Ferrol Domingo 14 de Marzo de 2010
Os veciños priorizan as actuacións dos
primeiros orzamentos participativos
Reunión da semana pasada na que se elixiron os novos barrios
DAVID RUIBAL GARCÍA -
As catorce actuacións seleccionadas polos veciños e aprobadas o pasado mes de decembro polo pleno de Ferrol para acometer ao longo deste ano con cargo aos 350.000 euros cos que foi dotada a primeira experiencia de orzamentos participativos están a piques de arrincar.
Os membros da comisión de seguimento -da que forman parte veciños dos tres barrios urbanos (San Pablo de Catabois, San Xoán de Filgueira-O Bertón e Santa Mariña) e as dúas parroquias do rural (San Xurxo e Doniños) beneficiados deste proceso- avanzaron da man dos técnicos municipais na concreción dos proxectos.
No desenvolvemento dos mesmos están implicados catro departamentos do goberno local: o de Obras, Cultura, Medio Ambiente e a Policía Local, baixo a coordinación da área de Participación Cidadá.
De feito, a próxima semana os veciños e os técnicos volveranse a reunir para priorizar as intervencións en función do grao de avance de cada proxecto.
A técnica de Participación Cidadá, Maica Rodríguez, avanzou que dos catorce elixidos, os que están máis avanzados son:
- a descentralización das actividades socioculturais (40.000 euros para a zona rural e 24.000 para a urbana);
- o fomento da actividade agroforestal (18.000 euros), a recollida de fosas sépticas (24.616) e algunhas das actuacións que dependen de Obras, en concreto: os parques biosaludable e infantil en San Pablo (cun custo de 12.000 euros a primeira instalación e de 15.000 a segunda), así como o acondicionamento das zonas verdes deste barrio (60.000 euros).
Tamén está pechado o contido e as datas nas que se celebrarán os cinco foros cívicos para o fomento da participación cidadá (18.000 euros), outra das propostas recollidas no proceso.
O primeiro destes, dedicado á democracia participativa, terá lugar en maio e o último, que versará sobre o modelo de cidade e o ordenamento urbanístico sostible, desenvolverase en novembro.
A pretensión é que en cada un destes encontros participen entre 100 e 150 persoas, polo que se pensa en centros educativos e nas instalacións universitarias de Esteiro e Serantes para acollelos.
En canto ao resto das actuacións, están pendentes de que os veciños acheguen unha serie de datos. Así sucede no caso do proxecto de limpeza, sinalización e promoción de rutas de sendeirismo (60.000 euros), así como o acondicionamento de ríos e fontes en San Xurxo e Doniños (10.000).
Os propios residentes nestas parroquias serán os que indiquen aos técnicos do Concello os elementos do seu patrimonio que queren incluír neste proxecto. O mesmo sucede coa mellora da sinalización parroquial con materiais adaptados á contorna (18.000 euros) e da visibilidade dos cruces en Doniños (1.187). En ambas as actuacións está implicada a Policía Local.
A comisión de seguimento dos orzamentos participativos tamén terá que elixir a parcela na que se situará o parque biosaludable de Santa Mariña (12.000 euros) de entre as tres opcións que se barallan: uns terreos do Obispado, a zona próxima aos depósitos -posibilidade descartada pola inviabilidad económica deste emprazamento- ou dentro do parque xa existente na zona, xunto ás dependencias da Garda Civil.
Para rematar, a rede de sumidoiros na rúa Toxo, en San Xoán (35.000 euros), está pendente da redacción do proxecto unha vez que o técnico municipal de Obras xa recolleu as cotas do lugar de intervención. Así mesmo, a Concellaría de Medio Ambiente e Servizos estuda como se regulará o cobro pola recollida de fosas sépticas, ao non existir a día de hoxe unha taxa municipal que grave este servizo.
O Concello abrirá un prazo de inscrición para os veciños que estean interesados en beneficiarse desta iniciativa.
Diario de Ferrol.-
No hay comentarios:
Publicar un comentario