31/3/10

PRESENTACION OPs- 2010 - A. V. CANIDO


O Concello inicia esta tarde en Canido as
xuntanzas de traballo coas asociacións de veciños
dos nove barrios nos que se investirán os
Orzamentos Participativos 2010

O edil Manuel Santiago asiste ao primeiro destes encontros, que se celebrarán tamén nos barrios que se incorporaron á experiencia piloto: Ferrol Vello, Covas e Esmelle, ademáis de Canido.

Na xuntanza abordarase a proposta de traballo para este ano e a avaliación do proceso desenvolvido no 2009.

A comisión técnica ampliarase con persoal administrativo e técnico de todos os departamentos municipais.

Ferrol, 30 de marzo de 2010.-
O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, asiste esta tarde, xunto coa técnica deste departamento, Maica Rodríguez, á reunión que se celebrará a partir das 20.00 horas coa nova directiva da Asociación de Veciños de Canido para abordar o proceso de Orzamentos Participativos correspondente ao presente ano.
Tal e como indicou o concelleiro, esta xuntanza, que terá lugar na sede da propia entidade veciñal, é a primeira das que se celebrarán cos representantes dos novos barrios que foron seleccionados para este segundo proceso de Orzamentos Participativos, pioneiro en Galicia.
Trátase, pois, dunha toma de contacto cos responsables da AVV que posteriormente se levará a cabo co resto das entidades dos nove barrios restantes nos que se desenvolverán os proxectos que serán financiados con cargo á partida de 1.650.000 € que neste exercicio se destinará ao proceso.
Estes son Ferrol Vello, na zona urbana -xunto co barrio de Canido- e Covas e Esmelle, na zona rural, que se suman aos de San Pablo de Catabois, San Xoán de Filgueira-O Bertón, Santa Mariña, Doniños e San Xurxo, elixidos para os Orzamentos Participativos do 2009.

O edil Manuel Santiago explicou que nesta xuntanza se informará aos representantes veciñais do modelo de Orzamentos Participativos que arrancou o pasado ano, ofrecendo información polo miúdo do desenvolvemento desta experiencia pola que se deu aos veciños e veciñas de Ferrol a oportunidade de elixir proxectos a executar en cinco barrios e parroquias do Concello de Ferrol.
Tamén se dará conta da proposta de traballo para 2010 e se informará acerca da estrutura e funcionamento do Concello, os departamentos dos que dispón e os mecanismos de colaboración e comunicación existentes coa Administración local recollidos no Regulamento de Participación Cidadá que entrou en vigor en decembro de 2009.

O concelleiro de Participación Cidadá avanzou así mesmo que xa se está a traballar nun borrador de regulamento dos Orzamentos Participativos de 2010, toda vez que o do pasado ano, unha vez avaliado, se modificará para adaptalo aos barrios que se incorporaron ao proceso.
O novo Grupo Motor deste ano será o encargado de validar o seu contido contando coas suxestións dos nove barrios que forman parte deste proceso na actualidade. A este respecto, Manuel Santiago informou de que o Grupo Motor comenzará o seu traballo unha vez rematadas as charlas informativas que sobre os Orzamentos Participativos se celebrarán nos meses de abril e maio.
Os compoñentes do dito Grupo serán elixidos polos asisntes a estas charlas.
E xa no mes de xuño está prevista a celebración das asembleas de todos os barrios.

