23/7/10

ACORDOS E PROPOSTAS DA COMISIÓN DE CONTROL R.P.C.-






- COMISION DE CONTROL PROVISIONAL

DO REGULAMENTO DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ



COMUNICADO DE PRENSA

- PETICIÓN INFORMES DOS CONSELLOS SECTORIAIS.


- INICIATIVA PARA IMPULSAR ORGANO DO/A VALEDOR/A CIDADÁ


E A OFICINA DE RECLAMACIÓNS E SUXESTIÓNS.



- A Comisión de Control Provisional do Regulamento de Participación Cidadá, informamos que este mércores na casa do Concello mantivemos unha Xuntanza Extraordinaria con caracter de auto -convocatoria co fin de analizar e avaliar a aplicación dos mecanismos do Regulamento de Participación Cidadá, coas seguintes valoracións e acordos;


* Realizamos unha valoración positiva en canto o traballo desenvolvido polas entidades sociais, cidadáns, técnicos/as, grupos motores dos ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS-2010(OPs-2010), convidando a cidadanía a participar no tramo final deste proceso.

* Está Comisión de Control Provisional do R. P. C. ten acordada realizar unha xuntanza cos representantes dos Grupos Políticos.


* Estimamos necesario manter unha xuntanza conxunta desta Comisión de Control coa Comisión de Seguimento dos OP.s-09 para o mes de Setembro co fin de desenvolver e preparar a CONSTITUCIÓN dos FOROS CÍVICOS temáticos a partir do mes de Outubro.
A preparación destes FOROS CÍVICOS deberá contar coa máxima colaboración, información e esforzo de todo o tecido social, cultural, político e cidadá.


* A Comisión de Control acorda solicitar a Concellaría de Participación Cidadá un INFORME sobre o funcionamento, convocatorias, representantes sociais dos CONSELLOS SECTORIAIS co fin de avaliar a súa aplicación conforme ao Regulamento de P.C.


* Realizamos unha autocrítica sobre a aplicación do Regulamento de Participación Cidadá, concluímos que o proceso vai demasiado lento polo que propoñemos a creación de varios órganos e mecanismos contemplados no propio Regulamento como o VALEDOR/A CIDADÁ e a OFICINA DE SUXESTIÓNS E RECLAMACIÓNS.


Instaremos ao concelleiro de Participación Cidadá, na encomenda de coordinar coa Concelleira de Persoal de dotar a este órgano das correspondentes prazas de funcionarios/as e o Concelleiro de Facenda para orzamentar estes órganos.
Estes mecanismos deberán estar definidos antes do remate da presente lexislatura.


A Comisión de Control consideramos necesario este esforzo para desenvolver e implementar o Regulamento de Participación Cidadá coa seguridade de que a cidadanía de Ferrol utilice este instrumento democrático.


Ferrol, a 22 de Xullo de 2010.



- A Comisión de Control Provisional do R.P.C.



12/7/10

AGRUPADAS EN 238 PROPOSTAS AS 1.300 PROPOSTAS.-



Concello e Grupo Motor agrupan as máis de 1.300 propostas presentadas aos Orzamentos Participativos pola cidadanía en 238 tras o análise por asembleas.

Luns, 12 de xullo de 2010
O edil Manuel Santiago avanza que o 90% corresponden a infraestruturas, principalmente viarias, e o 10% a programas, sendo maioritarios os de asistencia social

O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, deu conta do resultado da sesión de traballo que a pé de rúa celebrou no barrio de Ferrol Vello o Concello e o Grupo Motor para incentivar a participación dos seus cidadáns e cidadás no proceso de Orzamentos Participativos e, ao mesmo tempo, presentar de xeito ordeado as propostas achegadas pola cidadanía.

Finalmente, as 1.335 quedaron agrupadas en 238, atendendo á súa temática e tendo en conta que moitas delas eran coincidentes nos barrios. Segundo avanzou o edil, e respecto á súa tipoloxía, o 90% das propostas presentadas pola veciñanza correspóndense con infraestruturas e o 10% son relativas a programas.

Por asembleas, os veciños de Covas-Esmelle, e os de San Pablo, San Xoán e Santa Mariña, que conformaron dúas unidades de votación diferentes, foron os máis participativos, achegando o 30% das mesmas en ámbolos dous casos.

Seguíronlle en participación os de Doniños-San Xurxo, cun 26%, e finalmente os de Ferrol Vello-Canido, cun 14%.
E ao fío disto o edil de Participación Cidadá lembrou que se ben o prazo para presentar as propostas pechouse o pasado 27 de xuño aínda é posible apuntarse no Rexistro de Votantes para poder votar as propostas que serán executadas cos Orzamentos Participativos. ¿Como facelo? Ao inicio das asembleas de cidade que se prevén celebrar no mes de setembro. Ata o momento son 1.012 as persoas inscritas no mesmo.


ferrol.es



5/7/10

PRESENTADAS 1.217 PROPOSTAS CIDADÁS




A cidadanía presentou máis de 1.200 propostas

aos Orzamentos Participativos deste ano.


