As mesas de propostas analizan as
iniciativas financiables
O Jofre acolleu a primeira reunión das mesas urbana e rural.
JorgeMeis
REDACCIÓN > FERROL
A engrenaxe que levará á aplicación por primeira vez na cidade de Ferrol dos orzamentos participativos continúa o seu ritmo coa constitución oficial das dúas mesas de propostas que onte tivo lugar no teatro Jofre.
Así, establecéronse dúas mesas en representación dos tres barrios da zona urbana e das zonas rurais de San Xurxo, Valón e Doniños.
A primeira está constituída por 17 persoas, elixidas na asemblea que tivo lugar o pasado 2 de outubro.
Os barrios de Santa Mariña (con cinco veciños), San Pablo de Catabois (sete) e San Xoán de Filgueira-Bertón (cinco) contan con representación na mesa.
Pola súa banda, a da zona rural está integrada por 20 persoas de San Xurxo (oito) e Valón e Doniños (12).
Un 43,3% da composición das mesas é feminina e oito dos integrantes son membros do Grupo Motor.
Todos eles serán os encargados de analizar as diferentes propostas que poden presentar e xa se está facendo por parte dos cidadáns ata o próximo día 25 de outubro.
Nesta primeira reunión tomaron parte os integrantes das mesas, o resto dos representantes do Grupo Motor e do Grupo de Análise e Proposta (GAP).
Así mesmo, estivo presente do concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, acompañado pola técnica, Maica Rodríguez, e, nun primeiro momento, do alcalde, Vicente Irisarri.
No encontro de onte analizáronse cuestións relativas ao proceso participativo e asembleario que se está pondo en marcha. Así, analizáronse tanto cuestións de reorganización como os resultados de participación alcanzados e fíxose un chamamento explícito á cidadanía, recordando que nas diferentes entidades veciñais implicadas e no propio Concello pódense entregar as propostas de investimento para os 350.000 euros que estes orzamentos destinan aos lugares seleccionados das zonas urbana e rural.
Cada veciño pode propor ata seis formulacións de investimento, que foron ordenados en seis sectores: social e benestar, lecer e cultura, medio ambiente, infraestruturas, mobilidade, tráfico e transporte, economía e emprego e outros.
Poden afectar a un ou a varios barrios e non deben, en ningún caso, exceder a cifra destinada a tal fin (serán os técnicos os que posteriormente valoren economicamente as propostas seleccionadas).
As votacións terán lugar no mes de decembro e será neste momento cando se restrinxa a participación a aqueles que están inscritos no rexistro destinado a tal fin (que xa supera as 660 persoas).
Só poderán apuntarse e votar os empadroados nestes barrios ou que exerzan alí a súa actividade.
Diario de Ferrol.-
No hay comentarios:
Publicar un comentario