A este respecto, o concelleiro de Participación Cidadá sinalou que se está estudando a posibilidade de celebralas agrupando aos barrios do seguinte modo: San Xurxo-Doniños, Covas-Esmelle, Ferrol Vello-Canido e Santa Mariña, San Pablo de Catabois e San Xoán.
En todo caso, subliñou que a súa celebración, ao igual que o resto do proceso, será consensuado coas entidades veciñais.
Finalmente, e xa para o mes de outubro, se prevé a celebración da asemblea plenaria coa totalidade dos 9 barrios implicados nos Orzamentos Participativos.
Na actualidade, dende os departamentos municipais se está traballando no reforzamento e constitución dunha Comisión Técnica máis ampla da que formarán parte persoal técnico e administrativo que recibirá formación sobre o proceso de Orzamentos Participativos.
A intención, tal e como avanzou Santiago, é que cada Concellería nomee representantes e empezar así a recoller información de todo o relacionado cos investimentos dos proxectos en cada barrio e parroquia.
Por outra banda, Manuel Santiago avanzou que está prevista a presentación nas entidades veciñais dun audiovisual sobre a experiencia piloto desenvolvida ao longo do 2009 no que se informa de todas as fases do dito proceso, dende as reunións iniciais ás asembleas e mesas de propostas das zonas Urbana e Rural ata a celebración do pleno no que se aprobaron as 14 propostas votadas polos veciños e veciños para ser executadas con cargo aos 350.000 euros que se destinaron a este primeiro proceso.

Saúdos; Gabinete de Comunicación.-

CENTRO CÍVICO - SOCIAL - BARRIO SAN PABLO

O proceso dos Orzamentos Participativos

fará posible a creación do Centro Cívico

e Social en San Pablo.

O goberno local incorporou esta actuación ao Plan-Ê tras a súa inclusión no Banco de Ideas creado cos proxectos que non se puideron financiar cos 350.000 euros previstos nos Orzamentos Participativos do 2009.

Ferrol, 31 de marzo de 2010.-
O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, informou esta mañá de que o barrio de San Pablo contará neste ano 2010 cun centro cívico e social, tal e como demandan os seus veciños e veciñas.
Será tras un investimento de medio millón de euros e, onte, o goberno municipal aprobaba en Xunta de Goberno o proxecto.
Os fondos, proceden do PlanÊ articulado por segundo ano consecutivo polo Goberno para combater a crise e, a previsión, e que as obras permitan sacar das listas do paro ou manter nos seus postos de traballo a 18 persoas.
Nesta liña, Manuel Santiago quixo destacar que a actuación nace do proceso dos Orzamentos Participativos iniciado o ano pasado en Ferrol.
Proceso pioneiro en toda Galicia a través do cal os veciños e veciñas determinaron o destino dunha partida de 350.000 euros dos presupostos ordinarios.
Neste proceso, que no presente exercicio conta cun orzamento de 1.650.000 euros, os residentes nos cinco barrios susceptibles de intervención presentaron centos de propostas para financiar con cargo a esta partida.
Posto que os fondos eran limitados, moitas delas quedaron fóra da convocatoria, polo que se acordou formar con elas un Banco de Proxectos que o goberno municipal tería en conta á hora de planificar as políticas e prioridades dos diferentes departamentos municipais.

Así foi e, á hora de determinar as actuacións a financiar con cargo ao PlanÊ, o goberno municipal que lidera Vicente Irisarri decidiu incluír unha das principais demandas cidadás:
-a construcción do centro cívico e social no barrio de San Pablo.
Unha infraestructura necesaria ante a carencia deste tipo de equipamentos socio-culturais na zona.
Así, o edificio será de nova pranta, cunha superficie aproximada de catrocentos metros cadrados e carácter polivalente, co fin de permitir diversas configuracións en función das actividades a realizar, complementando así mesmo estas instalacións cun espazo para biblioteca e cafetería. A construcción levantarase nunha parcela de titularidade municipal de aproximadamente mil metros cadrados, que conta na actualidade cunhas edificacións en mal estado que serán demolidas.

Nesta liña, o concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, subliñou que o orzamento base de licitación se sitúa en 499.000 euros. Unha cifra que, tal e como lembrou, practicamente duplica a partida reservada no ano 2009 para o conxunto das actuacións que se financiarán con cargo aos Orzamentos Participativos. De feito, foi este o principal motivo polo que non se puido incluír a intervención na primeira experiencia piloto dos Orzamentos Participativos.

