31/3/10

CENTRO CÍVICO - SOCIAL - BARRIO SAN PABLO

O proceso dos Orzamentos Participativos

fará posible a creación do Centro Cívico

e Social en San Pablo.

O goberno local incorporou esta actuación ao Plan-Ê tras a súa inclusión no Banco de Ideas creado cos proxectos que non se puideron financiar cos 350.000 euros previstos nos Orzamentos Participativos do 2009.

Ferrol, 31 de marzo de 2010.-
O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, informou esta mañá de que o barrio de San Pablo contará neste ano 2010 cun centro cívico e social, tal e como demandan os seus veciños e veciñas.
Será tras un investimento de medio millón de euros e, onte, o goberno municipal aprobaba en Xunta de Goberno o proxecto.
Os fondos, proceden do PlanÊ articulado por segundo ano consecutivo polo Goberno para combater a crise e, a previsión, e que as obras permitan sacar das listas do paro ou manter nos seus postos de traballo a 18 persoas.
Nesta liña, Manuel Santiago quixo destacar que a actuación nace do proceso dos Orzamentos Participativos iniciado o ano pasado en Ferrol.
Proceso pioneiro en toda Galicia a través do cal os veciños e veciñas determinaron o destino dunha partida de 350.000 euros dos presupostos ordinarios.
Neste proceso, que no presente exercicio conta cun orzamento de 1.650.000 euros, os residentes nos cinco barrios susceptibles de intervención presentaron centos de propostas para financiar con cargo a esta partida.
Posto que os fondos eran limitados, moitas delas quedaron fóra da convocatoria, polo que se acordou formar con elas un Banco de Proxectos que o goberno municipal tería en conta á hora de planificar as políticas e prioridades dos diferentes departamentos municipais.

Así foi e, á hora de determinar as actuacións a financiar con cargo ao PlanÊ, o goberno municipal que lidera Vicente Irisarri decidiu incluír unha das principais demandas cidadás:
-a construcción do centro cívico e social no barrio de San Pablo.
Unha infraestructura necesaria ante a carencia deste tipo de equipamentos socio-culturais na zona.
Así, o edificio será de nova pranta, cunha superficie aproximada de catrocentos metros cadrados e carácter polivalente, co fin de permitir diversas configuracións en función das actividades a realizar, complementando así mesmo estas instalacións cun espazo para biblioteca e cafetería. A construcción levantarase nunha parcela de titularidade municipal de aproximadamente mil metros cadrados, que conta na actualidade cunhas edificacións en mal estado que serán demolidas.

Nesta liña, o concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, subliñou que o orzamento base de licitación se sitúa en 499.000 euros. Unha cifra que, tal e como lembrou, practicamente duplica a partida reservada no ano 2009 para o conxunto das actuacións que se financiarán con cargo aos Orzamentos Participativos. De feito, foi este o principal motivo polo que non se puido incluír a intervención na primeira experiencia piloto dos Orzamentos Participativos.

Por último, Manuel Santiago reiteraba a aposta do goberno municipal socialista polos procesos de participación cidadá e, especialmente, no compromiso contraído coa cidadanía de atender e impulsar aqueles proxectos que trasladen os veciños e veciñas e se inclúan no citado Banco de Proxectos.
Ferrol.es

1 comentario:

  1. Traballamos para potenciar a próxima candidata do PSOE . Mirade quen sae sempre na foto

    ResponderEliminar