21/2/10

ADHESIÓN Á REDE ESTATAL DE OPs.



O Concello de Ferrol formaliza a súa

adhesión como membro da Rede Estatal

polos Orzamentos Participativos

Venres, 19 de febreiro de 2010

O edil Manuel Santiago trasladouse a Madrid para participar na reunión da Comisión Coordinadora da Rede.

A decisión fora aprobada en pleno o pasado 29 de decembro e supón a inclusión de Ferrol nun dos 5 grupos de traballo da Rede: o de Formación e Asesoramento

O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, trasladouse á localidade madrileña de Getafe para participar na reunión da Comisión Coordinadora da Rede Estatal polos Orzamentos Participativos e formalizar a adhesión do Concello de Ferrol á dita rede.
A este respecto, o concelleiro lembrou que esta decisión fora aprobada en Pleno o pasado 29 de decembro e supón a incorporación de Ferrol a unha rede cuxa proposta de creación se realizara no ano 2008 a petición dos concellos de Getafe, Córdoba, Sevilla, Santa Cristina d`Aro e a Deputación Provincial de Málaga.

A ela sumáronse ao longo de 2008 máis de 40 municipios de España, que traballaron e elaboraron un documento no que se fixo unha aposta pola democratización participativa como unha nova ferramenta de goberno.

Segundo explicou Manuel Santiago, o Concello de Ferrol integrouse esta mañá nun dos cinco grupos de traballo que funcionan no marco desta Rede Estatal polos Orzamentos Participativos: o de Formación e Asesoramento -os catro restantes son os de Investigación e Publicación, Comunicación, Redes estatais e internacionais e Cidadanía non organizada (para traballar cos cidadáns que non pertencen a ningunha asociación)-.

A este respecto, o concelleiro de Participación Cidadá explicou que a inclusión de Ferrol neste grupo de Formación e Asesoramento implicará seguir unhas liñas de actuación para desenvolver unha metodoloxía de traballo. Así, un dos obxectivos plantexados é a creación dun Banco de Recursos para a Área de Formación, que facilite e axilice a organización de actividades formativas e a posta en común de experiencias.

Tratarase de contar cunha base de datos de persoal docente especializado en diferentes temáticas relacionadas coa participación cidadá e os orzamentos participativos, que estará formada por contactos de persoal técnico e expertos nacionais e internacionais e información sobre os mesmos (CV, especialidade, proxectos desenvolvidos, publicacións realizadas, etc.).

Así mesmo, o Concello local traballará xunto con outros concellos de España na creación dun banco actualizado de experiencias locais e internacionais que constituirá un valioso recurso para os membros da Rede, toda vez que ofrecerá casos prácticos de gran utilidade na realización de procesos formativos.
A elaboración de material de traballo para dotar de contido á Área de Formación da Rede será outro dos cometidos deste grupo de traballo, que elaborará un documento estándar de presentación da dita Rede, os seus obxectivos e metodoloxía de traballo ou información sobre as vantaxes e posibilidades de levar a cabo procesos de orzamentos participativos.
Deste xeito facilitarase a adhesión de novos municipios e a súa participación en actividades formativas.

A elaboración dun manual sobre orzamentos participativos, a creación dun arquivo con material bibliográfico en edición dixital dispoñible para todos os membros da Rede Estatal polos Orzamentos Participativos ou o establecemento dun programa de encontros colectivos e de comunicación en rede sobre os procesos implementados, como a posta en marcha dunha plataforma on-line, tamén serán aspectos nos que traballará o Concello de Ferrol como membro deste grupo de traballo.

O edil Manuel Santiago amosou a súa satisfacción por que o Concello de Ferrol forme xa parte desta Rede de ámbito nacional. Unha decisión que, tal e como subliñou, fora tomada trala súa participación nas VII Xornadas Internacionais de Orzamentos Participativos que se celebraron en Sevilla do 28 ao 30 de outubro baixo o lema “Crise global, alternativas desde o local”. Nelas, o Concello ferrolán participou en diferentes obradoiros e postas en común nas que se expuxeron os modelos de Orzamentos Participativos desenvolvidos na actualidade e que teñen ao de Ferrol e ao de Albacete como os únicos de España que naceron demandados “desde abaixo”.

É dicir, por parte dos propios cidadáns. Destacou neste senso que en Ferrol os Orzamentos Participativos foron impulsados polo Grupo de Análise e Proposta (GAP) e un foro cívico, mentres que no resto das 40 experiencias que funcionan en España a día de hoxe foron impulsadas inicialmente polos gobernos municipais.

ferrol.es

No hay comentarios:

Publicar un comentario