Por último, Manuel Santiago reiteraba a aposta do goberno municipal socialista polos procesos de participación cidadá e, especialmente, no compromiso contraído coa cidadanía de atender e impulsar aqueles proxectos que trasladen os veciños e veciñas e se inclúan no citado Banco de Proxectos.
Ferrol.es

25/3/10

A COMISION RESPECTA TODOS OS ACORDOS DE OPs.- PIDE MELLORAR AS CONVOCATORIAS.

Ferrol Xoves 25 de Marzo de 2010
Respaldo á selección de barrios

para os orzamentos participativos.


Un momento da reunión que se celebrou onte nas dependencias municipais
luís polo REDACCIÓN > FERROL.


Os veciños que forman parte da Comisión Provisional de Control do Regulamento de Participación Cidadá analizaron onte a situación do proceso de orzamentos participativos para 2010, despois de que a AVV de Esteiro puxese en cuestión a selección das novas zonas da cidade que se incorporan este exercicio á experiencia: Esmelle, Covas, Ferrol Vello e Canido.


A comisión deu o seu respaldo á selección, que tivo lugar o pasado 3 de marzo nunha reunión no Concello á que asistiron unha vintena de entidades, fronte ás críticas da AVV de Esteiro nas que consideraba que os barrios e parroquias beneficiadas deberían saír dun foro cívico, do mesmo xeito que sucedeu cos orzamentos participativos de 2009.
Con todo, a comisión de control si que tivo en conta a demanda da agrupación de veciños de Esteiro sobre a necesidade de mellorar a forma en que se realizan estas convocatorias, de tal forma que estas non só se fagan mediante o teléfono senón tamén por escrito.
Nesta liña, no encontro celebrado onte no palacio municipal e ao que asistiu o edil Manuel Santiago tamén se abordou a necesidade de ampliar o persoal da área de Participación Cidadá.
Regulamento -
Os membros da comisión de control demandaron, por outra banda, un maior impulso do novo regulamento de participación. Respecto diso, acordouse que tras as festas de Semana Santa intentarase pechar un borrador de funcionamento interno da comisión.
Este texto fixará a forma en que se realizarán as convocatorias de reunións e a orde do día das mesmas, así como as maiorías que serán necesarias á hora da adopción de acordos.
O regulamento de Participación Cidadá que se presentou nun acto cidadán de carácter festivo o pasado mes de xaneiro no teatro Jofre establece a creación de novos órganos, como o Valedor do Cidadán, a Comisión de Suxestións ou as asembleas de barrio, entre outros.
Desde a comisión provisional insistiuse en que pór en marcha estas entidades é un proceso longo que levará o seu tempo.
Diario de Ferrol.-

16/3/10

A. VECIÑAL ESTEIRO RECLAMA A CONVOCATORIA DUN FORO CIVICO.

Ferrol Martes 16 de Marzo de 2010

Esteiro reclama un Foro Cívico para

decidir os orzamentos participativos.

