6/5/10

APROBACIÓN DO REGULAMENTO INTERNO DE FUNCIONAMENTO.-



-Xuntanza da Comisión de Control

Provisional do R.P.C.


-Aprobación da norma interna

de funcionamento.

A Comision Provisional de control do Regulamento de Participación Cidadá, reuniuse este pasado martes, día 4 de maio ás 6 h. da tarde na dependencias da casa do concello para aprobar o Regulamento Interno de funcionamento desta comisión. Este Regulameto foi debatido con anterioridade en varias reunións até chegar a esta reunión final, onde foi aprobado por unanimidade.
A Comisión Provisional está integrada na actualidade por 12 membros que sairon na súa maioría do antigo GAP, (Grupo de Análise e Propostas).
Este Regulamento aprobado este martes, contén as funcións, facultades, integrantes e funcionamento desta Comisión, que se constituirá nun foro de debate, participación e enlace coa cidadanía e o tecido asociativo en materia de participación codadá.
Darase conta deste Regulamento interno á Comisión informativa de Participación Cidadá para coñecemento dos grupos políticos.
A Comisión de Control Provisional valorou positivamente o destino social da caseta da Praza de España, onde servirá de punto de encontro da cidadanía para realizar diferentes usos de actividades como charlas, debates, exposicións, actos socio-culturais..etc.
Trasladarase para a seguinte reunión a proposta de abrir un rexistro de cidadáns interesados en participar nos diferentes organismos emanados do Regulamento de Participación Cidadá co fin de crear unha base de datos.
- A Comisión .-

5/5/10

CHARLAS INFORMATIVAS DOS OPs-2010

Ferrol- Mércores 5 de Maio de 2010
Comeza un calendario de charlas sobre
os orzamentos participativos de 2010.
redacción > ferrol
O Concello e as entidades do tecido asociativo da cidade programaron un ciclo de charlas informativas en asociacións de veciños para dar a coñecer o proceso de orzamentos participativos correspondente a este ano.
A iniciativa dará comezo mañá mércores no local de San Pablo de Catabois a partir das 19.30 horas e prolongarase ata o próximo día 23 de maio nos nove barrios que se beneficiarán nesta ocasión dos fondos destinados aos orzamentos participativos.
Trátase, ademais de Catabois, de Santa Mariña San Xoán -elixidos na experiencia piloto que levou a cabo durante o ano 2009-, Canido e Ferrol Vello na zona urbana, así como Covas, Esmelle, Doniños e San Xurxo, na rural.
O calendario de charlas terá continuidade o xoves 6 de maio no salón de actos do Centro Municipal de Emprego de Catabois (20.00 horas), o venres 7 na Asociación de Vecinos de San Xoán de Filgueira (20.00 horas) e o sábado 8 nas asociacións de veciños de San Xurxo (17.00 horas) e Covas (19.00 horas).
O martes 11 de maio haberá unha reunión sectorial coa comunidade educativa no Concello de Ferrol. A este encontro, previsto para as cinco da tarde, acudirán colexios, institutos e asociacións de pais da totalidade dos barrios implicados no proxecto.
O obxectivo desta convocatoria é involucrar á mocidade na experiencia de orzamentos participativos, de modo que tamén contribúan coas súas achegas a elixir os proxectos nos que se investirá a cantidade de 1.650.000 euros reservada para este fin.
O concelleiro responsable de Participación Cidadá, Manuel Santiago, recordou que a pasada semana convocouse tamén a representantes de 50 entidades deportivas para buscar a súa participación.
O ciclo terá continuidade o mércores 12 de maio na Sociedade Deportiva de Canido (20.00 horas), o 13 en Santa Mariña (19.00 horas), o 21 na Xunta Veciñal de Doniños (19.30 horas), o 22 no Lago de Doniños (17.00 horas) e Esmelle (19.00 horas) e o 23 no Cruceiro de Valón (20.00 horas).
Están pendentes de determinar a data e hora das charlas previstas en Ferrol Vello e San Román de Doniños. Manuel Santiago animou aos veciños a participar nestes encontros e recordou que ao longo deste mesmo mes está prevista a constitución do grupo motor e da comisión técnica municipal para analizar a viabilidade das propostas.
Así mesmo abrirase a inscrición no rexistro de votantes para recoller as propostas, un máximo de dous por persoa.
Diario de Ferrol.-

