Concello e Grupo Motor agrupan as máis de 1.300 propostas presentadas aos Orzamentos Participativos pola cidadanía en 238 tras o análise por asembleas.
Luns, 12 de xullo de 2010
O edil Manuel Santiago avanza que o 90% corresponden a infraestruturas, principalmente viarias, e o 10% a programas, sendo maioritarios os de asistencia social
O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, deu conta do resultado da sesión de traballo que a pé de rúa celebrou no barrio de Ferrol Vello o Concello e o Grupo Motor para incentivar a participación dos seus cidadáns e cidadás no proceso de Orzamentos Participativos e, ao mesmo tempo, presentar de xeito ordeado as propostas achegadas pola cidadanía.
Finalmente, as 1.335 quedaron agrupadas en 238, atendendo á súa temática e tendo en conta que moitas delas eran coincidentes nos barrios. Segundo avanzou o edil, e respecto á súa tipoloxía, o 90% das propostas presentadas pola veciñanza correspóndense con infraestruturas e o 10% son relativas a programas.
Por asembleas, os veciños de Covas-Esmelle, e os de San Pablo, San Xoán e Santa Mariña, que conformaron dúas unidades de votación diferentes, foron os máis participativos, achegando o 30% das mesmas en ámbolos dous casos.
Seguíronlle en participación os de Doniños-San Xurxo, cun 26%, e finalmente os de Ferrol Vello-Canido, cun 14%.
E ao fío disto o edil de Participación Cidadá lembrou que se ben o prazo para presentar as propostas pechouse o pasado 27 de xuño aínda é posible apuntarse no Rexistro de Votantes para poder votar as propostas que serán executadas cos Orzamentos Participativos. ¿Como facelo? Ao inicio das asembleas de cidade que se prevén celebrar no mes de setembro. Ata o momento son 1.012 as persoas inscritas no mesmo.
ferrol.es
No hay comentarios:
Publicar un comentario