20/11/10

PRESENTACION DOS FOROS CÍVICOS.



O Concello de Ferrol activa os Foros Cívicos


recollidos no Regulamento de Participación Cidadá


Xoves, 4 de novembro de 2010


Serán un total de cinco e celebraranse no Centro Cultural Carvalho Calero nos meses de novembro e decembro.


A democracia participativa, as políticas de xuventude, a posta en valor do patrimonio e o medio ambiente ou as novas tecnoloxías son algunhas das temáticas que se abordarán.


O edil Manuel Santiago e membros das comisións de seguimento e control destacaron a importancia destes órganos como instrumentos de reflexión e participación.

O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, anunciou a constitución dos cinco foros cívicos que foran aprobados ao abeiro do proceso de Orzamentos Participativos de 2009, proceso pioneiro en Galicia en cuxa primeira experiencia participaron os barrios de San Xoán de Filgueira, San Pablo de Catabois e Santa Mariña -na zona urbana- e as parroquias de Doniños e San Xurxo -na zona rural-.

Os ditos foros aprobáronse no seno da asemblea urbana por un importe de 18.000 euros e activaranse este mesmo venres no Centro Cultural Carvalho Calero.

Na súa presentación o edil estivo acompañado por integrantes da Comisión de Seguimento de Orzamentos Participativos e da Comisión Provisional de Control do Regulamento de Participación Cidadá: Pilar Rodríguez, Luis Espiñeira, Andrés Rodríguez, Luis Taboada e Ana Beceiro.

Todos eles destacaron a necesidade destes órganos de reflexión e debate ao constituír unha ferramenta de participación cidadá de grande importancia para o conxunto de todo o tecido asociativo. ¿As súas temáticas? Democracia participativa, as políticas de xuventude, a posta en valor do patrimonio e o medio ambiente, as novas tecnoloxías e o aforro enerxético e o ordeamento urbanístico, entre outras.

A este respecto, o edil Manuel Santiago avanzou que serán cincos os foros que se celebrarán ao longo dos meses de novembro e decembro. Este foron acordados nos dous grupos de traballo dos Orzamentos Participativos e do Regulamento de Participación Cidadá, os cales deseñaron conxuntamente as actividades. Ademais, subliñou que os ditos foros cívicos están contemplados no Regulamento de Participación, no que se recolle a súa función. Neste senso, Manuel Santiago explicou que os foros cívicos son órganos de reflexión e debate cidadá, de formulación de propostas e de control da execución das mesmas cando sexan aprobadas polo Concello de Ferrol.

Así mesmo, permiten a participación cidadá en cuestións que afectan a máis dunha área ou sector de actividade municipal. Son, polo tanto, órganos de carácter transversal ou interdepartamental que teñen entre os seus cometidos promover a colaboración entre asociacións, persoas expertas e vinculadas ás temáticas que se aborden nos foros.

Outra das súas funcións é canalizar a participación directa na xestión municipal dos asuntos que afecten a máis dunha área orgánica da actividade municipal, das persoas e das entidades afectadas ou interesadas, establecendo os mecanismos necesarios de información, estímulo e seguimento das actividades municipais.

Tamén participar na toma de decisións sobre as medidas a adoptar polo Concello na temática do foro escoitando e debatindo as demandas cidadás e elaborando propostas en forma de dictames e informes.

Finalmente, controlarán a execución, por parte do Concello, das actuacións que tivese aprobado a partires dos informes emitidos polo foro.

Tal e como explicou o concelleiro Manuel Santiago, cada un dos cinco foros programados centrarase nunha temática específica que afecta a máis dunha área orgánica de actividade e pretenden, por tanto, canalizar a participación directa na xestión municipal da cidadanía.

O calendario dos foros cívicos coas súas temáticas é o seguinte:


- VENRES 5 DE NOVEMBRO. “Democracia participativa. Promoción da participación cidadá no tecido social e administrativo. Corresponsabilidade”.


- SÁBADO 6 DE NOVEMBRO. “As políticas de xuventude e a participación cidadá”.


- VENRES 19 DE NOVEMBRO. “Posta en valor do patrimonio e o medio ambiente”.


