1/5/10

PRESETACIÓN ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS-2010



Ferrol Sábado 1 de Maio de 2010
Aberto o prazo para presentar propostas aos
orzamentos participativos


O edil de Participación explicou onte aos veciños
como se desenvolverán os orzamentos


carlos carballeira
REDACCIÓN > FERROL

A partir deste mes de maio, co inicio das charlas informativas e das sesións de traballo, os veciños poderán presentar as súas propostas a financiar este ano con cargo aos 1,6 millóns de euros dos orzamentos participativos.
O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, mantivo onte no Concello un encontro coas entidades veciñais dos nove barrios que se beneficiarán este 2010 destes fondos: San Pablo de Catabois, Santa Mariña, San Xoán, Canido e Ferrol Vello, na zona urbana; e Doniños, San Xurxo, Covas e Esmelle, na rural.
En relación coa primeira experiencia de 2009, o proceso ten varios cambios cos que se simplifican as fases previas á toma de decisións, o que permitirá aos técnicos municipais dispor de máis tempo para analizar a viabilidade das propostas que resulten seleccionadas.
O ano pasado tiveron unicamente dúas semanas ao concentrarse no último trimestre de 2009 todo o proceso: a incripción no rexistro de votantes, a recollida de propostas e a celebración das asembleas de barrio.
O novo proxecto de orzamentos participativos iniciarase neste mes coa celebración das charlas informativas e sesións de traballo nos nove barrios seleccionados: entre o 5 e o 23 de maio.
Tamén antes de que finalice maio quedará constituído o grupo motor, que se encargará de dinamizar o proceso nos diferentes puntos da cidade, así como a comisión técnica municipal que analizará a viabilidade técnica, xurídica e económica das propostas.
Respecto diso, Manuel Santiago destacou que este grupo de traballo reforzouse coa ampliación do seu número de membros, formando parte delas persoal técnico e administrativo das diferentes concellarías.
Así mesmo, durante os meses de maio e xuño estará aberta a inscrición no rexistro de votantes e comezaranse a recoller as propostas -como máximo poderanse realizar dúas por persoa-.
Estas poderán ser de dous tipos: investimentos e/ou mantemento de infraestruturas ou equipamentos e actividades ou propostas de carácter social.
Para poder realizar as propostas haberá que cubrir unha ficha que se poderá recoller e entregar no departamento de Participación Cidadá do Concello, na web municipal (www.ferrol.es) ou ben nos locais sociais dos barrios seleccionados. Para poder presentar as propostas é requisito ser maior de 16 anos e, para votalas, estar inscrito no rexistro de votantes.
Posteriormente en xuño celebraranse as asembleas de zona, que seleccionarán as propostas de actuación. Serán catro nesta ocasión, a diferenza das dúas do ano pasado: Unha para San Xoán, San Pablo e Santa Mariña, outra para Canido e Ferrol Vello, unha terceira para San Xurxo e Doniños e a última para Covas e Esmelle.
Destas catro reunións sairán as propostas de obras que se elevarán á denominada asemblea de cidade, un espazo novo de traballo que se incorpora ao proceso este ano e que terá como cometido decidir as propostas que se executarán con cargo ao orzamento dispoñible de 1,6 millóns de euros.
Na asemblea de cidade tamén se eligirá a comisión que velará polo seguimento das mesmas. A previsión do edil delegado da área Manuel Santiago é que todo este proceso estea listo en outubro, e adiantar así en dous meses con respecto á experiencia anterior a aprobación polo pleno do Concello das obras a realizar con estes orzamentos participativos.
Diario de Ferrol.-

No hay comentarios:

Publicar un comentario