22/8/10

CALENDARIO ASEMBLEAS CIDADÁS

As Asembleas cidadás para votar as propostas a financiar con cargo aos Orzamentos Participativos celebraranse entre o 18 de setembro e o 2 de outubro

Venres, 20 de agosto de 2010
O edil Manuel Santiago explica que a Comisión Técnica considerou viables 189 das 227 propostas presentadas. Máis de 1.000 persoas están chamadas ás urnas, aínda que o prazo para presentar as solicitudes está aberto

Manuel Santiago, concelleiro de Participación Cidadá, e Ana Beceiro, portavoz do Grupo Motor, compareceron en rolda de prensa xunto a unha ampla representación do movemento asociativo para informar das datas e emprazamentos das asambleas de zona que se celebrarán para a votación das propostas a financiar no 2010 con cargo aos Orzamentos Participativos, así como para dar conta do número de propostas presentadas que finalmente resultan viables dende o punto de vista técnico e económico.

Respecto ao primeiro punto, explicaron que as asambleas se celebrarán entre os meses de setembro e de outubro, segundo o seguinte calendario:


-Sábado, 18 de setembro Covas-Esmelle 17,30 AVV Covas .
-Venres 24 de setembro Ferrol Vello-Canido 19,30 Aula Ecoloxía Urbana (Parque Raíña Sofía)
-Sábado 25 de setembro Doniños-San Xurxo 17,30 AVV San Xurxo .
-Sábado 2 de outubro San Pablo de Catabois-Santa Mariña-San Xoán 17,30 Pavillón polideportivo do CEIP de San Xoán de Filgueira (pendente)

Así mesmo, concelleiro e representante veciñal avanzaron a celebración de encontros informativos previos nos diferentes barrios para dar conta das propostas presentadas e daquelas que non superaron a avaliación da Comisión Técnica, así como das xustificacións pertinentes.

Neste senso, Ana Beceiro insistiu na necesidade desas xuntazas, xa que o ano pasado non se deron a coñecer publicamente as razóns para desbotar algunhas propostas, cuestión que nesta edición se pretende variar para mellorar o proceso. Así, as reunións desenvolveránse este venres, 6 de agosto, en Covas; o 14 de agosto en San Xurxo e o 21 de agosto en Santa Mariña. Todas elas, a partires das 19 horas e con entrada libre. En todo caso, Beceiro apuntou que seguramente a cifra de encontros se amplíe a outros barrios a curto prazo.


Doutra banda, e como segundo punto a tratar na rolda de prensa, Manuel Santiago lembrou que a cidadanía presentaba 1.335 propostas este ano a financiar con cargo aos 1.650.000 euros dos Orzamentos Participativos. 1.335 propostas que se agrupaban en 227 atendendo á súa temática e tendo en conta que moitas delas eran coincidentes nos barrios.

Nesta liña, Manuel Santiago apuntou que a Comisión Técnica informou xa as 227, co resultado de 189 propostas viables e outras 13 non viables; 19 son de xestión e cinco están pendentes de valoración, xa que precisan maior concreción. Así mesmo, e por barrios, os resultados son: Ferrol Vello-Canido: de 53, 43 son viables; Santa Mariña-San Pablo-San Xoán: de 68, 62 son viables; Doniños-San Xurxo, de 53, 43 son viables, e Covas-Esmelle: de 47, 41 son viables.


Neste contexto, Manuel Santiago lembrou que se ben o prazo para presentar as propostas pechouse o pasado 27 de xuño aínda é posible apuntarse no Rexistro de Votantes para poder votar as propostas que serán executadas cos Orzamentos Participativos. ¿Como facelo? Ao inicio das asembleas de cidade. Ata o momento son 1.012 as persoas inscritas no mesmo.

Por último, o concelleiro destacou que Ferrol é pioneira en Galicia no proceso de Orzamentos Participativos e asegurou que moitas cidades de distintos puntos do planeta están a seguir a evolución do proceso ferrolá, tal e como se constatou nun recente curso internacional de Orzamentos Participativos realizado en Santo Domingo.

Ferrol.es

No hay comentarios:

Publicar un comentario