31/10/11

Denuncia de Esquerda Unida-

EU fai un chamamento ao tecido asociativo

para unirse contra a supresión dos OPs .


Sábado, 29 de Outubro de 2011.

O grupo municipal de Esquerda Unida manifestou a súa radical oposición á supresión o próximo ano dunha partida para orzamentos participativos.

Para a formación que lidera Yolanda Díaz, o goberno aproveita os atrasos das obras acordadas para 2009-2010 para "facernos trampas e decretar pola porta de atrás o fin dos orzamentos, alomenos ou vindeiro ano".

Para EU é necesario dedicar os recursos suficientes para manter os acordos que se alcanzan por parte da cidadanía no marco dos OPs (Orzamentos Participativos). Así mesmo, o edil Javier Galán considera necesaria a unidade do tecido asociativo e as organizacións políticas da cidade para "ampliar e fornecer a democracia participativa".


Así, fai un chamamento para organizar "unha fronte unitaria" que garanta o mantemento e a extensión dos orzamentos participativos, que consideran que son "un elemento senlleiro doutro xeito de favorecer a extensión da democracia".

Por iso reclama ao goberno que rectifique a previsión de suspender os orzamentos.



Diario de Ferrol.-


28/10/11

Presentación da verdadeira Participacion Cidadá.-









O edil de Participación expón aos grupos municipais a folla de ruta para impulsar unha verdadeira participación cidadá no Concello de Ferrol.








Venres, 28 de outubro de 2011


O executivo local desbloqueará o desenvolvemento do Regulamento de Participación Cidadá (RPC), inédito dende a súa aprobación en xullo de 2009, e simplificará o proceso de Orzamentos Participativos para garantir a materialización de todas as propostas veciñais Jose Manuel Vilariño sostén que “a participación en Ferrol non é algo teórico, ten que ser real”.

O concelleiro de Participación, Jose Manuel Vilariño Anca, presentou aos grupos municipais no transcurso dunha Xunta de Voceiros as medidas que vai adoptar o goberno local para darlle un novo impulso á participación cidadá. “Entendemos que non se pode reducir a Participación Cidadá aos orzamentos participativos”, apuntou Jose Manuel Vilariño, que engadiu que dende o goberno municipal “queremos darlle un maior impulso á participación, desenvolvendo todos os órganos participativos que recolle o Regulamento de Participación Cidadá aprobado polo Concello de Ferrol”.

O responsable da Área de Participación expuxo que dende a súa aprobación polo Pleno en xullo de 2009 e posterior publicación no Boletín Oficial da Provincia o 2 de decembro do mesmo ano o Regulamento de Participación Cidadá (RPC) non se ten desenvolvido, e, a día de hoxe, ningún dos novos órganos de participación que se contemplan do mesmo están creados e en funcionamento.

Asemade, Jose Manuel Vilariño detallou o baixo grao de execución dos Orzamentos Participativos de 2009 e 2010, que ascende a case o 40% no caso dos primeiros e o máis do 97% nos segundos. Estes dous factores, a baixa execución dos orzamentos participativos e o nulo desenvolvemento do RPC, levan ao goberno municipal a “reordenar o proceso e iniciar un camiño que verdadeiramente impulse a participación na cidade”, apuntou José Manuel Vilariño.

Neste sentido, e no que atinxe ós orzamentos participativos, o concelleiro de Participación explicou que entre este ano e o seguinte finalizaranse todas as actuacións programadas nos exercicios 2009 e 2010 que técnica e economicamente sexan viables.

sí mesmo, simplificaranse os tempos de elaboración dos orzamentos participativos, de xeito que as propostas votadas polos cidadáns durante un ano poidan ser incluídas nos presupostos municipais no seguinte. “Os orzamentos participativos deben sen ser un proceso a dous tempos: O que se pensa ao longo dun ano execútase no seguinte”, declarou.

Desenvolvemento do Regulamento de Participación Cidadá Jose Manuel Vilariño tamén detallou aos voceiros dos grupos políticos con representación no Concello a folla de ruta para o desenvolvemento de todos os órganos que se recollen no RPC, porque “os Orzamentos Participativos son soamente un pequena parte do que ten que ser a Participación en Ferrol”.