- SÁBADO 20 DE NOVEMBRO. “Novas tecnoloxías, aforro enerxético e enerxías alternativas”.


- VENRES 17 DE DECEMBRO. “O modelo de cidade que queremos. Ordenamento urbanístico e compromisos sostibles coa cidadanía”.


Respecto ao lugar e horario de celebración, todos eles serán no Centro Cultural Carvalho Calero, ubicado na Praza do Inferniño.

Os venres desenvolveranse de 18.00 a 21.00 horas e os sábados, de 11.00 a 14.00 horas.

O concelleiro Manuel Santiago fixo un chamamento á participación cidadá neste foros cívicos, un aspecto no que tamén incidiu Ana Beceiro, membro da Comisión Provisional de Control do Regulamento. Neste senso, fixo unha invitación especial á participación no foro que se celebrará este venres sobre democracia participativa, xa que nel se poderá acordar o modelo de ampliación a novos barrios do proceso de Orzamentos Participativos do 2011.

Pola súa banda, Luis Espiñeira, integrante da mesma Comisión, valorou moi positivamente a posibilidade que teñen os veciños e veciñas de participación na elaboración da política municipal coa posta en marcha de novos órganos contemplados no Regulamento, xa que deste xeito se camiña de cara a unha xestión compartida entre o Concello e a cidadanía.

ferrol.es

XUNTANZA DA COMISION DE CONTROL COS GRUPOS POLÍTICOS.

A Comisión Provisional de Control do Regulamento


de Participación reuniuse cos grupos políticos


municipais para impulsar o seu desenvolvemento.


Mércores, 27 de outubro de 2010.

O edil Manuel Santiago anunciou que a Comisión mantivo un encontro cos representantes políticos.

A creación da figura do Defensor da Cidadanía ou da Oficina e Comisión de Suxestións e Reclamacións son algunhas das necesidades que se plantexarán na reunión.

O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, informou de que a Comisión Provisional de Control do Regulamento de Participación Cidadá mantivo un encontro coas cinco forzas políticas con representación na corporación municipal.

Foi no pazo muncipal e o seu obxectivo era acadar darlle un impulso ao desenvolvemento do dito Regulamento e facilitar a posta en marcha dalgunhas das figuras contempladas neste documento, tales como o Defensor da Cidadanía ou a Oficina e Comisión de Suxestións e Reclamacións, entre outras.

A finalidade, tal e como subliñou o edil, é traballar en conxunto para que este Regulamento de Participación Cidadá se desenvolva o mais rapidamente posible. E ao fío disto, o concelleiro Manuel Santiago destacou que xa se teñen dado pasos ao respecto.

O último deles, a xuntanza que a Comisión Provisional de Control, integrada por once persoas do anterior Grupo de Análise e Propostas (GAP) do proceso de Orzamentos Participativos 2009 mantivo a semana pasada cos representantes municipais de Facenda e Turismo; Muller e Benestar Social; Recursos Humanos; Medio Ambiente, e Participación Cidadá.

Nela adoptáronse diversos acordos como o deseño e posta en marcha dun formulario para a recollida de queixas e suxestións que estaría dispoñible na web municipal e a creación dunha carpeta (física) específica no Rexistro Xeral do Concello para tramitar as queixas e suxestións directamente co departamento de Participación Cidadá.

Así mesmo, incidiuse na necesidade de crear a figura do Defensor da Cidadanía como garante do estudo e seguimento dos problemas dos cidadáns e cidadás ante a Administración municipal. A este respecto, o edil Manuel Santiago informou de que está pendente o estudo de viabilidade da Oficina do Defensor da Cidadanía.

Estes foron algúns dos aspectos que se abordaron na xuntanza que se celebrou no Concello e na que a Comisión Provisional de Control do Regulamento de Participación Cidadá transmitiu as súas demandas e inquedanzas en relación aos orzamentos da área de Participación Cidadá aos grupos políticos municipais.

Entre estas, a necesidade de incrementar o orzamento desta área para axilizar a aplicación do dito Regulamento.

