20/11/10

PRESENTACION DOS FOROS CÍVICOS.



O Concello de Ferrol activa os Foros Cívicos


recollidos no Regulamento de Participación Cidadá


Xoves, 4 de novembro de 2010


Serán un total de cinco e celebraranse no Centro Cultural Carvalho Calero nos meses de novembro e decembro.


A democracia participativa, as políticas de xuventude, a posta en valor do patrimonio e o medio ambiente ou as novas tecnoloxías son algunhas das temáticas que se abordarán.


O edil Manuel Santiago e membros das comisións de seguimento e control destacaron a importancia destes órganos como instrumentos de reflexión e participación.

O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, anunciou a constitución dos cinco foros cívicos que foran aprobados ao abeiro do proceso de Orzamentos Participativos de 2009, proceso pioneiro en Galicia en cuxa primeira experiencia participaron os barrios de San Xoán de Filgueira, San Pablo de Catabois e Santa Mariña -na zona urbana- e as parroquias de Doniños e San Xurxo -na zona rural-.

Os ditos foros aprobáronse no seno da asemblea urbana por un importe de 18.000 euros e activaranse este mesmo venres no Centro Cultural Carvalho Calero.

Na súa presentación o edil estivo acompañado por integrantes da Comisión de Seguimento de Orzamentos Participativos e da Comisión Provisional de Control do Regulamento de Participación Cidadá: Pilar Rodríguez, Luis Espiñeira, Andrés Rodríguez, Luis Taboada e Ana Beceiro.

Todos eles destacaron a necesidade destes órganos de reflexión e debate ao constituír unha ferramenta de participación cidadá de grande importancia para o conxunto de todo o tecido asociativo. ¿As súas temáticas? Democracia participativa, as políticas de xuventude, a posta en valor do patrimonio e o medio ambiente, as novas tecnoloxías e o aforro enerxético e o ordeamento urbanístico, entre outras.

A este respecto, o edil Manuel Santiago avanzou que serán cincos os foros que se celebrarán ao longo dos meses de novembro e decembro. Este foron acordados nos dous grupos de traballo dos Orzamentos Participativos e do Regulamento de Participación Cidadá, os cales deseñaron conxuntamente as actividades. Ademais, subliñou que os ditos foros cívicos están contemplados no Regulamento de Participación, no que se recolle a súa función. Neste senso, Manuel Santiago explicou que os foros cívicos son órganos de reflexión e debate cidadá, de formulación de propostas e de control da execución das mesmas cando sexan aprobadas polo Concello de Ferrol.

Así mesmo, permiten a participación cidadá en cuestións que afectan a máis dunha área ou sector de actividade municipal. Son, polo tanto, órganos de carácter transversal ou interdepartamental que teñen entre os seus cometidos promover a colaboración entre asociacións, persoas expertas e vinculadas ás temáticas que se aborden nos foros.

Outra das súas funcións é canalizar a participación directa na xestión municipal dos asuntos que afecten a máis dunha área orgánica da actividade municipal, das persoas e das entidades afectadas ou interesadas, establecendo os mecanismos necesarios de información, estímulo e seguimento das actividades municipais.

Tamén participar na toma de decisións sobre as medidas a adoptar polo Concello na temática do foro escoitando e debatindo as demandas cidadás e elaborando propostas en forma de dictames e informes.

Finalmente, controlarán a execución, por parte do Concello, das actuacións que tivese aprobado a partires dos informes emitidos polo foro.

Tal e como explicou o concelleiro Manuel Santiago, cada un dos cinco foros programados centrarase nunha temática específica que afecta a máis dunha área orgánica de actividade e pretenden, por tanto, canalizar a participación directa na xestión municipal da cidadanía.

O calendario dos foros cívicos coas súas temáticas é o seguinte:


- VENRES 5 DE NOVEMBRO. “Democracia participativa. Promoción da participación cidadá no tecido social e administrativo. Corresponsabilidade”.


- SÁBADO 6 DE NOVEMBRO. “As políticas de xuventude e a participación cidadá”.


- VENRES 19 DE NOVEMBRO. “Posta en valor do patrimonio e o medio ambiente”.


- SÁBADO 20 DE NOVEMBRO. “Novas tecnoloxías, aforro enerxético e enerxías alternativas”.


- VENRES 17 DE DECEMBRO. “O modelo de cidade que queremos. Ordenamento urbanístico e compromisos sostibles coa cidadanía”.


Respecto ao lugar e horario de celebración, todos eles serán no Centro Cultural Carvalho Calero, ubicado na Praza do Inferniño.

Os venres desenvolveranse de 18.00 a 21.00 horas e os sábados, de 11.00 a 14.00 horas.

O concelleiro Manuel Santiago fixo un chamamento á participación cidadá neste foros cívicos, un aspecto no que tamén incidiu Ana Beceiro, membro da Comisión Provisional de Control do Regulamento. Neste senso, fixo unha invitación especial á participación no foro que se celebrará este venres sobre democracia participativa, xa que nel se poderá acordar o modelo de ampliación a novos barrios do proceso de Orzamentos Participativos do 2011.

Pola súa banda, Luis Espiñeira, integrante da mesma Comisión, valorou moi positivamente a posibilidade que teñen os veciños e veciñas de participación na elaboración da política municipal coa posta en marcha de novos órganos contemplados no Regulamento, xa que deste xeito se camiña de cara a unha xestión compartida entre o Concello e a cidadanía.

ferrol.es

No hay comentarios:

Publicar un comentario