Neste sentido, manifestou que o goberno municipal “quere darlle un maior impulso á participación, desenvolvendo todos os órganos de participación que recolle o regulamento”.


Para iso os pasos que se darán son os seguintes:


1. O obxectivo inmediato é convocar un foro de Cidade para presentar á cidadanía a folla de ruta do Concello de Ferrol na posta en marcha da Participación Cidadá. O foro servirá tamén para recoller propostas concretas dos veciños e veciñas de Ferrol.



2. O seguinte paso será a convocatoria de Asambleas de Barrio con dous obxectivos. O primeiro é dar a coñecer o regulamento de Participación cidadá, fomentar a participación da veciñanza, e en segundo lugar, designar ós seus representantes no futuro Consello da Veciñanza.

Será o pleno do Concello de Ferrol quen deberá decidir o número de barrios que se establecerán a efectos de organizar a participación.


3. Unha vez celebradas todas as asembleas de barrio, constituirase o Consello da Veciñanza, que é o órgano de encontro e coordinación de todos os órganos de participación do municipio. Este estará integrado polo alcalde, o concelleiro de Participación, un representante de cada grupo municipal, e dous representantes de cada asemblea de barrio, un representante de cada Concello sectorial e un representante de cada comisión permanente dos foros Cívicos.

As competencias do Consello da Veciñanza son as de intercambiar información sobre o funcionamento dos consellos sectoriais, as asembleas de barrio e os foros cívicos, elaborar propostas de coordinación e presentar suxestións ao Concello para a mellora dos mecanismos de participación e para a aplicación de políticas municipais integrais.


4. Logo da constitución do Concello da Veciñanza, o seguinte paso será a constitución da Comisión Permanente de Participación Cidadá, órgano de control da implementación e seguimento dos mecanismos de participación cidadá.


5. Outra das prioridades do novo goberno municipal é a posta en marcha da Oficina de información, rexistro, suxestións e reclamacións, recollida no Regulamento de Participación Cidadá, nos artigos 10, 11 e 12. 6.

A creación da oficina estaría aparellada á constitución da Comisión especial de suxestións e reclamacións, integrada por concelleiros de todos os grupos políticos.

A comisión terá como fin garantir os dereitos de petición e proposta dos veciños.


7. O novo goberno local porá en marcha consellos sectoriais. Para elo será preciso actualizar os xa existentes e deseñar os de nova creación. Son órganos de carácter consultivo, e de formulación de propostas que permiten a participación cidadá na xestión das distintas áreas da actividade municipal.

En definitiva, son órganos de participación de carácter temático.

Se estima que os consellos sectoriais sexan en torno a once.


8. O novo goberno ten o compromiso de impulsar a E-administración. Para iso vaise poñer en marcha a chamada “carpeta Cidadán”.

No artigo 8 do RPC recóllese a implantación de mecanismos de participación mediante as novas tecnoloxías.

O obxectivo final é que o cidadán poida facer trámites on-line a través da rede, sen necesidade de desprazarse ata a Casa do Concello.

Para osto é preciso implantar a aplicación da sinatura dixital na administración municipal.


9. A intención do goberno local é por en marcha tamén o observatorio cidadán, recollido tamén no RPC. Trátase dun espazo na web municipal que recollerá de forma periódica as informacións e os resultados de informes cuantitativos e cualitativos e datos de enquisa de opinión cidadá on-line.


10. Dende o goberno municipal se pretende proceder á actualización do rexistro municipal de entidades cidadás, conforme ós artigos 43-52 do RPC.


En definitiva, Jose Manuel Vilariño expuxo aos grupos municipais a vontade do actual goberno municipal de “multiplicar as posibilidades de participación dos veciños no Concello”.

E ao fío disto, o edil concluíu que “a participación en Ferrol non é algo teórico, ten que ser real. Temos un camiño por percorrer e iso é o que imos facer”.
web - Concello de Ferrol

27/10/11

O Concelleiro Vilariño e a Participación Cidadá.-

O Concello comezará a desenvolver o

regulamento de participación cidadá .

