29/1/11

OPs -2011 PARA TODA A CIDADE.-

Os orzamentos participativos serán

anuais e esténdense a toda a cidade.

Sábado, 29 de Xaneiro de 2011


O alcalde, Vicente Irisarri, acompañado do edil de Participación Cidadá, Manuel Santiago, inaugurou onte o foro cívico celebrado no centro cultural Carvalho Calero no que se tomaron decisións importantes en canto ao futuro do desenvolvemento e a aplicación dos orzamentos participativos para este ano.

Así, os asistentes ao acto optaron por estender a toda a cidade o proceso de investimento.


Para tomar esta decisión, presentouse aos participantes as alternativas propostas nos encontros de traballo mantidos anteriormente para a ampliación territorial dos orzamentos participativos, e que expuñan ou ben a ampliación a toda a cidade ou a incorporación dun número específico de novos barrios (catro ou seis).



Neste último caso manteríase a presenza dos barrios e parroquias que xa participaron nos anteriores procesos.

Grupos de tres persoas consensuaron unha listaxe de valoracións a favor ou en contra das alternativas presentadas e posteriormente foron recollidas polo equipo técnico.

O último paso foi a votación, a man alzada, e o reconto que permitiu determinar o novo modelo para 2011. Tal e como explicou o responsable das políticas de participación cidadá do Concello, Manuel Santiago, elixiuse "maioritariamente" a extensión do proceso a toda a cidade.


Dentro desta posibilidade expúñase, ademais, que se investise ano a ano ou de forma bienal.

A primeira opción foi a máis valorada e, xa que logo, a que se terá en conta a partir deste momento.
Na reunión de onte quedou constituída a comisión do Grupo Motor encargada do traballo dos orzamentos de 2011 e, deste xeito, empezaranse a perfilar os investimentos para este ano.
O modelo de aplicación a toda a cidade non implica que se aproben unicamente actuacións que afecten a todos os barrios, senón que todas as parroquias e lugares do municipio poden ser beneficiadas.
Na reunión de onte tomaron parte, ademais de cidadáns en xeral, os integrantes do Grupo Motor e a Mesa de Propostas nas edicións de 2010, así como as que integran a Comisión provisional de control do regulamento de participación, a comisión de seguimento dos orzamentos participativos e a dos foros cívicos.

A convocatoria chegou deste xeito aos domicilios dos 22 barrios e parroquias do termo municipal. No encontro deuse conta, ademais, dos resultados obtidos nas edicións anteriores, especialmente do grao de execución dos proxectos seleccionados.

Deste xeito, o edil de Participación, Manuel Santiago, recordou que ata o momento beneficiáronse desta iniciativa as parroquias de San Xurxo, Doniños, Covas e Esmelle e os barrios de Canido, Ferrol Vello, Santa Mariña, San Pablo e San Xoán de Filgueira.
A de 2011 será a terceira experiencia e a esta destínanse tres millóns de euros, o que supón un 5,56% do orzamento municipal.




-Diario de Ferrol.-
-Fotos Blog Comision
Control Participación.-

OS OPs ESTENDERASE A TODA A CIDADE.-

Os orzamentos participativos

chegarán a todo Ferrol.-

29//02//2011.-
Os tres millóns de euros destinados aos orzamentos participativos para este ano distribuiranse entre os barrios e parroquias de todo o municipio.
O Foro cívico celebrado onte no centro cultural Carvalho Calero decidiu por unha ampla maioría estender o modelo que ata agora se aplicou a nove barrios e parroquias -San Xurxo, Doniños, Covas, Esmelle, Canido, Ferrol Vello, Santa Mariña, San Pablo de Catabois e San Xoán- ao resto do concello.
Así o explicou o concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, ao termo do encontro, mostrando a súa satisfacción pola decisión tomada. Recordando as palabras do experto internacional en orzamentos participativos, Giovanni Alegretti, que interveu na sesión, Santiago sinalou que se trata de «un salto cuantitativo» tras o exercicio «experimental» do 2009 e a ampliación a catro novos barrios realizada o pasado ano. «Significa que a cidadanía o que quere é estender este proceso para que todos sexamos partícipes», sinalou.
O 5% das contas do 2011
A ampliación a todo o territorio ferrolán se impuxo á opción de incrementar progresivamente o número de barrios. Os cidadáns poderán decidir o destino do 5,56% dos orzamentos municipais ao longo do proceso.

