28/10/09

EXITO ROTUNDO DE PARTICIPACIÓN.-

A cidadanía presentou 1.227 propostas

para financiar con cargo aos Orzamentos

Participativos en Ferrol



Mércores, 28 de outubro de 2009
O alcalde, Vicente Irisarri, e o Grupo Motor destacan a excelente resposta neste proceso pioneiro en Galicia.
O próximo paso é o inicio do traballo das Mesas de Propostas, convocadas o 4 e 5 de novembro no Jofre

O alcalde, Vicente Irisarri; o concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, e a representante do Grupo Motor, Nieves Pérez Díaz, destacaron a excelente resposta da cidadanía ao proceso dos Orzamentos Participativos, pioneiro en Galicia.
A valoración chegaba despois de que o pasado domingo, día 25, se pechase o prazo de presentación de propostas para financiar con cargo á partida de 350.000 euros coa que arrancan os Orzamentos Participativos en Ferrol.

A esta convocatoria os cidadáns e cidadás de Ferrol presentaron un total de 1.227 propostas.

Os primeiros datos sinalan que o 72,21% pertence ao ámbito rural, con 886 propostas das parroquias de Doniños (628) e San Xurxo (258).

O 27,79% restante correspóndese con propostas dos tres barrios urbanos, San Pablo de Catabois (203), Santa Mariña (76) e San Xoán de Filgueira-O Bertón (62).

O seguinte paso, tal e como explicou o edil Manuel Santiago, é precisamente iniciar o traballo de Mesas de Propostas das zonas rural e urbana formadas por un total de 37 persoas trala súa constitución o pasado día 14 de outubro.

Para iso, están convocadas dúas reunións a vindeira semana no Teatro Jofre, que se celebrarán entre as 18.00 e 20.00 horas. A primeira delas será a xuntanza para os membros da Mesa de Propostas urbana, fixada para o mércores 4 de novembro.
Esta representa aos barrios de San Pablo de Catabois, San Xoán de Filgueira e Santa Mariña.

A Mesa de Propostas da zona rural reunirase o 5 de novembro e é a relativa ás parroquias de Doniños e San Xurxo.
En ambas xuntanzas realizarase un balance do número e tipo de propostas presentadas neste proceso, procederase á súa ordenación e aplicaranse os criterios de valoración das diagnoses das primeiras asembleas.

Isto farase en función dos principais problemas que se votaron nas reunións celebradas os pasados 2 e 3 de outubro coa finalidade de coñecer as necesidades, deficiencias e problemas máis importantes que se deben solucionar nos barrios que serán obxecto de intervención no proceso dos Orzamentos Participativos.

Aquelas que non resulten seleccionadas para ser financiadas cos 350.000 euros reservados a este proceso incluiranse nun banco de ideas.
Así mesmo, máis de 670 persoas se inscribiron no Rexistro de Participantes dos Orzamentos Participativos.

Todos eles están empadroados nos barrios nos que se levarán a cabo as intervencións que resulten seleccionadas, exercen a súa actividade laboral nestes territorios ou son propietarios neles de vivenda, local ou terreo.

Todos poderán exercer o seu dereito a voto na asemblea que se celebrará o vindeiro mes de decembro coa finalidade de decidir os proxectos que se porán en marcha.


Páxina Web -Ferrol.es

15/10/09


As mesas de propostas analizan as

iniciativas financiables

O Jofre acolleu a primeira reunión das mesas urbana e rural.
JorgeMeis

REDACCIÓN > FERROL
A engrenaxe que levará á aplicación por primeira vez na cidade de Ferrol dos orzamentos participativos continúa o seu ritmo coa constitución oficial das dúas mesas de propostas que onte tivo lugar no teatro Jofre.

Así, establecéronse dúas mesas en representación dos tres barrios da zona urbana e das zonas rurais de San Xurxo, Valón e Doniños.

A primeira está constituída por 17 persoas, elixidas na asemblea que tivo lugar o pasado 2 de outubro.
Os barrios de Santa Mariña (con cinco veciños), San Pablo de Catabois (sete) e San Xoán de Filgueira-Bertón (cinco) contan con representación na mesa.