Mércores, 26 de Outubro de 2011.



Á marxe do desenvolvemento dos orzamentos participativos, cos que o concelleiro José Manuel Vilariño asegurou que se continuará neste mandato, a participación cidadá supón tamén a posta en marcha do regulamento aprobado en 2009 e que aínda non comezou a desenvolverse.


O edil desta área presentou onte aos grupos da oposición -e farao posteriormente aos veciños nun foro de cidade- a folla de ruta que se seguirá a partir de agora en canto ao desenvolvemento de todos os órganos participativos que recolle o Regulamento de Participación Cidadá (RPC) aprobado polo Concello.


O primeiro paso será a convocatoria -probablemente a finais de mes- dun foro de cidade no que se exporá o camiño previsto polo Concello na posta en marcha da participación e recolleranse as propostas concretas dos veciños.


Ao foro seguirán as asembleas de barrio, co obxectivo de dar a coñecer o regulamento e de designar aos representantes no futuro Consello da Veciñanza. Neste sentido, será o pleno o que deba establecer, a efectos de organizar a participación, o número de barrios que se terán en conta.


Con todas as asembleas celebradas, constituirase o Consello antes mencionado, integrado polo alcalde, o concelleiro de Participación, un representante de cada grupo municipal, dous membros de cada asemblea de barrio, un representante de cada mesa sectorial e un de cada comisión permanente dos foros cívicos.


Tras a constitución deste organismo, o seguinte paso, tal e como explicou o edil José Manuel Vilariño, será a creación da Comisión Permanente de participación cidadá, un órgano de control de seguimento e coordinación dos demais organismos, e no que se recollerán as suxestións e daranse as informacións precisas.


O novo proxecto de impulso da participación dos veciños no facer municipal inclúe tamén a xa anunciada oficina de queixas, información e suxestións, que contará cunha comisión especial formada por concelleiras.


O impulso das ferramentas on-line é outra das vertentes que se pretende fomentar desde a área de Participación. Nesta liña, porase en marcha o chamado cartafol cidadán, que permitirá realizar trámites a través da rede, sen necesidade de desprazarse ata o Palacio Municipal. A implantación da firma dixital é básica para este fin e o pleno será o encargado de aprobar un regulamento para que poida levar a cabo a tramitación.


A creación dun observatorio cidadán, que será un espazo virtual na web municipal para recoller de forma periódica as informacións e resultados de informes e datos da enquisa de opinión cidadá on-line, e a actualización do rexistro municipal de entidades cidadás son outras das cuestións que se porán en marcha nesta reactivación do proceso participativo e que, ademais, son consecuencia do desenvolvemento do regulamento.


Orzamentos .-

Outra das cuestións relativas á participación cidadá que si comezou no anterior mandato pero que sufrirá cambios nesta nova etapa municipal serán os coñecidos como OPs (Orzamentos de Participación Cidadá).


Neste sentido, Vilariño explicou que está sen executar en torno ao 40% dos orzamentos de 2009 e máis do 97% dos de 2010. Para o documento económico de 2012 contémplase incluír unha partida -que o edil non concretou- para poder finalizar os proxectos pendentes -dentro da viabilidade económica-.

Non se presentarán, deste xeito, proxectos novos para executar antes de 2013, para cuxos presupostos xa se contará coa selección oportuna realizada ao longo do ano anterior.


O proceso de orzamentos participativos tamén tenderá a simplificarse. Así, as propostas elixiranse en asemblea de barrio e despois debateranse nunha mesa conxunta entre cidadáns e técnicos onde se priorizarán as actividades.


Vilariño apuntou que será necesario entender a partir de agora que os orzamentos participativos desenvolveranse en dous tempos, o pensando nun ano (2012) executarase no primeiro semestre do seguinte (2013).

Diario de Ferrol.-


19/10/11

QUEIXAS DA COMISIÓN DE SEGUIMENTO DOS OPs-2010.-

A comisión Seguimento dos orzamentos

participativos busca o apoio da oposición.



