31/3/10

PRESENTACION OPs- 2010 - A. V. CANIDO


O Concello inicia esta tarde en Canido as
xuntanzas de traballo coas asociacións de veciños
dos nove barrios nos que se investirán os
Orzamentos Participativos 2010

O edil Manuel Santiago asiste ao primeiro destes encontros, que se celebrarán tamén nos barrios que se incorporaron á experiencia piloto: Ferrol Vello, Covas e Esmelle, ademáis de Canido.

Na xuntanza abordarase a proposta de traballo para este ano e a avaliación do proceso desenvolvido no 2009.

A comisión técnica ampliarase con persoal administrativo e técnico de todos os departamentos municipais.

Ferrol, 30 de marzo de 2010.-
O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, asiste esta tarde, xunto coa técnica deste departamento, Maica Rodríguez, á reunión que se celebrará a partir das 20.00 horas coa nova directiva da Asociación de Veciños de Canido para abordar o proceso de Orzamentos Participativos correspondente ao presente ano.
Tal e como indicou o concelleiro, esta xuntanza, que terá lugar na sede da propia entidade veciñal, é a primeira das que se celebrarán cos representantes dos novos barrios que foron seleccionados para este segundo proceso de Orzamentos Participativos, pioneiro en Galicia.
Trátase, pois, dunha toma de contacto cos responsables da AVV que posteriormente se levará a cabo co resto das entidades dos nove barrios restantes nos que se desenvolverán os proxectos que serán financiados con cargo á partida de 1.650.000 € que neste exercicio se destinará ao proceso.
Estes son Ferrol Vello, na zona urbana -xunto co barrio de Canido- e Covas e Esmelle, na zona rural, que se suman aos de San Pablo de Catabois, San Xoán de Filgueira-O Bertón, Santa Mariña, Doniños e San Xurxo, elixidos para os Orzamentos Participativos do 2009.

O edil Manuel Santiago explicou que nesta xuntanza se informará aos representantes veciñais do modelo de Orzamentos Participativos que arrancou o pasado ano, ofrecendo información polo miúdo do desenvolvemento desta experiencia pola que se deu aos veciños e veciñas de Ferrol a oportunidade de elixir proxectos a executar en cinco barrios e parroquias do Concello de Ferrol.
Tamén se dará conta da proposta de traballo para 2010 e se informará acerca da estrutura e funcionamento do Concello, os departamentos dos que dispón e os mecanismos de colaboración e comunicación existentes coa Administración local recollidos no Regulamento de Participación Cidadá que entrou en vigor en decembro de 2009.

O concelleiro de Participación Cidadá avanzou así mesmo que xa se está a traballar nun borrador de regulamento dos Orzamentos Participativos de 2010, toda vez que o do pasado ano, unha vez avaliado, se modificará para adaptalo aos barrios que se incorporaron ao proceso.
O novo Grupo Motor deste ano será o encargado de validar o seu contido contando coas suxestións dos nove barrios que forman parte deste proceso na actualidade. A este respecto, Manuel Santiago informou de que o Grupo Motor comenzará o seu traballo unha vez rematadas as charlas informativas que sobre os Orzamentos Participativos se celebrarán nos meses de abril e maio.
Os compoñentes do dito Grupo serán elixidos polos asisntes a estas charlas.
E xa no mes de xuño está prevista a celebración das asembleas de todos os barrios.

A este respecto, o concelleiro de Participación Cidadá sinalou que se está estudando a posibilidade de celebralas agrupando aos barrios do seguinte modo: San Xurxo-Doniños, Covas-Esmelle, Ferrol Vello-Canido e Santa Mariña, San Pablo de Catabois e San Xoán.
En todo caso, subliñou que a súa celebración, ao igual que o resto do proceso, será consensuado coas entidades veciñais.
Finalmente, e xa para o mes de outubro, se prevé a celebración da asemblea plenaria coa totalidade dos 9 barrios implicados nos Orzamentos Participativos.
Na actualidade, dende os departamentos municipais se está traballando no reforzamento e constitución dunha Comisión Técnica máis ampla da que formarán parte persoal técnico e administrativo que recibirá formación sobre o proceso de Orzamentos Participativos.
A intención, tal e como avanzou Santiago, é que cada Concellería nomee representantes e empezar así a recoller información de todo o relacionado cos investimentos dos proxectos en cada barrio e parroquia.
Por outra banda, Manuel Santiago avanzou que está prevista a presentación nas entidades veciñais dun audiovisual sobre a experiencia piloto desenvolvida ao longo do 2009 no que se informa de todas as fases do dito proceso, dende as reunións iniciais ás asembleas e mesas de propostas das zonas Urbana e Rural ata a celebración do pleno no que se aprobaron as 14 propostas votadas polos veciños e veciños para ser executadas con cargo aos 350.000 euros que se destinaron a este primeiro proceso.

Saúdos; Gabinete de Comunicación.-

2 comentarios:

  1. Se todas estas noticias as publica unha persoa, será que este blog e desa persoa.
    Se todas as noticias son informacións de prensa ou do Concello, será que este e un blog de cortar e pegar e de propaganda do Concelleiro de Participación Cidadá

    ResponderEliminar
  2. comision.gap@gmail.com2/4/10, 11:21

    Este blog ou bitácora recolle noticias da prensa e concello relacionadas co proceso de Participación Cidadá e os OPs, demostrando así que as fontes son imparciais e contrastadas por membros da Comisión de Control provisional do Regulamento de Participación Cidadá.

    Blog da Comisión

    ResponderEliminar