Ademais, o pasado mércores constituíuse a comisión de seguimento dos orzamentos participativos do 2010, que se encargará de velar polo cumprimento e execución das 25 propostas elixidas e xa aprobadas polo pleno local.
La Voz de Galicia.-

24/1/11

CONVOCATORIA FORO CIDADÁN- OPs -2011

A cidadanía elixirá este venres os barrios
nos que se aplicarán os Orzamentos
Participativos 2011.


· O Concello convoca aos ferroláns e ferrolás a participar no Foro Cívico que se celebrará no Centro Carvalho Calero ás 18.00 e que inaugurará o alcalde, Vicente Irisarri.

· O concelleiro Manuel Santiago avanza que se poderá votar entre incorporar no modelo a toda á cidade ou aumentar de forma progresiva os novos barrios.

· Destaca que este ano se destinarán tres millóns de euros ao proceso, cuxo desenvolvemento estará aberto ás opinións e suxestións dos asistentes á xuntanza


Ferrol, 24 de xaneiro de 2011.-
O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, invitou á cidadanía a participar este venres no Foro Cívico “Orzamentos Participativos 2011: ampliación territorial e prioridades” que se celebrará no Centro Cultural Carvalho Calero entre as 18.00 e as 21.00 horas.
¿O seu obxectivo? Presentar publicamente o inicio deste proceso pioneiro en Galicia correspondente ao presente ano, dar conta dos resultados obtidos nas edicións anteriores -especialmente do grao de execución dos proxectos seleccionados nos mesmos- e decidir participativamente o modelo de ampliación territorial dos Orzamentos Participativos para 2011 (estendelo a toda a cidade ou incorporar un número específico de barrios e parroquias).
Tamén recoller suxestións e opinións da cidadanía para o seu desenvolvemento. E ao fío disto, Manuel Santiago lembrou que ata a actualidade se beneficiaron desta iniciativa un total de 9 barrios e parroquias: San Xurxo, Doniños, Covas e Esmelle -na zona rural- e Canido, Ferrol Vello, Santa Mariña, San Pablo de Catabois e San Xoán de Filgueira -na zona urbana-.

A este respecto, destacou que neste ano, e na que será a terceira experiencia de Orzamentos Participativos, a cantidade reservada ao dito proceso amplíase ata os 3.000.000 millóns de euros, o que supón o 5,56% do orzamento municipal.
Unha porcentaxe significativamente superior á maioría das experiencias que deste tipo se están a desenvolver en España, nas que se destina entre un 2 e 3% do orzamento total.
Así mesmo, Manuel Santiago subliñou que Ferrol ten outra particularidade: o carácter aberto a todas as partidas e concellerías, así como no proceso de toma de decisións.
E como exemplo, referiuse ao modelo territorial que se elexirá neste foro cívico, ao que ademais da cidadanía en xeral están convocadas as persoas que conformaron o Grupo Motor e a Mesa de Propostas nas edicións dos Orzamentos Participativos de 2010, así como as que integran a Comisión Provisional de Control do Regulamento de Participación Cidadá, a Comisión de Seguimento dos Orzamentos Participativos e a Comisión de Seguimento dos Foros Cívicos. Nese senso, remitiuse a convocatoria do dito Foro Cívico a todos os domicilios dos 22 barrios e parroquias do termo municipal de Ferrol.

