22/8/10

CALENDARIO ASEMBLEAS CIDADÁS

As Asembleas cidadás para votar as propostas a financiar con cargo aos Orzamentos Participativos celebraranse entre o 18 de setembro e o 2 de outubro

Venres, 20 de agosto de 2010
O edil Manuel Santiago explica que a Comisión Técnica considerou viables 189 das 227 propostas presentadas. Máis de 1.000 persoas están chamadas ás urnas, aínda que o prazo para presentar as solicitudes está aberto

Manuel Santiago, concelleiro de Participación Cidadá, e Ana Beceiro, portavoz do Grupo Motor, compareceron en rolda de prensa xunto a unha ampla representación do movemento asociativo para informar das datas e emprazamentos das asambleas de zona que se celebrarán para a votación das propostas a financiar no 2010 con cargo aos Orzamentos Participativos, así como para dar conta do número de propostas presentadas que finalmente resultan viables dende o punto de vista técnico e económico.

Respecto ao primeiro punto, explicaron que as asambleas se celebrarán entre os meses de setembro e de outubro, segundo o seguinte calendario:


-Sábado, 18 de setembro Covas-Esmelle 17,30 AVV Covas .
-Venres 24 de setembro Ferrol Vello-Canido 19,30 Aula Ecoloxía Urbana (Parque Raíña Sofía)
-Sábado 25 de setembro Doniños-San Xurxo 17,30 AVV San Xurxo .
-Sábado 2 de outubro San Pablo de Catabois-Santa Mariña-San Xoán 17,30 Pavillón polideportivo do CEIP de San Xoán de Filgueira (pendente)

Así mesmo, concelleiro e representante veciñal avanzaron a celebración de encontros informativos previos nos diferentes barrios para dar conta das propostas presentadas e daquelas que non superaron a avaliación da Comisión Técnica, así como das xustificacións pertinentes.

Neste senso, Ana Beceiro insistiu na necesidade desas xuntazas, xa que o ano pasado non se deron a coñecer publicamente as razóns para desbotar algunhas propostas, cuestión que nesta edición se pretende variar para mellorar o proceso. Así, as reunións desenvolveránse este venres, 6 de agosto, en Covas; o 14 de agosto en San Xurxo e o 21 de agosto en Santa Mariña. Todas elas, a partires das 19 horas e con entrada libre. En todo caso, Beceiro apuntou que seguramente a cifra de encontros se amplíe a outros barrios a curto prazo.


Doutra banda, e como segundo punto a tratar na rolda de prensa, Manuel Santiago lembrou que a cidadanía presentaba 1.335 propostas este ano a financiar con cargo aos 1.650.000 euros dos Orzamentos Participativos. 1.335 propostas que se agrupaban en 227 atendendo á súa temática e tendo en conta que moitas delas eran coincidentes nos barrios.

Nesta liña, Manuel Santiago apuntou que a Comisión Técnica informou xa as 227, co resultado de 189 propostas viables e outras 13 non viables; 19 son de xestión e cinco están pendentes de valoración, xa que precisan maior concreción. Así mesmo, e por barrios, os resultados son: Ferrol Vello-Canido: de 53, 43 son viables; Santa Mariña-San Pablo-San Xoán: de 68, 62 son viables; Doniños-San Xurxo, de 53, 43 son viables, e Covas-Esmelle: de 47, 41 son viables.


Neste contexto, Manuel Santiago lembrou que se ben o prazo para presentar as propostas pechouse o pasado 27 de xuño aínda é posible apuntarse no Rexistro de Votantes para poder votar as propostas que serán executadas cos Orzamentos Participativos. ¿Como facelo? Ao inicio das asembleas de cidade. Ata o momento son 1.012 as persoas inscritas no mesmo.

Por último, o concelleiro destacou que Ferrol é pioneira en Galicia no proceso de Orzamentos Participativos e asegurou que moitas cidades de distintos puntos do planeta están a seguir a evolución do proceso ferrolá, tal e como se constatou nun recente curso internacional de Orzamentos Participativos realizado en Santo Domingo.

Ferrol.es

4/8/10

1.335 PROPOSTAS AGRUPADAS EN 227 INICIATIVAS VIABLES.-



O 83% das propostas veciñais para os

orzamentos participativos son viables.


Mércores, 04 de Agosto de 2010

O proceso de orzamentos participativos de 2010 non se detén no verán.
A Comisión Técnica, formada por persoal do Concello adscrito ás Concellarías implicadas na experiencia, terminou de avaliar a viabilidade técnica e económica das propostas presentadas polos veciños.
Así, das 227 iniciativas en que foron agrupadas as 1.335 propostas cursadas polos veciños, a comisión deu a súa visto e prace a 189; mentres que 13 non son viables; 19 son de xestión e cinco están pendentes de valoración, xa que precisan maior concreción.
É dicir, o 83% dos proxectos veciñais superaron esta primeira criba e poderán ser votadas nas asembleas de zona que se celebrarán para seleccionar as actuacións que se executarán ao longo deste ano con cargo aos 1.650.000 euros dos orzamentos participativos.
Por barrios, os resultados son ;
- Ferrol Vello-Canido: de 53 propostas presentadas, 43 viables;
- Santa Mariña-San Pablo-San Xoán: de 68, 62 son aceptadas;
- Doniños-San Xurxo: de 53, 43 pasaron a criba;
- Covas-Esmelle: de 47, 41 están aprobadas.
Manuel Santiago, concelleiro de Participación Cidadá, e Ana Beceiro, portavoz do Grupo Motor, compareceron onte en rolda de prensa xunto a unha ampla representación do movemento asociativo para informar das seguintes fases do proceso.
En primeiro lugar, celebraranse encontros informativos nos diferentes barrios para dar conta das propostas viables e daquelas que non superaron o exame da Comisión Técnica.
Respecto diso, Ana Beceiro insistiu na necesidade destas reunións, xa que o ano pasado non se explicaron as razóns para rexeitar algunhas propostas, cuestión que nesta ocasión quérese variar para mellorar o proceso.
O concelleiro de Participación recordou, pola súa banda, que aínda que o prazo para presentar iniciativas está pechado, aínda é posible apuntarse no Rexistro de Votantes para poder votar as propostas que se executarán cos orzamentos participativos de 2010.
Ata a data son 1.012 as persoas inscritas para facelo.
Diario de Ferrol.-