4/10/09

PRIMEIRAS ASEMBLEAS ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS.-

Centros sociais e limpeza de fosas son

as principais necesidades dos veciños.




Un momento da asemblea do pasado venres no polideportivo de San Xoán de Filgueira


carlos carballeira
redacción > ferrol

Os orzamentos participativos entraron nunha nova fase coa celebración este fin de semana das asembleas das cales saíron dúas listaxes cos problemas máis relevantes que teñen as dúas zonas do municipio nas que se porá en práctica esta experiencia piloto: San Pablo de Catabois, Santa Mariña e San Xoán de Filgueira-O Bertón, no ámbito urbano, e San Xurxo e Doniños, no rural.

Preto de medio milleiro de persoas, das 632 ata a data inscritas para poder participar no proceso, apuntaron cos seus votos en que se teñen que investir os 350.000 euros que o Concello dedica a este proceso cidadán.

Deste exercicio de participación democrática resultaron sendas relaciones de carencias nos barrios e nas parroquias implicadas no proceso, as cales agrúpanse áreas: Social e benestar; lecer e cultura; medio ambiente; infraestruturas, mobilidade, tráfico e transporte; economía e emprego, e outros.
A primeira das asembleas, para a zona urbana, tivo lugar o pasado venres no polideportivo de San Xoán de Filgueira.


Tras dúas horas de debate, os veciños de San Xoán, Santa Mariña e San Pablo de Catabois diagnosticaron que son deficitarios en equipamentos sociais, demandando, entre outros, un centro de día, outro de lecer para os mozos e un centro cívico.





A carencia de paseos, zonas de esparcemento e beirarrúas, a necesidade de colectores e papeleiras, insatisfacción co transporte público, a falta de prazas de aparcadoiro para minusválidos e a mellora da seguridade viaria son outras das demandas veciñais.

En materia de economía e emprego, resaltaron que as axudas sociais non son suficientes para o número de familias da zona que dependen delas e pediron talleres de inserción laboral.
Os problemas de convivencia nas vivendas sindicais de San Pablo foi outro dos asuntos que saíu a relucir nesta asemblea na que emitiron o seu voto ao redor de 300 veciños.




Na asemblea das parroquias rurais celebrada onte, o limpado das fosas sépticas e a necesidade de puntos limpos, o apoio social a persoas maiores e discapacitados e o acceso ás novas tecnoloxías foron os problemas máis valorados.






Uns 150 veciños de Doniños e San Xurxo, dos 249 con dereito a voto, déronse cita neste encontro que tivo lugar no local social deste último lugar.
Seguinte paso .-

Estas dúas asembleas serviron para determinar as necesidades e as principais deficiencias existentes nos tres barrios e dúas parroquias ferrolás nos que botarán a andar antes de que finalice o ano os orzamentos participativos.

Este traballo permitirá ademais establecer prioridades para os proxectos de actuación que se presenten ao longo das próximas tres semanas, etapa do proceso que agora comeza.

O prazo para facer chegar as propostas ábrese mañá e pecharase o 25 de outubro.





Unha vez terminado o período de presentación de proxectos, estes ordenaranse e priorizarán nas denominadas Mesas de Propostas, delegacións da zona urbana e da rural cuxos representantes foron elixidos nas asembleas deste fin de semana.





A área de Participación Cidadá fixa para decembro a celebración do pleno da corporación municipal aprobará as intervencións a acometer en San Pablo de Catabois, Santa Mariña, San Xoán, Doniños e San Xurxo con cargo aos orzamentos participativos.

Diario de Ferrol.-


No hay comentarios:

Publicar un comentario