17/12/10

ASEMBLEA DE CIDADE.-




Máis de 1.200 veciños están chamados a

votar na Asemblea de Cidade para elixir

as propostas a financiar cos 1.650.000 euros

dos Orzamentos Participativos 2010

Venres, 17 de decembro de 2010
O edil Manuel Santiago avanza que se celebrará este sábado en FIMO entre as 16.30 e as 20.00 horas e para poder exercer o dereito ao voto hai que inscribirse no Rexistro de Votantes.

Anuncia que as propostas se poden consultar nos locais sociais dos barrios, na web www.ferrol.es e no departamento de Participación Cidadá. @s veciñ@s poderán anotarse ao inicio da Asemblea para defender algunha das propostas ou formar parte da Comisión de Seguimento que velará polo seu cumprimento.

O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, anunciou que un total de 1.258 persoas están chamadas a votar na Asemblea de Cidade que se celebrará este sábado na Feira Internacional de Mostras (FIMO) e na que os veciños e veciñas de Ferrol poderán elixir aquelas propostas seleccionadas previamente nas asembleas de barrio para ser executadas con cargo ao 1.650.000 euros dos Orzamentos Participativos.
A dita Asemblea desenvolverase entre as 16.30 e as 20.00 horas e con este motivo as propostas estarán expostas para poder ser consultadas pola cidadanía. ¿Onde? Nos locais sociais dos barrios, na web municipal (www.ferrol.es) e no propio Departamento de Participación Cidadá (primeiro andar do pazo municipal).

O edil Manuel Santiago invitou á cidadanía a asistir a esta Asemblea de Cidade que dará a oportunidade aos veciños e veciñas de debater cales son as súas necesidades prioritarias e decidir deste xeito o destino dunha parte do orzamento municipal a través dos Orzamentos Participativos.

Un proceso pioneiro en Galicia que se iniciou en 2009 nos barrios de San Xoán de Filgueira, San Pablo de Catabois e Santa Mariña -na zona urbana- e nas parroquias de San Xurxo e Doniños -na zona rural-.
No 2010 o proceso ampliouse a Covas, Esmelle, Ferrol Vello e Canido, polo que son 9 os barrios que se beneficiarán das iniciativas e proxectos máis votados na Asemblea de Cidade.

A este respecto, lembrou a necesidade de acudir provisto do DNI ou outro documento identificativo como o carné de conducir ou o pasaporte para poder votar as propostas. E ao fío disto, subliñou que só poderán exercer o dereito ao voto aquelas persoas que se inscribiran anteriormente no Rexistro de Votantes ou o fagan mesmo antes do comenzo da dita Asemblea de Cidade -ata o momento, son 1.258 as persoas inscritas-.

O edil de Participación Cidadán anunciou así mesmo que antes do seu comenzo a cidadanía terá a oportunidade de comunicar se quere facer a defensa dalgunha das propostas que foron seleccionadas previamente para ser votadas nas asembleas de zona de Covas-Esmelle, Ferrol Vello-Canido, Doniños-San Xurxo e San Pablo, Santa Mariña e San Xoán.

Tamén ao inicio da mesma deberase comunicar se se desexa participar na Comisión de Seguimento das propostas dos Orzamentos Participativos de 2010.

Xa polo miúdo, e respecto ao desenvolvemento da Asemblea de Cidade, o edil Manuel Santiago avanzou que tras as inscricións no Rexistro de Votantes e para intervir en defensa de propostas concretas, iniciarase a asemblea, na que intervirán a técnica de Participación Cidadá, Maica Rodríguez, membros do Grupo Motor e representantes da Mesa de Propostas, que farán unha presentación xeral das propostas que se someterán a votación. Posteriormente, as persoas apuntadas para intervir poderán presentar os seus argumentos pedindo o voto para a súa proposta.

O inicio da votación está previsto para as 18.30 horas e o remate, para ás 19.00 horas.
A partires dese momento o equipo técnico realizará o reconto dos votos ao tempo que haberá actividades musicais para amenizar o proceso.

O resultado darase a coñecer a partir das 19.45 horas e a continuación informarase da proposta de relación de persoas apuntadas ao inicio da Asemblea de Cidade para formar parte da Comisión de Seguimento correspondente ao ano 2010.

-ferrol.es

No hay comentarios:

Publicar un comentario