Pola súa banda, a da zona rural está integrada por 20 persoas de San Xurxo (oito) e Valón e Doniños (12).
Un 43,3% da composición das mesas é feminina e oito dos integrantes son membros do Grupo Motor.
Todos eles serán os encargados de analizar as diferentes propostas que poden presentar e xa se está facendo por parte dos cidadáns ata o próximo día 25 de outubro.
Nesta primeira reunión tomaron parte os integrantes das mesas, o resto dos representantes do Grupo Motor e do Grupo de Análise e Proposta (GAP).
Así mesmo, estivo presente do concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, acompañado pola técnica, Maica Rodríguez, e, nun primeiro momento, do alcalde, Vicente Irisarri.
No encontro de onte analizáronse cuestións relativas ao proceso participativo e asembleario que se está pondo en marcha. Así, analizáronse tanto cuestións de reorganización como os resultados de participación alcanzados e fíxose un chamamento explícito á cidadanía, recordando que nas diferentes entidades veciñais implicadas e no propio Concello pódense entregar as propostas de investimento para os 350.000 euros que estes orzamentos destinan aos lugares seleccionados das zonas urbana e rural.
Cada veciño pode propor ata seis formulacións de investimento, que foron ordenados en seis sectores: social e benestar, lecer e cultura, medio ambiente, infraestruturas, mobilidade, tráfico e transporte, economía e emprego e outros.
Poden afectar a un ou a varios barrios e non deben, en ningún caso, exceder a cifra destinada a tal fin (serán os técnicos os que posteriormente valoren economicamente as propostas seleccionadas).
As votacións terán lugar no mes de decembro e será neste momento cando se restrinxa a participación a aqueles que están inscritos no rexistro destinado a tal fin (que xa supera as 660 persoas).
Só poderán apuntarse e votar os empadroados nestes barrios ou que exerzan alí a súa actividade.
Diario de Ferrol.-

13/10/09

XUNTANZA OPs. NO JOFRE.-

Estimados/as veciños/as,
Continuamos co traballo nesta nova fase de achega de propostas cidadás dentro dos Orzamentos Participativos 2009.
Polo cal, convocamos unha reunión para o próximo mércores 14 de outubro de 18,00 a 20,00 horas no Teatro Jofre, 2º andar (entrada pola porta principal).
O cambio de lugar débese a que neste edificio imos poder custodiar (ordenar e traballar) coas propostas.
Esta xuntanza vai dirixida aos representantes das Mesas de Propostas (rural e urbana), ao Grupo Motor e ao GAP.
É un bo momento para coñecernos e, sobre todo, aproveitar e intercambiar o coñecemento e experiencia das persoas que xa levan máis tempo vivindo o proceso.
Trataremos os seguintes puntos:
- Valoración do proceso asembleario: organización, resultados, participación, etc.
- Accións para reforzar o proceso.
- Datas das seguintes reunións e prazos.
- Mesa de Propostas: obxectivos, xuntanzas e posibles dúbidas a resolver.
Atentamente, Área de Participación Cidadá E DEPORTES.
Maica Rodríguez Freire, técnica en Participación Cidadá
Praza de Armas, s/n. 1º andar.
15402 Ferrol
Tel.: 981.944.015 /
Móbil: 696.112.691

9/10/09

ADHESIÓN Á REDE ESTATAL DE MUNICIPIOS.-




Ferrol adherirase á Rede Estatal


de Municipios que traballan con


Orzamentos Participativos.

· Unha delegación ferrolá acudirá a Sevilla o 30 de outubro ás xornadas nas que se constituirá esta entidade.

· O edil Manuel Santiago avanza que facilitará o intercambio de información e experiencias entre os municipios

Ferrol, 8 de outubro de 2009.-
O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, informou esta mañá de que o Concello de Ferrol se adherirá á Rede Estatal de Municipios con Orzamentos Participativos que se vai a constituír. A esta iniciativa sumáronse no 2008 máis de 40 municipios de toda España e a Administración local farao o vindeiro 30 de outubro no marco da celebración, en Sevilla, das VII Xornadas Internacionais de Orzamentos Participativos que se inaugurarán o día 28 deste mes no Centro Cívico Torre del Agua da cidade hispalense.

No marco destes encontros celebrarase unha asemblea constitutiva cun plan de traballo para 2010. Os principais cometidos desta rede serán o impulso de procesos participativos no orzamento municipal, o asesoramento entre a rede e outros concellos e a celebración de encontros formativos e de intercambio de experiencias. A súa constitución é resultado da proposta que o ano pasado fixeron os municipios de Getafe, Córdoba, Sevilla, Santa Cristina d´Aro e a Deputación Provincial de Málaga.

