para financiar con cargo aos Orzamentos
Participativos en Ferrol
Mércores, 28 de outubro de 2009
O alcalde, Vicente Irisarri, e o Grupo Motor destacan a excelente resposta neste proceso pioneiro en Galicia.
O próximo paso é o inicio do traballo das Mesas de Propostas, convocadas o 4 e 5 de novembro no Jofre
O alcalde, Vicente Irisarri; o concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, e a representante do Grupo Motor, Nieves Pérez Díaz, destacaron a excelente resposta da cidadanía ao proceso dos Orzamentos Participativos, pioneiro en Galicia.
A valoración chegaba despois de que o pasado domingo, día 25, se pechase o prazo de presentación de propostas para financiar con cargo á partida de 350.000 euros coa que arrancan os Orzamentos Participativos en Ferrol.
A esta convocatoria os cidadáns e cidadás de Ferrol presentaron un total de 1.227 propostas.
Os primeiros datos sinalan que o 72,21% pertence ao ámbito rural, con 886 propostas das parroquias de Doniños (628) e San Xurxo (258).
O 27,79% restante correspóndese con propostas dos tres barrios urbanos, San Pablo de Catabois (203), Santa Mariña (76) e San Xoán de Filgueira-O Bertón (62).
O seguinte paso, tal e como explicou o edil Manuel Santiago, é precisamente iniciar o traballo de Mesas de Propostas das zonas rural e urbana formadas por un total de 37 persoas trala súa constitución o pasado día 14 de outubro.
Para iso, están convocadas dúas reunións a vindeira semana no Teatro Jofre, que se celebrarán entre as 18.00 e 20.00 horas. A primeira delas será a xuntanza para os membros da Mesa de Propostas urbana, fixada para o mércores 4 de novembro.
Esta representa aos barrios de San Pablo de Catabois, San Xoán de Filgueira e Santa Mariña.
A Mesa de Propostas da zona rural reunirase o 5 de novembro e é a relativa ás parroquias de Doniños e San Xurxo.
En ambas xuntanzas realizarase un balance do número e tipo de propostas presentadas neste proceso, procederase á súa ordenación e aplicaranse os criterios de valoración das diagnoses das primeiras asembleas.
Isto farase en función dos principais problemas que se votaron nas reunións celebradas os pasados 2 e 3 de outubro coa finalidade de coñecer as necesidades, deficiencias e problemas máis importantes que se deben solucionar nos barrios que serán obxecto de intervención no proceso dos Orzamentos Participativos.
Aquelas que non resulten seleccionadas para ser financiadas cos 350.000 euros reservados a este proceso incluiranse nun banco de ideas.
Así mesmo, máis de 670 persoas se inscribiron no Rexistro de Participantes dos Orzamentos Participativos.
Todos eles están empadroados nos barrios nos que se levarán a cabo as intervencións que resulten seleccionadas, exercen a súa actividade laboral nestes territorios ou son propietarios neles de vivenda, local ou terreo.
Todos poderán exercer o seu dereito a voto na asemblea que se celebrará o vindeiro mes de decembro coa finalidade de decidir os proxectos que se porán en marcha.
Páxina Web -Ferrol.es
No hay comentarios:
Publicar un comentario