REDACCIÓN > FERROL
A Asociación Veciñal Fontelonga reclama a convocatoria dun Foro Cívico no que sexa todo o tecido asociativo de Ferrol o que decida que zona do municipio beneficiaranse este ano dos 1,6 millóns de euros reservados para a segunda experiencia dos orzamentos participativos.
A entidade presentou esta solicitude polo rexistro municipal do Concello e fixo partícipe da mesma aos grupos municipais, tras considerar "absolutamente irregular" a convocatoria da semana pasada na que decidiron como se ía a desenvolver este proceso en 2010 e no que escolleron para implantar este proceso aos barrios de Canido e Ferrol Vello, na contorna urbana; e Covas e Esmelle, no rural.
A AVV Esteiro, sen entrar a valorar os resultados deste encontro, deixa claro que non ten absolutamente nada contra ningún barrio ou parroquia, pero considera que como se fixo coa experiencia piloto, o Foro Cívico é o lugar no que se ten que tomar a decisión sobre os orzamentos participativos.
Ademais, a entidade veciñal critica a forma na que se fixo a convocatoria da semana pasada na que se abordou este asunto, posto que foi por teléfono e sen explicar o contido da mesma, non se convocou a entidades que traballaran nos orzamentos de 2009, non había orde do día establecido e votaron tanto persoas individuais como entidades, entre outros defectos dos que deixa constancia no seu escrito a entidade veciñal.
Así mesmo, a asociación sinala que ao comezo da reunión, organizada pola área de Participación Cidadá, falar da Letras Galegas, de deporte na rúa, etc... Como se ve era unha xuntanza para faltar de todo e de nada, critica a xunta directiva da agrupación veciñal do barrio de Esteiro.
Diario de Ferrol.-

14/3/10

ACTUACIÓNS DOS OPs-2009

Ferrol Domingo 14 de Marzo de 2010
Os veciños priorizan as actuacións dos

primeiros orzamentos participativos

Reunión da semana pasada na que se elixiron os novos barrios

DAVID RUIBAL GARCÍA -
As catorce actuacións seleccionadas polos veciños e aprobadas o pasado mes de decembro polo pleno de Ferrol para acometer ao longo deste ano con cargo aos 350.000 euros cos que foi dotada a primeira experiencia de orzamentos participativos están a piques de arrincar.
Os membros da comisión de seguimento -da que forman parte veciños dos tres barrios urbanos (San Pablo de Catabois, San Xoán de Filgueira-O Bertón e Santa Mariña) e as dúas parroquias do rural (San Xurxo e Doniños) beneficiados deste proceso- avanzaron da man dos técnicos municipais na concreción dos proxectos.
No desenvolvemento dos mesmos están implicados catro departamentos do goberno local: o de Obras, Cultura, Medio Ambiente e a Policía Local, baixo a coordinación da área de Participación Cidadá.
De feito, a próxima semana os veciños e os técnicos volveranse a reunir para priorizar as intervencións en función do grao de avance de cada proxecto.
A técnica de Participación Cidadá, Maica Rodríguez, avanzou que dos catorce elixidos, os que están máis avanzados son:
- a descentralización das actividades socioculturais (40.000 euros para a zona rural e 24.000 para a urbana);
- o fomento da actividade agroforestal (18.000 euros), a recollida de fosas sépticas (24.616) e algunhas das actuacións que dependen de Obras, en concreto: os parques biosaludable e infantil en San Pablo (cun custo de 12.000 euros a primeira instalación e de 15.000 a segunda), así como o acondicionamento das zonas verdes deste barrio (60.000 euros).
Tamén está pechado o contido e as datas nas que se celebrarán os cinco foros cívicos para o fomento da participación cidadá (18.000 euros), outra das propostas recollidas no proceso.
O primeiro destes, dedicado á democracia participativa, terá lugar en maio e o último, que versará sobre o modelo de cidade e o ordenamento urbanístico sostible, desenvolverase en novembro.
A pretensión é que en cada un destes encontros participen entre 100 e 150 persoas, polo que se pensa en centros educativos e nas instalacións universitarias de Esteiro e Serantes para acollelos.
En canto ao resto das actuacións, están pendentes de que os veciños acheguen unha serie de datos. Así sucede no caso do proxecto de limpeza, sinalización e promoción de rutas de sendeirismo (60.000 euros), así como o acondicionamento de ríos e fontes en San Xurxo e Doniños (10.000).
Os propios residentes nestas parroquias serán os que indiquen aos técnicos do Concello os elementos do seu patrimonio que queren incluír neste proxecto. O mesmo sucede coa mellora da sinalización parroquial con materiais adaptados á contorna (18.000 euros) e da visibilidade dos cruces en Doniños (1.187). En ambas as actuacións está implicada a Policía Local.
A comisión de seguimento dos orzamentos participativos tamén terá que elixir a parcela na que se situará o parque biosaludable de Santa Mariña (12.000 euros) de entre as tres opcións que se barallan: uns terreos do Obispado, a zona próxima aos depósitos -posibilidade descartada pola inviabilidad económica deste emprazamento- ou dentro do parque xa existente na zona, xunto ás dependencias da Garda Civil.
Para rematar, a rede de sumidoiros na rúa Toxo, en San Xoán (35.000 euros), está pendente da redacción do proxecto unha vez que o técnico municipal de Obras xa recolleu as cotas do lugar de intervención. Así mesmo, a Concellaría de Medio Ambiente e Servizos estuda como se regulará o cobro pola recollida de fosas sépticas, ao non existir a día de hoxe unha taxa municipal que grave este servizo.
O Concello abrirá un prazo de inscrición para os veciños que estean interesados en beneficiarse desta iniciativa.
Diario de Ferrol.-