Xa polo miúdo, o foro será inaugurado polo alcalde, Vicente Irisarri, que estará acompañado polo concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago. A continuación, intervirá a técnica de Participación Cidadá, Maica Rodríguez, que presentará o proceso previsto para 2011 e o nivel de execución dos proxectos que foron aprobados nas dúas primeiras edicións.
Respecto ao esquema de traballo previsto, o edil Manuel Santiago avanzou que se presentará ás persoas asistentes ao dito foro as alternativas propostas nos encontros de traballo mantidos anteriormente para a ampliación territorial dos Orzamentos Participativos: a súa ampliación a toda a cidade ou a incorporación dun número específico de novos barrios.
Neste último caso manterase a presenza daqueles barrios e parroquias que participaron nos anteriores procesos e o número de barrios do rural terá que ser equivalente ao do ámbito urbano -este será de catro barrios en total, ao igual que o pasado ano, ou ben un incremento en 9 zonas, co que se duplicaría o número de barrios e parroquias implicados na actualidade, ou de 6-. Finalmente, se algún dos asistentes o considera imprescindible, poderá suxerir unha terceira alternativa.

O seguinte paso consistirá na formación de grupos de tres persoas que terán que consensuar unha listaxe de valoracións a favor ou en contra das alternativas presentadas.
Unha vez finalizada esta tarefa, irán presentando as súas valoracións, que serán recollidas polo equipo técnico.
Finalmente, os asistentes procederán a outorgar o seu voto a aquel modelo de ampliación que consideren máis pertinente -a votación farase a man alzada-.
O foro finalizará co reconto das votacións e, polo tanto, da identificación do modelo que se seguirá para a ampliación territorial dos Orzamentos Participativos 2011.
Como peche, haberá a partires das 20.15 horas unha actuación do dúo Mofa e Befa.

Saúdos; Gabinete de Comunicación.-

16/1/11

PREPARACIÓN FORO CÍVICO.- 28 XANEIRO-2011

O Concello convoca un foro para elixir os

barrios dos Orzamentos participativos 2011


O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, anunciou na mañá de onte que o centro cultural Carvalho Calero, situado na praza do Inferniño, acollerá o 28 de xaneiro, ás seis da tarde, un foro cívico aberto a toda a cidadanía no que se decidirán os barrios que entrarán a formar parte do proceso de Orzamentos Participativos 2011.

Ata a actualidade beneficiáronse deste proceso San Xurxo, Doniños, Covas e Esmelle, na zona rural; e Canido, Ferrol Vello, Santa Mariña, San Pablo de Catabois e San Xoán de Filgueira, na zona urbana.

Este ano, que será a terceira edición dos Orzamentos Participativos, a cantidade reservada é de tres millóns de euros, que supón o 5,56% das contas municipais.
O concelleiro avanzou que o pasado xoves no salón de recepcións do Concello tivo lugar unha primeira sesión de avaliación sobre o proceso do levado a cabo no 2010.
La Voz de Galicia.-

13/1/11

XUNTANZA -PREPARACIÓN FORO CÍVICO.-


Estimados grupos de traballo;


O próximo xoves 13 de xaneiro ás 18.30 horas terá lugar no Salón de recepcións da Casa do Concello unha xuntanza preparatoria do FORO CÍVICO SOBRE A AMPLIACIÓN DOS ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS DE 2011.

A sesión durará aproximadamente 2 horas e terá como único punto na orde do día a organización do evento programado para o 28 de xaneiro, no que se aprobará o modelo de participación deste ano, os barrios cos que traballar e a avaliación de 2010.

Agardamos a vosa presenza, coa finalidade de mellorar o proceso e construír o novo camiño para os seguintes meses.

Parabéns a todos/as polo traballo realizado ate agora e Feliz 2011.

Unha aperta,
Concellería de participación cidadá


Casa do Concello.

Praza de Armas, s/n. 15402

Ferrol

Tel: 981.944.015 / 981.944.219 / Ext. 202