O concelleiro Manuel Santiago e a técnica de Participación Cidadá do Concello de Ferrol, Maica Rodríguez Freire, asistirán a estes encontros, que se desenvolverán baixo o lema “Crise global, alternativas desde o local”. Ao longo das tres xornadas analizarase a capacidade que ditos orzamentos teñen de mobilizar conxuntamente a autoridades políticas, técnicos da administración e á cidadanía, así como os movementos e iniciativas sociais nos orzamentos participativos.

O alcalde de Sevilla, Alfredo Sánchez, será o encargado de inaugurar os encontros, nos que participarán expertos na materia de Uruguay, dos Concellos hispalense e de Santa Cristina D´Aro e do Observatorio das Prácticas de Participación -deste último organismo asistirá o seu director, Giovani Alegreti-. Así mesmo, haberá diversos obradoiros participativos baseados no autorregulamento dos orzamentos participativos, na inclusión neles de iniciativas e movementos sociais e sectores, nos criterios de xustiza social neste proceso ou na participación infantil no mesmo.

En definitiva, estas xornadas pretenden ser un espazo de reflexión, debate e aprendizaxe colectivo acerca da necesidade de fortalecer as alianzas cos movementos sociais e os sectores tradicionalmente excluídos da sociedade como elemento esencial para profundizar en democracia.


Saúdos; Gabinete de Comunicación.-

7/10/09

APERTURA URNAS - ASEMBLEAS OPs.-


O Concello abre as urnas ás propostas

para os orzamentos participativos.

Onte iniciáronse simbólicamente as primeiras achegas nas urnas nas que se recollen as ideas
REDACCIÓN > FERROL
Unha aposta colectiva de sete persoas para fomentar precisamente a participación cidadá e unha iniciativa para incentivar a xestión forestal e agrícola na zona rural foron onte as dúas primeiras propostas que se depositaron nas urnas, no marco do proceso de orzamentos participativos.


As urnas estarán a disposición da cidadanía ata o día 25 en seis puntos da cidade.

A cita electoral permitirá elixir as actuacións que levarán a cabo con cargo á partida de 350.000 euros destinados aos orzamentos participativos e nela teñen cabida as iniciativas de todos os cidadáns, independentemente de que as intervencións execútense unicamente, neste ano, en seis barrios e parroquias da zona rural e urbana e de que sexan as persoas inscritas (residentes ou con negocios nestas zonas) as que finalmente decidan as actuacións.

Onte, o alcalde, Vicente Iri-sarri, e o concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, acompañados da técnica de participación e de representantes veciñais, procederon á apertura simbólica do proceso, que xa tivo as súas primeiras propostas nas reunións que o pasado venres e sábado tiveron lugar na zona urbana e rural.

O rexedor municipal destacou o proceso exemplar no territorio galego e que xa superou o ecuador para poder entrar na recta final, que concluirá en decembro coa presentación ao pleno da corporación das propostas veciñais.

O alcalde comprometeuse a incrementar as cifras de investimento e a acatar a decisión dos cidadáns, indicando que se a cidadanía dí ou que quere facer, iso é ou que se fará.

Neste sentido, recordou que as propostas deben axustarse á contía da que se dispón e ás necesidades da cidadanía, para mellorar a súa calidade de vida.



O responsable de participación cidadá recordou que o proceso estará aberto ata o día 25 nos lugares onde se dispuxeron as urnas, é dicir, o Concello e os locais veciñais de San Xoán, San Pablo, Santa Mariña, San Xurxo, Abrandares Rurais de Doniños e Cruceiro de Valón.

As propostas de investimento poden, ademais, realizarse a través da páxina web municipal (www.ferrol.es), cubrindo a ficha de propostas cidadás que se inclúe no enlace de orzamentos participativos.

Con cada votación, real ou virtual, a persoa ou colectivo recibirá un xustificante de que a súa demanda foi recollida.

Asembleas -




Os primeiros datos sobre as necesidades dos barrios coñecéronse xa nas asembleas da zona urbana e rural celebradas o pasado venres e sábado.