A posta en marcha do Rexistro Municipal de Cidadáns para darlle á cidadanía a opción de colaborar na acción municipal a través dos órganos de participación vixentes en cada área ou o impulso dos consellos sectoriais municipais vixentes foron outros aspectos nos que fixeron fincapé os once integrantes da Comisión Provisional de Control do Regulamento de Participación Cidadá e que trasladaron aos grupos con representación na corporación.

Respecto a este último punto, o concelleiro Manuel Santiago subliñou o interese da dita Comisión por darlle un pulo a estes consellos tanto en canto á frecuencia como mediante a incorporación aos mesmos tanto do movemento asociativo como de cidadáns a título individual.

ferrol.es

A COMISION TÉCNICA PRIORIZA 80 PROPOSTAS

A Comisión Técnica inicia o cálculo orzamentario das 80 propostas que se someterán a votación na Asemblea de Cidade do próximo 27 de novembro
Luns, 25 de outubro de 2010
As delegacións da Mesa de Propostas están priorizando as iniciativas aplicando os criterios do Regulamento.
O edil Manuel Santiago destaca que os Orzamentos Participativos de Ferrol presentaranse na Coruña nunhas xornadas enmarcadas nun proxecto europeo sobre democracia local e participación
O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, avanzou que a Asemblea de Cidade na que se votarán as propostas que serán financiadas con cargo á partida de 1.650.000 euros reservada ao proceso de Orzamentos Participativos de 2010 se celebrará o 27 de novembro.
Será neste encontro cando os veciños e veciñas elixan de entre as 80 propostas que se someterán a votacións aquelas a executar nos nove barrios e parroquias seleccionadas neste proceso pioneiro en Galicia: San Pablo de Catabois, San Xoán de Filgueira, Santa Mariña, Ferrol Vello e Canido -na zona urbana- e Doniños, San Xurxo, Covas e Esmelle -na zona rural-.
E ao fío disto, o edil informou de que, tras a celebración este mércores do encontro entre os coordinadores das Mesas de Propostas que foron elixidos nas Asembleas de Zona e os integrantes da comisión técnica dos Orzamentos Participativos, a dita comisión iniciou a fase de cálculo orzamentario das 80 propostas que irán á Asemblea de Cidade.
E ao fío disto, puntualizou que se terán en conta as 10 propostas máis votadas en cada Asemblea de Zona (Covas-Esmelle, Ferrol Vello-Canido, Doniños-San Xurxo e San Pablo de Catabois, Santa Mariña e San Xoán de Filgueira) como propostas de reserva no caso de que a suma total do conxunto non chegue aos 1.650.000 euros dos Orzamentos Participativos 2010.
Así mesmo, o concelleiro Manuel Santiago subliñou que xa comenzaron as sesións de traballo para priorizar as iniciativas coas delegacións da Mesa de Propostas. Nestas xuntanzas estanse a aplicar os criterios recollidos no Regulamento de Orzamentos Participativos 2010, no que se priman as propostas que afecten a nivel de investimento e mantenemento.
Entre estas, aquelas que eviten o grao de abandono dun barrio, o seu illamento en comunicacións e infraestruturas e a mellora da fisionomía urbana. Tamén a atención ás necesidades básicas e calidade de vida.
Respecto ás propostas de actividades e programas, primaranse aqueles proxectos que atendan a determinados colectivos como son o de mulleres, persoas con diversidade funcional ou de persoas desfavorecidas, entre outros.
Estas sesións iniciáronse no CEIP de San Xoán de Filgueira e Bertón coas propostas relativas ás zonas de San Pablo, Santa Mariña e San Xoán e na Aula de Ecoloxía Urbana, coas referentes aos barrios de Ferrol Vello e Canido. Tamén celebráronse as xuntanzas de traballo correspondente ás parroquias de Doniños e San Xurxo (no local da Asociación de Veciños desta última parroquia) e a de Covas e Esmelle (neste caso, no local da Asociación de Veciños de Covas).
Finalmente, o edil de Participación Cidadá destacou que a experiencia de Orzamentos Participativos de Ferrol presentarase nunhas xornadas enmarcadas no proxecto europeo “Democracia local y participación ciudadana”, organizadas pola Fundación Democracia y Gobierno Local e a Deputación Provincial da Coruña.
Será o próximo 28 de outubro na Coruña.
ferrol.es