5/5/12

Asemblea de barrio Catabois-

Vilariño recibirá aos veciños de Catabois

 para abordar a apertura do centro cívico.

Sábado, 05 de Maio de 2012.
 redacción > ferrol .

Un centenar de veciños de Catabois obtiveron onte o compromiso do edil de Participación Cidadá, José Manuel Vilariño, de concertar unha reunión "nun prazo máximo de quince días" con representantes das entidades do barrio que urxen a apertura do centro cívico. O acordo tomouse no transcurso dunha asemblea de barrio celebrada onte no local de Agarimo, á que ademais asistiu a concelleira de barrio, Verónica Casal.

A Asociación de Vecinos San Pablo de Catabois, a de Comerciantes, Empresarios e Hostaleiros, o Club de chave e a Coral polifónica de San Pablo solicitaron ao Consistorio en reiteradas ocasións a apertura das instalacións para poder retomar a súa actividade. A administración local, ata a data, explicoulles que o centro abriría unha vez licitásese a xestión da cafetería, un proceso cuxos trámites están pendentes de finalizar.

Na sesión de onte resultaron elixidos, tal como estaba previsto, José Dalama e Alicerce Beceiro como representantes da asemblea de barrio de Catabois e José Martínez e Ana Beceiro do Consello da Veciñanza.

Diario de Ferrol.-

4/5/12

INFORME COMISIÓN DE CONTROL.-

Acusan ao goberno local de utilizar de forma

 partidista a democracia participativa .

Piden a dimisión do concelleiro de

Participación Cidadá, Jose M. Vilariño.

Venres, 04 de Maio de 2012.

redacción > ferrol

A Comisión de Control Provisional do Regulamento de Participación Cidadá (RPC) cualificou onte de "moi negativa" a valoración do proceso participativo desenvolvido no último ano. O colectivo, que celebrou unha reunión na Galería Sargadelos, acusou ao actual goberno local de utilizar de forma partidista a democracia participativa. Ademais, solicitou novamente a dimisión do edil da área, José Manuel Vilariño, "por inepto", á vez que lle acusaron de anular o proceso na cidade e de "mofarse" dos veciños que acoden ás asembleas.

"O actual goberno local nin entende a participación cidadá nin a quere entender", asegura o colectivo.

A actitude do goberno local non é máis que, segundo a Comisión de Control, "unha estratexia deste partido político, pero tamén doutros". O colectivo esixe máis debate e comunicación e información coas comisións de seguimento dos orzamentos da área de 2009 e 2010.

"En menos dun ano mataron un proceso de participación cidadá que se estaba asentando de maneira moi sólida na nosa cidade, que conseguíu ser pioneira en 2009 levando a cabo un proceso de auténtica democracia", aseguran desde o colectivo. Este responsabiliza ademais da actual situación a "un alcalde ausente nestes procesos".

A vulneración de varias propostas aprobadas pola asemblea de cidade, a desaparición das comisións de seguimento dos orzamentos de 2009 e 2010; a usurpación das decisións da cidadanía e a falta de aplicación do Regulamento son algunhas das actuacións denunciadas pola Comisión de Control.

Finalizada a intervención dos representantes da comisión, os veciños incidiron na necesidade de apostar polo movemento veciñal, formular propostas de traballo e reorganizarse nos barrios e traballar conxuntamente coas entidades veciñais para implicar aos veciños dos diferentes barrios. A maioría dos presentes coincidiron en criticar a partida que o Concello destinará a rematar a superficie da praza de España, uns 800.000 euros, incidindo en que actualmente existen outras prioridades.

A próxima reunión do colectivo terá lugar o día 23, ás sete da tarde, nas instalacións da Galería Sargadelos. Á mesma animan a asistir á cidadanía en xeral e aos representantes das asembleas de barrio e consellos da veciñanza en particular, para perfilar o futuro dos diferentes órganos.

Diario de Ferrol.-