Martes, 18 de Outubro de 2011



A comisión de seguimento dos orzamentos participativos-2010, reuniuse onte en autoconvocatoria co fin de analizar as medidas que tomarán ante o que consideran un "ninguneo" por parte do concelleiro de Participación Cidadá, José Manuel Vilariño.


Os integrantes deste organismo recordan que a súa función é facer un seguimento e velar por que se cumpran as propostas tal e como se aprobaron na asemblea cidadá. A falta de información e o xiro que deron algunhas das actividades que viñan desenvolvéndose como "Culticipando", levou á comisión a dirixirse aos grupos da oposición para buscar o seu apoio co fin de que os orzamentos participativos poidan seguir adiante e achégueselles a información necesaria para saber que se está facendo e como.




Neste sentido, hoxe mesmo poranse en contacto coas formacións políticas para convocalas a unha reunión o vindeiro xoves pola tarde. O programa "Culticipando" ocupou parte do tempo da reunión, xa que, segundo explicaron desde a comisión, está motivando queixas veciñais tanto por falta de comunicación (unhas entidades non saben o que se está organizando nin o que se programa noutra)/noutra) como polo papel das dinamizadoras, xa que, segundo din, reuníronse coas asociacións pero cunha programación pechada, na que o colectivo veciñal non ten opción a cambios.




Tamén empezan a xurdir problemas en tanto que agora prográmanse actividades por asociación e non por barrio ou parroquia, polo que xorden agravios comparativos.


Ademais, explican, Canido e Ferrol Vello non contan con programación cando están dentro do circuíto.

Diario de Ferrol.-

6/10/11

CRITICAS DA COMISIÓN OP,s-2010

Reclaman información sobre as

obras dos orzamentos participativos .

Mércores, 05 de Outubro de 2011.

A Comisión de seguimento dos orzamentos participativos-2010 mantivo unha reunión o pasado luns na que acordou dirixirse ao concelleiro de Participación Cidadá (onte entregou a petición no rexistro) para solicitar o informe do Estado das propostas aprobadas nos orzamentos participativos.


Tal e como explica a comisión, o responsable municipal desta área indicoulles que algunhas propostas non se poden realizar por inviabilidad técnica ou orzamentaria, polo que se quere saber cales son e por que non se poden executar.

Así mesmo, a comisión (integrada por 13 persoas) pide información sobre os prazos e sobre a distribución das actuacións "díxose que unhas obras executaríanse este ano e outras en 2012".


Ademais, tendo en conta que se supón que está en elaboración o documento económico de 2012, os responsables veciñais queren saber se as actuacións que non se executen este ano están sendo tidas en conta no orzamento en redacción.

Outra das cuestións sobre as que se pide explicacións desde a comisión de seguimento é sobre a programación de Culticipando. A programada polos veciños foi paralizada e, no seu lugar, desenvólvense actividades "que para nada se corresponde á proposta aprobada na asemblea de cidade celebrada ou pasado decembro".


A programación iniciada o sábado rompe, a xuízo dos veciños, coa filosofía aprobada no seu momento e co traballo realizado ata agora nos barrios e parroquias no sentido de traballar conxuntamente as zonas e non por asociacións de veciños.

A comisión rexeita que a este programa se lle do nome de Culticipando, xa que non responde ao decidido pola cidadanía.


Así mesmo, a agrupación de seguimento dos orzamentos participativos, co ánimo de reconducir unha parte da proposta inicial, a que se refire ao traballo da figura do dinamizador, solicita unha reunión coas persoas contratadas para este traballo.


Diario de Ferrol.-


--------------------------------------------------------

La Voz de Galicia.


Críticas polos orzamentos participativos.

A Comisión de Seguimento dos orzamentos participativos-2010, presentou onte un escrito por rexistro municipal para solicitar o estado das propostas aprobadas.


O colectivo criticou o programa de descentralización cultural anunciado a pasada semana.



Pola súa banda, o Concello informou onte de que axilizará a elaboración do inventario para a recuperación do patrimonio municipal, unha das propostas do 2010.






La Voz de Galicia.-