1/5/10

PRESETACIÓN ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS-2010



Ferrol Sábado 1 de Maio de 2010
Aberto o prazo para presentar propostas aos
orzamentos participativos


O edil de Participación explicou onte aos veciños
como se desenvolverán os orzamentos


carlos carballeira
REDACCIÓN > FERROL

A partir deste mes de maio, co inicio das charlas informativas e das sesións de traballo, os veciños poderán presentar as súas propostas a financiar este ano con cargo aos 1,6 millóns de euros dos orzamentos participativos.
O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, mantivo onte no Concello un encontro coas entidades veciñais dos nove barrios que se beneficiarán este 2010 destes fondos: San Pablo de Catabois, Santa Mariña, San Xoán, Canido e Ferrol Vello, na zona urbana; e Doniños, San Xurxo, Covas e Esmelle, na rural.
En relación coa primeira experiencia de 2009, o proceso ten varios cambios cos que se simplifican as fases previas á toma de decisións, o que permitirá aos técnicos municipais dispor de máis tempo para analizar a viabilidade das propostas que resulten seleccionadas.
O ano pasado tiveron unicamente dúas semanas ao concentrarse no último trimestre de 2009 todo o proceso: a incripción no rexistro de votantes, a recollida de propostas e a celebración das asembleas de barrio.
O novo proxecto de orzamentos participativos iniciarase neste mes coa celebración das charlas informativas e sesións de traballo nos nove barrios seleccionados: entre o 5 e o 23 de maio.
Tamén antes de que finalice maio quedará constituído o grupo motor, que se encargará de dinamizar o proceso nos diferentes puntos da cidade, así como a comisión técnica municipal que analizará a viabilidade técnica, xurídica e económica das propostas.
Respecto diso, Manuel Santiago destacou que este grupo de traballo reforzouse coa ampliación do seu número de membros, formando parte delas persoal técnico e administrativo das diferentes concellarías.
Así mesmo, durante os meses de maio e xuño estará aberta a inscrición no rexistro de votantes e comezaranse a recoller as propostas -como máximo poderanse realizar dúas por persoa-.
Estas poderán ser de dous tipos: investimentos e/ou mantemento de infraestruturas ou equipamentos e actividades ou propostas de carácter social.
Para poder realizar as propostas haberá que cubrir unha ficha que se poderá recoller e entregar no departamento de Participación Cidadá do Concello, na web municipal (www.ferrol.es) ou ben nos locais sociais dos barrios seleccionados. Para poder presentar as propostas é requisito ser maior de 16 anos e, para votalas, estar inscrito no rexistro de votantes.
Posteriormente en xuño celebraranse as asembleas de zona, que seleccionarán as propostas de actuación. Serán catro nesta ocasión, a diferenza das dúas do ano pasado: Unha para San Xoán, San Pablo e Santa Mariña, outra para Canido e Ferrol Vello, unha terceira para San Xurxo e Doniños e a última para Covas e Esmelle.
Destas catro reunións sairán as propostas de obras que se elevarán á denominada asemblea de cidade, un espazo novo de traballo que se incorpora ao proceso este ano e que terá como cometido decidir as propostas que se executarán con cargo ao orzamento dispoñible de 1,6 millóns de euros.
Na asemblea de cidade tamén se eligirá a comisión que velará polo seguimento das mesmas. A previsión do edil delegado da área Manuel Santiago é que todo este proceso estea listo en outubro, e adiantar así en dous meses con respecto á experiencia anterior a aprobación polo pleno do Concello das obras a realizar con estes orzamentos participativos.
Diario de Ferrol.-