28/10/11

Presentación da verdadeira Participacion Cidadá.-









O edil de Participación expón aos grupos municipais a folla de ruta para impulsar unha verdadeira participación cidadá no Concello de Ferrol.








Venres, 28 de outubro de 2011


O executivo local desbloqueará o desenvolvemento do Regulamento de Participación Cidadá (RPC), inédito dende a súa aprobación en xullo de 2009, e simplificará o proceso de Orzamentos Participativos para garantir a materialización de todas as propostas veciñais Jose Manuel Vilariño sostén que “a participación en Ferrol non é algo teórico, ten que ser real”.

O concelleiro de Participación, Jose Manuel Vilariño Anca, presentou aos grupos municipais no transcurso dunha Xunta de Voceiros as medidas que vai adoptar o goberno local para darlle un novo impulso á participación cidadá. “Entendemos que non se pode reducir a Participación Cidadá aos orzamentos participativos”, apuntou Jose Manuel Vilariño, que engadiu que dende o goberno municipal “queremos darlle un maior impulso á participación, desenvolvendo todos os órganos participativos que recolle o Regulamento de Participación Cidadá aprobado polo Concello de Ferrol”.

O responsable da Área de Participación expuxo que dende a súa aprobación polo Pleno en xullo de 2009 e posterior publicación no Boletín Oficial da Provincia o 2 de decembro do mesmo ano o Regulamento de Participación Cidadá (RPC) non se ten desenvolvido, e, a día de hoxe, ningún dos novos órganos de participación que se contemplan do mesmo están creados e en funcionamento.

Asemade, Jose Manuel Vilariño detallou o baixo grao de execución dos Orzamentos Participativos de 2009 e 2010, que ascende a case o 40% no caso dos primeiros e o máis do 97% nos segundos. Estes dous factores, a baixa execución dos orzamentos participativos e o nulo desenvolvemento do RPC, levan ao goberno municipal a “reordenar o proceso e iniciar un camiño que verdadeiramente impulse a participación na cidade”, apuntou José Manuel Vilariño.

Neste sentido, e no que atinxe ós orzamentos participativos, o concelleiro de Participación explicou que entre este ano e o seguinte finalizaranse todas as actuacións programadas nos exercicios 2009 e 2010 que técnica e economicamente sexan viables.

sí mesmo, simplificaranse os tempos de elaboración dos orzamentos participativos, de xeito que as propostas votadas polos cidadáns durante un ano poidan ser incluídas nos presupostos municipais no seguinte. “Os orzamentos participativos deben sen ser un proceso a dous tempos: O que se pensa ao longo dun ano execútase no seguinte”, declarou.

Desenvolvemento do Regulamento de Participación Cidadá Jose Manuel Vilariño tamén detallou aos voceiros dos grupos políticos con representación no Concello a folla de ruta para o desenvolvemento de todos os órganos que se recollen no RPC, porque “os Orzamentos Participativos son soamente un pequena parte do que ten que ser a Participación en Ferrol”.

Neste sentido, manifestou que o goberno municipal “quere darlle un maior impulso á participación, desenvolvendo todos os órganos de participación que recolle o regulamento”.


Para iso os pasos que se darán son os seguintes:


1. O obxectivo inmediato é convocar un foro de Cidade para presentar á cidadanía a folla de ruta do Concello de Ferrol na posta en marcha da Participación Cidadá. O foro servirá tamén para recoller propostas concretas dos veciños e veciñas de Ferrol.



2. O seguinte paso será a convocatoria de Asambleas de Barrio con dous obxectivos. O primeiro é dar a coñecer o regulamento de Participación cidadá, fomentar a participación da veciñanza, e en segundo lugar, designar ós seus representantes no futuro Consello da Veciñanza.

Será o pleno do Concello de Ferrol quen deberá decidir o número de barrios que se establecerán a efectos de organizar a participación.


3. Unha vez celebradas todas as asembleas de barrio, constituirase o Consello da Veciñanza, que é o órgano de encontro e coordinación de todos os órganos de participación do municipio. Este estará integrado polo alcalde, o concelleiro de Participación, un representante de cada grupo municipal, e dous representantes de cada asemblea de barrio, un representante de cada Concello sectorial e un representante de cada comisión permanente dos foros Cívicos.

As competencias do Consello da Veciñanza son as de intercambiar información sobre o funcionamento dos consellos sectoriais, as asembleas de barrio e os foros cívicos, elaborar propostas de coordinación e presentar suxestións ao Concello para a mellora dos mecanismos de participación e para a aplicación de políticas municipais integrais.


4. Logo da constitución do Concello da Veciñanza, o seguinte paso será a constitución da Comisión Permanente de Participación Cidadá, órgano de control da implementación e seguimento dos mecanismos de participación cidadá.


5. Outra das prioridades do novo goberno municipal é a posta en marcha da Oficina de información, rexistro, suxestións e reclamacións, recollida no Regulamento de Participación Cidadá, nos artigos 10, 11 e 12. 6.

A creación da oficina estaría aparellada á constitución da Comisión especial de suxestións e reclamacións, integrada por concelleiros de todos os grupos políticos.

A comisión terá como fin garantir os dereitos de petición e proposta dos veciños.


7. O novo goberno local porá en marcha consellos sectoriais. Para elo será preciso actualizar os xa existentes e deseñar os de nova creación. Son órganos de carácter consultivo, e de formulación de propostas que permiten a participación cidadá na xestión das distintas áreas da actividade municipal.

En definitiva, son órganos de participación de carácter temático.

Se estima que os consellos sectoriais sexan en torno a once.


8. O novo goberno ten o compromiso de impulsar a E-administración. Para iso vaise poñer en marcha a chamada “carpeta Cidadán”.

No artigo 8 do RPC recóllese a implantación de mecanismos de participación mediante as novas tecnoloxías.

O obxectivo final é que o cidadán poida facer trámites on-line a través da rede, sen necesidade de desprazarse ata a Casa do Concello.

Para osto é preciso implantar a aplicación da sinatura dixital na administración municipal.


9. A intención do goberno local é por en marcha tamén o observatorio cidadán, recollido tamén no RPC. Trátase dun espazo na web municipal que recollerá de forma periódica as informacións e os resultados de informes cuantitativos e cualitativos e datos de enquisa de opinión cidadá on-line.


10. Dende o goberno municipal se pretende proceder á actualización do rexistro municipal de entidades cidadás, conforme ós artigos 43-52 do RPC.


En definitiva, Jose Manuel Vilariño expuxo aos grupos municipais a vontade do actual goberno municipal de “multiplicar as posibilidades de participación dos veciños no Concello”.

E ao fío disto, o edil concluíu que “a participación en Ferrol non é algo teórico, ten que ser real. Temos un camiño por percorrer e iso é o que imos facer”.
web - Concello de Ferrol

No hay comentarios:

Publicar un comentario