Nos barrios de Santa Mariña, San Pablo e San Xoán as propostas máis votadas inicialmente foron as relativas á carencia de recursos de atención dirixidos ao colectivo de maiores (centro de día, comedor social, unidade de traballo social, centro de saúde), seguidas da escaseza de beirarrúas e o mal estado de conservación, a falta de rede de sumidoiros, mal funcionamento de transporte público e ausencia de limpeza das rúas, entre as máis votadas.

Na zona rural, a maioría dos votos relacionáronse coa ausencia de recollida das fosas sépticas, falta de acceso ás novas tecnoloxías, carencia de recursos de atención dirixidos aos maiores e persoas discapacitadas, accesibilidade das beirarrúas e falta de aparcadoiro nas praias de Doniños e San Xurxo.

Diario de Ferrol.-

4/10/09

PRIMEIRAS ASEMBLEAS ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS.-

Centros sociais e limpeza de fosas son

as principais necesidades dos veciños.




Un momento da asemblea do pasado venres no polideportivo de San Xoán de Filgueira


carlos carballeira
redacción > ferrol

Os orzamentos participativos entraron nunha nova fase coa celebración este fin de semana das asembleas das cales saíron dúas listaxes cos problemas máis relevantes que teñen as dúas zonas do municipio nas que se porá en práctica esta experiencia piloto: San Pablo de Catabois, Santa Mariña e San Xoán de Filgueira-O Bertón, no ámbito urbano, e San Xurxo e Doniños, no rural.

Preto de medio milleiro de persoas, das 632 ata a data inscritas para poder participar no proceso, apuntaron cos seus votos en que se teñen que investir os 350.000 euros que o Concello dedica a este proceso cidadán.

Deste exercicio de participación democrática resultaron sendas relaciones de carencias nos barrios e nas parroquias implicadas no proceso, as cales agrúpanse áreas: Social e benestar; lecer e cultura; medio ambiente; infraestruturas, mobilidade, tráfico e transporte; economía e emprego, e outros.
A primeira das asembleas, para a zona urbana, tivo lugar o pasado venres no polideportivo de San Xoán de Filgueira.


Tras dúas horas de debate, os veciños de San Xoán, Santa Mariña e San Pablo de Catabois diagnosticaron que son deficitarios en equipamentos sociais, demandando, entre outros, un centro de día, outro de lecer para os mozos e un centro cívico.





A carencia de paseos, zonas de esparcemento e beirarrúas, a necesidade de colectores e papeleiras, insatisfacción co transporte público, a falta de prazas de aparcadoiro para minusválidos e a mellora da seguridade viaria son outras das demandas veciñais.

En materia de economía e emprego, resaltaron que as axudas sociais non son suficientes para o número de familias da zona que dependen delas e pediron talleres de inserción laboral.
Os problemas de convivencia nas vivendas sindicais de San Pablo foi outro dos asuntos que saíu a relucir nesta asemblea na que emitiron o seu voto ao redor de 300 veciños.




Na asemblea das parroquias rurais celebrada onte, o limpado das fosas sépticas e a necesidade de puntos limpos, o apoio social a persoas maiores e discapacitados e o acceso ás novas tecnoloxías foron os problemas máis valorados.






Uns 150 veciños de Doniños e San Xurxo, dos 249 con dereito a voto, déronse cita neste encontro que tivo lugar no local social deste último lugar.
Seguinte paso .-

Estas dúas asembleas serviron para determinar as necesidades e as principais deficiencias existentes nos tres barrios e dúas parroquias ferrolás nos que botarán a andar antes de que finalice o ano os orzamentos participativos.

Este traballo permitirá ademais establecer prioridades para os proxectos de actuación que se presenten ao longo das próximas tres semanas, etapa do proceso que agora comeza.

O prazo para facer chegar as propostas ábrese mañá e pecharase o 25 de outubro.





Unha vez terminado o período de presentación de proxectos, estes ordenaranse e priorizarán nas denominadas Mesas de Propostas, delegacións da zona urbana e da rural cuxos representantes foron elixidos nas asembleas deste fin de semana.





A área de Participación Cidadá fixa para decembro a celebración do pleno da corporación municipal aprobará as intervencións a acometer en San Pablo de Catabois, Santa Mariña, San Xoán, Doniños e San Xurxo con cargo aos orzamentos participativos.

Diario de Ferrol.-


2/10/09

ASEMBLEAS DE ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS.-



As asembleas dos Orzamentos Participativos

fixarános principais problemas a suplir nos barrios.