4/3/10

BARRIOS ELIXIDOS PARA OS ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS-2010 -


Ferrol Xoves 4 de Marzo de 2010

Os Orzamentos Participativos

esténdense a catro zonas máis-

A reunión cos representantes veciñais celebrouse no salón de plenos do Concello ferrolán
luís polo REDACCIÓN > FERROL



O Concello de Ferrol e o movemento asociativo comezaron a preparar os orzamentos participativos de 2010, cando as catorce propostas seleccionadas polos veciños para executar os do ano pasado aínda están en fase de elaboración de proxecto.
As principais diferenzas deste novo proceso con respecto ao anterior son a partida económica -que pasa de 350.000 euros a *dous millóns- e o ámbito de actuación -fronte á primeira experiencia que se centra en San Xurxo, Doniños, Santa Mariña, San Pablo de Catabois e San Xoán, nesta ampliarase a Canido e Ferrol Vello no ámbito urbano e Esmelle e Covas no rural-.
Para avanzar no modelo a seguir no desenvolvemento desta segunda edición dos orzamentos participativos, na xornada de onte foron invitados ao consistorio ferrolán ao redor de 70 persoas pertencentes, na súa maioría, ao ámbito asociativo.
O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, explicou que o encontro serviu para reflexionar acerca das carencias e potencialidades da primeira experiencia nesta materia. Manuel Santiago destacou a necesidade de articular espazos e mecanismos de contacto, comunicación e información entre as diferentes zonas da cidade, polo que avanzou que se traballarán as infraestruturas ou medios sobre os que deseñar unha estratexia conxunta dos orzamentos participativos de xeito global.
Aínda que agora engadíronse novos ámbitos de actuación aos barrios que protagonizaron a experiencia piloto, o edil apuntou que haberá que diferenciar, do mesmo xeito que na primeira ocasión, entre ámbito urbano e rural.
Tamén destacou a necesidade de habilitar canles de coordinación e coñecemento entre barrios, así como de conseguir unha maior colaboración entre as entidades e implicación da clase política no proceso.
Foros Cívicos-
Por outra banda, o concelleiro de Participación Cidadá informou dos acordos que se adoptaron na reunión de constitución da Comisión de Seguimento de Orzamentos Participativos, que se celebrou o pasado día 10 de febreiro.
Nela decidiuse a celebración de cinco foros cívicos ao longo deste ano.
O primeiro terá lugar en maio e versará sobre a democracia participativa.
-En xuño abordaranse as novas tecnoloxías da información e comunicación, o aforro enerxético e as enerxías alternativas;
-Setembro, a posta en valor do patrimonio e do medio ambiente;
-Outubro, as políticas de mocidade e a participación cidadá.
-Finalmente, en novembro terá lugar o foro cívico sobre o modelo de cidade desexable.
Diario de Ferrol.-