21/2/10

ADHESIÓN Á REDE ESTATAL DE OPs.



O Concello de Ferrol formaliza a súa

adhesión como membro da Rede Estatal

polos Orzamentos Participativos

Venres, 19 de febreiro de 2010

O edil Manuel Santiago trasladouse a Madrid para participar na reunión da Comisión Coordinadora da Rede.

A decisión fora aprobada en pleno o pasado 29 de decembro e supón a inclusión de Ferrol nun dos 5 grupos de traballo da Rede: o de Formación e Asesoramento

O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, trasladouse á localidade madrileña de Getafe para participar na reunión da Comisión Coordinadora da Rede Estatal polos Orzamentos Participativos e formalizar a adhesión do Concello de Ferrol á dita rede.
A este respecto, o concelleiro lembrou que esta decisión fora aprobada en Pleno o pasado 29 de decembro e supón a incorporación de Ferrol a unha rede cuxa proposta de creación se realizara no ano 2008 a petición dos concellos de Getafe, Córdoba, Sevilla, Santa Cristina d`Aro e a Deputación Provincial de Málaga.

A ela sumáronse ao longo de 2008 máis de 40 municipios de España, que traballaron e elaboraron un documento no que se fixo unha aposta pola democratización participativa como unha nova ferramenta de goberno.

Segundo explicou Manuel Santiago, o Concello de Ferrol integrouse esta mañá nun dos cinco grupos de traballo que funcionan no marco desta Rede Estatal polos Orzamentos Participativos: o de Formación e Asesoramento -os catro restantes son os de Investigación e Publicación, Comunicación, Redes estatais e internacionais e Cidadanía non organizada (para traballar cos cidadáns que non pertencen a ningunha asociación)-.

A este respecto, o concelleiro de Participación Cidadá explicou que a inclusión de Ferrol neste grupo de Formación e Asesoramento implicará seguir unhas liñas de actuación para desenvolver unha metodoloxía de traballo. Así, un dos obxectivos plantexados é a creación dun Banco de Recursos para a Área de Formación, que facilite e axilice a organización de actividades formativas e a posta en común de experiencias.

Tratarase de contar cunha base de datos de persoal docente especializado en diferentes temáticas relacionadas coa participación cidadá e os orzamentos participativos, que estará formada por contactos de persoal técnico e expertos nacionais e internacionais e información sobre os mesmos (CV, especialidade, proxectos desenvolvidos, publicacións realizadas, etc.).

Así mesmo, o Concello local traballará xunto con outros concellos de España na creación dun banco actualizado de experiencias locais e internacionais que constituirá un valioso recurso para os membros da Rede, toda vez que ofrecerá casos prácticos de gran utilidade na realización de procesos formativos.
A elaboración de material de traballo para dotar de contido á Área de Formación da Rede será outro dos cometidos deste grupo de traballo, que elaborará un documento estándar de presentación da dita Rede, os seus obxectivos e metodoloxía de traballo ou información sobre as vantaxes e posibilidades de levar a cabo procesos de orzamentos participativos.
Deste xeito facilitarase a adhesión de novos municipios e a súa participación en actividades formativas.

A elaboración dun manual sobre orzamentos participativos, a creación dun arquivo con material bibliográfico en edición dixital dispoñible para todos os membros da Rede Estatal polos Orzamentos Participativos ou o establecemento dun programa de encontros colectivos e de comunicación en rede sobre os procesos implementados, como a posta en marcha dunha plataforma on-line, tamén serán aspectos nos que traballará o Concello de Ferrol como membro deste grupo de traballo.

O edil Manuel Santiago amosou a súa satisfacción por que o Concello de Ferrol forme xa parte desta Rede de ámbito nacional. Unha decisión que, tal e como subliñou, fora tomada trala súa participación nas VII Xornadas Internacionais de Orzamentos Participativos que se celebraron en Sevilla do 28 ao 30 de outubro baixo o lema “Crise global, alternativas desde o local”. Nelas, o Concello ferrolán participou en diferentes obradoiros e postas en común nas que se expuxeron os modelos de Orzamentos Participativos desenvolvidos na actualidade e que teñen ao de Ferrol e ao de Albacete como os únicos de España que naceron demandados “desde abaixo”.

É dicir, por parte dos propios cidadáns. Destacou neste senso que en Ferrol os Orzamentos Participativos foron impulsados polo Grupo de Análise e Proposta (GAP) e un foro cívico, mentres que no resto das 40 experiencias que funcionan en España a día de hoxe foron impulsadas inicialmente polos gobernos municipais.

ferrol.es

12/2/10

CONSTITUIDA COMISIÓN SEGUIMENTO OPs-2009


Constituída a comisión de seguimento

para os orzamentos participativos

Imaxe do primeiro encontro da comisión de seguimento, onte no palacio municipal
Luís Polo redacción > ferrol

A Comisión de Seguimento dos Orzamentos Participativos constituír onte formalmente nunha primeira reunión na que se abordou o calendario de accións e execución das catorce propostas que se executarán con cargo aos 350.000 euros consignados en 2009 para este capítulo.
Na reunión estiveron presentes o concelleiro responsable da área, Manuel Santiago, dous representantes por cada barrio ou parroquia participante no proceso de orzamentos participativos -San Pablo de Catabois, San Xoán de Filgueira-O Bertón e Santa Mariña, pola zona urbana, e San Xurxo e Doniños pola rural-; dous integrantes da Comisión Provincial de Control do Regulamento de Participación Cidadá e persoal técnico das áreas que executarán as propostas (Cultura, Obras, Medio Ambiente e Participación Cidadá), un total de doce persoas.
Manuel Santiago explicou que na reunión concretáronse os proxectos aprobados nas asembleas rural e urbana dos días 12 e 20 de decembro e no pleno do mesmo mes.
Tamén serviu para que os técnicos municipais recompilasen información dos veciños para redactar os proxectos, tendo en conta que xa se realizaron os informes de viabilidade correspondentes.
Parques biosaludables >
Entre os temas sobre os que se solicitou información está o emprazamento dos parques biosaludables de San Pablo e Santa Mariña, o deseño dos espazos que acollerán as actuacións, a concreción de actividades socioculturais que levarán a cabo ou o estudo de espazos escénicos nos barrios para poder programar neles accións.
Esta comisión de seguimento servirá de enlace cos veciños dos barrios e parroquias afectados, recollendo información sobre o terreo e facilitando á cidadanía datos sobre o estado dos expedientes.
Para a zona rural destínase un total de 147.187 euros e para a urbana 200.616.

CONVOCATORIA -COMISIÓN-GAP

Estimado equipo,

O vindeiro xoves 18 de febreiro ás 18,30 horas terá lugar unha reunión da Comisión Provisional de Control-GAP para expoñer o informe técnico relativo á ampliación de barrios da experiencia de Orzamentos Participativos, en resposta á petición dalgúns membros da citada comisión e co obxecto de axilizar a posta en marcha do modelo neste trimestre.

Apertas,


Área de Participación Cidadá E DEPORTES
Maica Rodríguez Freire, técnica en Participación Cidadá
Praza de Armas, s/n. 1º andar. 15402
Ferrol
Tel.: 981.944.015 / Móbil: 696.112.691

participacion@ferrol.es

comision.gap@gmail.com