27/10/11

O Concelleiro Vilariño e a Participación Cidadá.-

O Concello comezará a desenvolver o

regulamento de participación cidadá .

Mércores, 26 de Outubro de 2011.



Á marxe do desenvolvemento dos orzamentos participativos, cos que o concelleiro José Manuel Vilariño asegurou que se continuará neste mandato, a participación cidadá supón tamén a posta en marcha do regulamento aprobado en 2009 e que aínda non comezou a desenvolverse.


O edil desta área presentou onte aos grupos da oposición -e farao posteriormente aos veciños nun foro de cidade- a folla de ruta que se seguirá a partir de agora en canto ao desenvolvemento de todos os órganos participativos que recolle o Regulamento de Participación Cidadá (RPC) aprobado polo Concello.


O primeiro paso será a convocatoria -probablemente a finais de mes- dun foro de cidade no que se exporá o camiño previsto polo Concello na posta en marcha da participación e recolleranse as propostas concretas dos veciños.


Ao foro seguirán as asembleas de barrio, co obxectivo de dar a coñecer o regulamento e de designar aos representantes no futuro Consello da Veciñanza. Neste sentido, será o pleno o que deba establecer, a efectos de organizar a participación, o número de barrios que se terán en conta.


Con todas as asembleas celebradas, constituirase o Consello antes mencionado, integrado polo alcalde, o concelleiro de Participación, un representante de cada grupo municipal, dous membros de cada asemblea de barrio, un representante de cada mesa sectorial e un de cada comisión permanente dos foros cívicos.


Tras a constitución deste organismo, o seguinte paso, tal e como explicou o edil José Manuel Vilariño, será a creación da Comisión Permanente de participación cidadá, un órgano de control de seguimento e coordinación dos demais organismos, e no que se recollerán as suxestións e daranse as informacións precisas.


O novo proxecto de impulso da participación dos veciños no facer municipal inclúe tamén a xa anunciada oficina de queixas, información e suxestións, que contará cunha comisión especial formada por concelleiras.


O impulso das ferramentas on-line é outra das vertentes que se pretende fomentar desde a área de Participación. Nesta liña, porase en marcha o chamado cartafol cidadán, que permitirá realizar trámites a través da rede, sen necesidade de desprazarse ata o Palacio Municipal. A implantación da firma dixital é básica para este fin e o pleno será o encargado de aprobar un regulamento para que poida levar a cabo a tramitación.


A creación dun observatorio cidadán, que será un espazo virtual na web municipal para recoller de forma periódica as informacións e resultados de informes e datos da enquisa de opinión cidadá on-line, e a actualización do rexistro municipal de entidades cidadás son outras das cuestións que se porán en marcha nesta reactivación do proceso participativo e que, ademais, son consecuencia do desenvolvemento do regulamento.


Orzamentos .-

Outra das cuestións relativas á participación cidadá que si comezou no anterior mandato pero que sufrirá cambios nesta nova etapa municipal serán os coñecidos como OPs (Orzamentos de Participación Cidadá).


Neste sentido, Vilariño explicou que está sen executar en torno ao 40% dos orzamentos de 2009 e máis do 97% dos de 2010. Para o documento económico de 2012 contémplase incluír unha partida -que o edil non concretou- para poder finalizar os proxectos pendentes -dentro da viabilidade económica-.

Non se presentarán, deste xeito, proxectos novos para executar antes de 2013, para cuxos presupostos xa se contará coa selección oportuna realizada ao longo do ano anterior.


O proceso de orzamentos participativos tamén tenderá a simplificarse. Así, as propostas elixiranse en asemblea de barrio e despois debateranse nunha mesa conxunta entre cidadáns e técnicos onde se priorizarán as actividades.


Vilariño apuntou que será necesario entender a partir de agora que os orzamentos participativos desenvolveranse en dous tempos, o pensando nun ano (2012) executarase no primeiro semestre do seguinte (2013).

Diario de Ferrol.-


No hay comentarios:

Publicar un comentario