. Lembramos a obriga de difundir a través dos medios de difusión do concello e páxina Web as súas convocatorias e acordos adoptados.

- A acción da Participación Cidadá emana da soberanía cidadá a través dos procedementos contemplados no Regulamento de Participación Cidadá co fin de alcanzar a DEMOCRACIA PARTICIPATIVA.


-Percibimos que o Regulamento aínda non está suficientemente arraigado no tecido social o que significa que se debe realizar un esforzo de formación e información. Somos conscientes da dificultade de achegar o RPC a toda a cidadanía o que estimamos un PROCESO lento a medio prazo.


Unha das principais funcións desta Comisión é a de servir como espazo de debate e canle de participación e para iso é fundamental difundir o contido do RPC.


É verdade que é moi importante poñer en marcha os órganos e os espazos de participación que están recollidos neste Regulamento; pero antes de poñer en marcha unha estrutura ampla e complexa haberá que pensar se a cidadanía estamos preparados para participar, e incluso se hai esa demanda.

Estamos vendo que hoxe, na sociedade actual, os cidadáns reclaman pouco a participación, agás en casos moi puntuais; non hai unha implicación do cidadán nas cuestións municipais, hai unha desafección aos asuntos municipais, etc. Quizais o traballo desta Comisión debería estar dirixido en primeiro lugar a implicar tanto as entidades, sobre todo veciñais, como ós cidadáns en xeral na vida municipal, involucralos nos debates, participación, xestión municipal, acurtar esa distancia que existe entre o veciño/a e o Concello, que o cidadán pase de ser un mero espectador, a formar parte desa xestión municipal.


Por iso é preciso marcar un calendario de traballo priorizando a información e a difusión do RPC e os mecanismos da participación (un bo momento para facelo é aproveitar o proceso de OP deste mesmo ano para divulgar estas cuestións).


Outra cuestión importante para que a participación cidadá pase a formar parte da nosa sociedade, é a formación. Para levar a cabo procesos reais de participación é necesaria a formación. Una política dirixida á formación e á educación na participación creará cidadáns comprometidos e capacitados para o debate, a reflexión e, finalmente a toma de decisións, que en casos -como nos OP,s- son vinculantes. Debemos, por tanto, e de maneira urxente, organizar unha xornadas de formación dirixidas tanto as entidades sociais como ós cidadáns a título individual.


Dende esta Comisión de Control Provisional do RPC, convidamos e animamos a cidadanía a participar nos diferentes órganos deste regulamento e procesos participativos.



Ferrol a 4 de Abril de 2011.



- A Comisión de Control Provisional do Regulamento de Participación Cidadá.