Ferrol- Mércores 5 de Maio de 2010
Comeza un calendario de charlas sobre
os orzamentos participativos de 2010.
redacción > ferrol
O Concello e as entidades do tecido asociativo da cidade programaron un ciclo de charlas informativas en asociacións de veciños para dar a coñecer o proceso de orzamentos participativos correspondente a este ano.
A iniciativa dará comezo mañá mércores no local de San Pablo de Catabois a partir das 19.30 horas e prolongarase ata o próximo día 23 de maio nos nove barrios que se beneficiarán nesta ocasión dos fondos destinados aos orzamentos participativos.
Trátase, ademais de Catabois, de Santa Mariña San Xoán -elixidos na experiencia piloto que levou a cabo durante o ano 2009-, Canido e Ferrol Vello na zona urbana, así como Covas, Esmelle, Doniños e San Xurxo, na rural.
O calendario de charlas terá continuidade o xoves 6 de maio no salón de actos do Centro Municipal de Emprego de Catabois (20.00 horas), o venres 7 na Asociación de Vecinos de San Xoán de Filgueira (20.00 horas) e o sábado 8 nas asociacións de veciños de San Xurxo (17.00 horas) e Covas (19.00 horas).
O martes 11 de maio haberá unha reunión sectorial coa comunidade educativa no Concello de Ferrol. A este encontro, previsto para as cinco da tarde, acudirán colexios, institutos e asociacións de pais da totalidade dos barrios implicados no proxecto.
O obxectivo desta convocatoria é involucrar á mocidade na experiencia de orzamentos participativos, de modo que tamén contribúan coas súas achegas a elixir os proxectos nos que se investirá a cantidade de 1.650.000 euros reservada para este fin.
O concelleiro responsable de Participación Cidadá, Manuel Santiago, recordou que a pasada semana convocouse tamén a representantes de 50 entidades deportivas para buscar a súa participación.
O ciclo terá continuidade o mércores 12 de maio na Sociedade Deportiva de Canido (20.00 horas), o 13 en Santa Mariña (19.00 horas), o 21 na Xunta Veciñal de Doniños (19.30 horas), o 22 no Lago de Doniños (17.00 horas) e Esmelle (19.00 horas) e o 23 no Cruceiro de Valón (20.00 horas).
Están pendentes de determinar a data e hora das charlas previstas en Ferrol Vello e San Román de Doniños. Manuel Santiago animou aos veciños a participar nestes encontros e recordou que ao longo deste mesmo mes está prevista a constitución do grupo motor e da comisión técnica municipal para analizar a viabilidade das propostas.
Así mesmo abrirase a inscrición no rexistro de votantes para recoller as propostas, un máximo de dous por persoa.
Diario de Ferrol.-
No hay comentarios:
Publicar un comentario