A primeira será mañá ás 19.00 horas no


polideportivo de San Xoán e a segunda,


o sábado ás 18.00 horas en San Xurxo.



Os participantes elixirán aos representantes das Mesas de Propostas, que analizarán os proxectos que se presenten

Ferrol, 1 de outubro de 2009.-
O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, informou hoxe da celebración das asembleas de Orzamentos Participativos que terán lugar mañá e o sábado. Nos dous casos, servirán para proceder á realización da diagnose dos barrios e parroquias e determinar os problemas máis relevantes destas zonas, así como para elixir aos representantes das Mesas de Propostas, que serán as encargadas de analizar os proxectos que se financiarán con cargo aos 350.000 euros cuxo destino decidirán os veciños.

A primeira das asembleas, a urbana, dará comenzo ás 19.00 horas no pavillón polideportivo de San Xoán de Filgueira, ubicado detrás do CEIP, e nela están inscritas un total de 383 persoas de San Pablo de Catabois, Santa Mariña e San Xoán de Filgueira-O Bertón.


Para a asemblea do sábado, a das parroquias rurais, son 249 as persoas inscritas. A reunión está fixada para as 18.00 horas no local social da Asociación de Veciños de San Xurxo.


Todas estas 632 persoas poderán emitir o seu voto mentres que as que non estean inscritas e/ou pertenzan a outros barrios poderán só participar con voz.

Así mesmo, abrirase novamente o Rexistro para incluír novos votantes de cara ás asembleas que se celebrarán no mes de decembro.


Trátase, tal e como explicou Manuel Santiago, de determinar cales son as necesidades e as principais deficiencias existentes e poder deste xeito establecer prioridades para as propostas presentadas.

Destas asembleas obteranse uns documentos que incluirán ditos problemas e estarán expostos nos sete puntos de información que estiveron funcionando durante o mes de setembro para a posta en marcha do rexistro de participantes dos Orzamentos Participativos.


Son os seguintes:
Barrios e parroquias
Horarios
Enderezos

-San Xoán de Filgueira- O Bertón


Luns a Domingo
11,00 a 22,00 horas
Local da Asociación veciñal San Xoán de Filgueira
Rúa Souto, 11. San Xoán

-San Pablo de Catabois

Luns a Sábado
10,00 a 14,00 horas
17,00 a 21,00 horas
Local da Asociación veciñal San Pablo de Catabois
Rúa Carballo, s/n. San Pablo

Santa Mariña

Luns a Sábados
17,30 a 21,00 horas
Local da Asociación veciñal Santa Mariña do Vilar
O Sino. Santa Mariña


San Xurxo


Martes, mércores e xoves
17,00 a 19,00 horas
Local da Asociación veciñal Río da Ponte
Lugar Río da Ponte. San Xurxo

Doniños

Luns a Sábado
17,00 a 20,00 horas
Local da Asociación de Mulleres Rurais
Lugar de Pereiro, s/n. Doniños


Doniños (Valón)

Luns a sábados
18,00 a 21,00 horas
Local da Asociación veciñal Cruceiro de Valón
Lugar da Torre, s/n. Valón

Concello

Luns a Venres
9,00 a 15,00 horas
Departamento de Participación Cidadá
Praza de Armas, s/n. 1º andar. Ferrol



- As votacións nestas asembleas serán necesarias non só para identificar os problemas dos barrios e parroquias senón tamén para elixir aos representantes das Mesas de Propostas.


Éstas serán dúas -unha delas sairá da asemblea urbana e a outra, da rural- e convertiranse en dúas delegacións das asembleas integradas por entre 10 e 20 participantes nas mesmas.

Reuniranse primeiro por separado para ordenar e priorizar as propostas en función do resultado de cada asemblea e posteriormente terán unha sesión conxunta co obxecto de coñecer as iniciativas de todos os territorios.


Todos os asistentes recibirán unha guía explicativa do proceso, as previsións das actividades e investimentos que o Concello ten previsto realizar co resto do orzamento ordinario e outras administracións nestes cinco barrios.

Neste senso, o concelleiro de Participación Cidadá sinalou que a súa finalidade é que os veciños e veciñas presenten propostas que non estean planificadas con outros fondos.


Saúdos;

Gabinete de Comunicación.-