Luns, 5 de xullo de 2010.
O edil Manuel Santiago avanza que 1.012 persoas inscribíronse no Rexistro de Participantes, que mantén o prazo aberto ata a celebración das asembleas de zona. O Grupo Motor manterá unha sesión de traballo en Ferrol Vello para pór en común as propostas, que pasarán posteriormente á comisión técnica municipal para o análise.

Os veciños e veciñas de Ferrol presentaron un total de 1.217 propostas ao proceso de Orzamentos Participativos deste ano, a través do cal a cidadanía terá a oportunidade de elixir o destino dunha partida de 1.650.000 euros.

Así o avanzou o concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, quen compareceu en rolda de prensa para informar non só das iniciativas que suxeriron os cidadáns senón tamén do número de persoas que se inscribiron no Rexistro de Participantes: 1012 persoas. Destas, un total de 451 foron homes (o 44,57%) mentres que 561 (o 55,43%), mulleres.

Esta cifra pódese aínda incrementar toda vez que, tal e como explicou o edil, o Grupo Motor creado ao abeiro deste proceso pioneiro en Galicia decidiu manter aberto o prazo de inscrición ata a celebración, no mes de setembro, das asembleas de zona.
No acto celebrado esta mañá participou tamén a técnica de Participación Cidadá, Maica Rodríguez.

Xa polo miúdo, o concelleiro Manuel Santiago informou dos datos atendendo aos 9 barrios que este ano serán obxecto de intervención: Ferrol Vello, Canido, San Xoán de Filgueira, San Pablo de Catabois e Santa Mariña (na zona urbana) e San Xurxo, Doniños, Covas e Esmelle (na zona rural).

As propostas presentadas podían ser de dous tipos: investimentos e/ou mantenemento de infraestruturas ou equipamentos e actividades ou programas sociais.
Unha vez feito o reconto final das urnas, o edil informou de que o 32% das propostas foron realizadas por veciños e veciñas de San Pablo de Catabois, Santa Mariña e San Xoán de Filgueira, que constituíron unha unidade de votación.

A integrada por San Xurxo e Doniños achegou o 27% das propostas, a de Covas-Esmelle, o 26% e a de Ferrol Vello-Canido, o 14%.

Respecto á natureza das propostas, o 32% estiveron asociadas a programas de asistencia social e saúde pública; o 18% a programas socioculturais e educativos; o 15% ao cumprimento de normativas e o 15% restante, a programas relacionados coa seguridade cidadá.

Por outra banda, e en relación ás propostas que teñen que ver coas infraestruturas, o 37% refírense ás viarias, o 18%, á xestión de residuos e o 16% restante, a infraestruturas sociocomunitarias e deportivas. Así mesmo, dentro das 1.217 propostas recibidas, 58 están aínda sen clasificar e destas, a metade son plantexadas para o conxunto da cidade ao ser propostas das que se beneficiarían o conxunto dos cidadáns e cidadás.

Entre estas, a renovación de marquesinas, formación de monitores deportivos e culturais para fomentar o emprego xuvenil, a recuperación da flora autóctona ou a apertura dun parque temático do patrimonio da zona rural mediante visitas virtuais en tres dimensións, entre outras.

En canto ao Rexistro de Votantes, Manuel Santiago destacou que a parroquia de Covas, con 258 persoas, foi a que contabilizou un maior número. Séguenlle San Pablo (173), Doniños (123), San Xoán de Filgueira (111), Canido e Santa Mariña (con 89 en cada caso), Esmelle (65), San Xurxo (54) e Ferrol Vello (27).

En total, 1.012 persoas, unha cifra que o edil de Participación Cidadá valorou moi positivamente, lembrando que no momento da celebración das asembleas de zona, previstas para o vindeiro mes de setembro, aqueles que o desexen poderán inscribirse.
O proceso de Orzamentos Participativos contempla entre as súas próximas accións a celebración dunha sesión de traballo na Praza Vella de Ferrol Vello co Grupo Motor, sempre e cando o tempo o permita.

Esta terá lugar o vindeiro xoves, 8 de xullo, entre as 19.00 e as 21.00 horas e servirá para pór en común as propostas presentadas, xa ordenadas.
Posteriormente, trasladaranse todas elas á comisión técnica municipal, unha vez codificada e clasificadas, para o estudo da súa viabilidade.

web Concello de Ferrol.-