9/10/09

ADHESIÓN Á REDE ESTATAL DE MUNICIPIOS.-




Ferrol adherirase á Rede Estatal


de Municipios que traballan con


Orzamentos Participativos.

· Unha delegación ferrolá acudirá a Sevilla o 30 de outubro ás xornadas nas que se constituirá esta entidade.

· O edil Manuel Santiago avanza que facilitará o intercambio de información e experiencias entre os municipios

Ferrol, 8 de outubro de 2009.-
O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, informou esta mañá de que o Concello de Ferrol se adherirá á Rede Estatal de Municipios con Orzamentos Participativos que se vai a constituír. A esta iniciativa sumáronse no 2008 máis de 40 municipios de toda España e a Administración local farao o vindeiro 30 de outubro no marco da celebración, en Sevilla, das VII Xornadas Internacionais de Orzamentos Participativos que se inaugurarán o día 28 deste mes no Centro Cívico Torre del Agua da cidade hispalense.

No marco destes encontros celebrarase unha asemblea constitutiva cun plan de traballo para 2010. Os principais cometidos desta rede serán o impulso de procesos participativos no orzamento municipal, o asesoramento entre a rede e outros concellos e a celebración de encontros formativos e de intercambio de experiencias. A súa constitución é resultado da proposta que o ano pasado fixeron os municipios de Getafe, Córdoba, Sevilla, Santa Cristina d´Aro e a Deputación Provincial de Málaga.

O concelleiro Manuel Santiago e a técnica de Participación Cidadá do Concello de Ferrol, Maica Rodríguez Freire, asistirán a estes encontros, que se desenvolverán baixo o lema “Crise global, alternativas desde o local”. Ao longo das tres xornadas analizarase a capacidade que ditos orzamentos teñen de mobilizar conxuntamente a autoridades políticas, técnicos da administración e á cidadanía, así como os movementos e iniciativas sociais nos orzamentos participativos.

O alcalde de Sevilla, Alfredo Sánchez, será o encargado de inaugurar os encontros, nos que participarán expertos na materia de Uruguay, dos Concellos hispalense e de Santa Cristina D´Aro e do Observatorio das Prácticas de Participación -deste último organismo asistirá o seu director, Giovani Alegreti-. Así mesmo, haberá diversos obradoiros participativos baseados no autorregulamento dos orzamentos participativos, na inclusión neles de iniciativas e movementos sociais e sectores, nos criterios de xustiza social neste proceso ou na participación infantil no mesmo.

En definitiva, estas xornadas pretenden ser un espazo de reflexión, debate e aprendizaxe colectivo acerca da necesidade de fortalecer as alianzas cos movementos sociais e os sectores tradicionalmente excluídos da sociedade como elemento esencial para profundizar en democracia.


Saúdos; Gabinete de Comunicación.-

No hay comentarios:

Publicar un comentario