30/12/10

OPs-2010 AO PLENO DO DÍA 4 XANEIRO-11

As propostas cidadás a financiar con cargo aos
Orzamentos Participativos 2010, a pleno o día 4.
O alcalde, Vicente Irisarri, presentou esta mañá xunto co edil Manuel Santiago os 25 proxectos que se financiarán con cargo aos 1.650.000 euros do proceso de 2010

Ferrol, 28 de decembro de 2010.-
O alcalde, Vicente Irisarri, compareceu esta mañá xunto co concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, para dar conta das 25 propostas que foron aprobadas na Asemblea de Cidade para ser executadas con cargo aos 1.650.000 euros correspondentes ao proceso de Orzamentos Participativos de 2010 e que serán levadas ao pleno extraordinario do vindeiro 4 de xaneiro para ser aprobadas.

Un proceso pioneiro en Galicia que, tal e como subliñou o rexedor, é xa unha realidade viva, non un proxecto, que se ten convertido nun sinal de identidade do goberno socialista e cuxa continuidade asegurou de cara ao vindeiro ano ao ser un proceso polo que está a apostar a cidadanía de Ferrol independentemente da súa cor política.

O acto desta mañá, no que tamén participaron representantes do Grupo Motor e da Comisión Provisional de Seguimento dos Orzamentos Participativos, serviu tamén para dar a coñecer o grao de execución das 14 propostas que foran aprobadas na primeira experiencia de Orzamentos Participativos que se iniciou nos barrios de Santa Mariña, San Xoán e San Pablo de Catabois -na zona urbana- e Doniños e San Xurxo -na zona rural-. Destas, que sumaron na súa totalidade un investimento de 350.000 euros, cinco están xa rematadas, e o resto, pendentes ou en vías de execución.

Xa polo miúdo, o edil Manuel Santiago informou de que o pleno de Ferrol someterá a debate e aprobación estas 25 novas propostas cidadás que se financiarán con cargo aos 1.650.000 euros dos Orzamentos Participativos nos barrios antes citados e en Ferrol Vello, Canido, Esmelle e Covas. De recibir o visto bo da corporación municipal que preside Vicente Irisarri, os proxectos propostos entrarían en fase de contratación -xunto coa súa cuantía económica, inclúense na proposta de orzamentos xerais para deste xeito asegurar a súa execución no vindeiro ano-.

Estes son os seguintes:

-Continuación do carril bici ata o cruce da estrada de Lobadiz e beirarrúas ata a estrada xeral (145.000 euros),

- Mellora de acceso a Internet na zona rural (100.000 euros),

-Melloras e cambio na pavimentación das pistas do polideportivo do CEIP de San Xoán de Filgueira (65.000 euros),

-Arranxar beirarrúas de Vila de Area á Vila da Igrexa e colocación de varandas (57.000 euros),

- Colocación de puntos de luz desde paseo marítimo á Vila de Area (45.000 euros),

-Acondicionamento de cunetas na zona rural (120.000 euros),

-Comedor social en San Pablo (49.500 euros),

-Recollida e limpeza de fosas sépticas en San Xurxo e Doniños (156.000 euros),

-Alumeado na estrada principal do paseo marítimo de Doniños (58.860 euros),

- Recollida e limpeza de fosas sépticas en Covas e Esmelle (180.880 euros),

-Axilización de inventariado para a recuperación de fontes, lavadoiros e camiños públicos (7.800 euros),

-Programas de atención a persoas maiores (97.000 euros),

- Programa de prevención da delincuencia (30.960 euros),

-Parque urbano no Campo de Tiro de Catabois (294.000 euros),

- Formación de monitores de tempo libre (5.000 euros),

-Aparcadoiros nas praias de Covas (41.020 euros),

- Parque biosaudable en San Xoán (12.000 euros),

-Realización dunha experiencia piloto de animación sociocultural na zona rural dos Orzamentos Participativos (106.000 euros),

- Construción dun parque biosaudable e infantil no solar anexo ao Local Social de Covas (16.700 euros),

- Posta en valor dos montes do Concello:recuperación da flora autóctona (8.000 euros),

- Fomento do transporte en bicicleta en Ferrol Vello e Canido (6.000 euros),

- Plan de Ordenación forestal da zona rural (23.000 euros),

- Acondicionamento e pasarela peonil na lagoa de Doniños (13.000 euros),

- Plan de limpeza de solares de Ferrol Vello (6.000 euros),

- Bandas sonoras na rúa Celso Emilio Ferreiro e estrada alta do Porto (1.350 euros).

-----------------------------------------------


Respecto aos 14 proxectos dos Orzamentos Participativos de 2009, o concelleiro Manuel Santiago avanzou que cinco están xa rematados. Estes son o proxecto de descentralización cultural Culticipando, que se desenvolveu en dúas fases (na zona rural e urbana), Acondicionamento de ríos e fontes (rehabilitación da fonte e lavadoiro de Fontemaior), Fomento da participación cidadá (realización de cinco foros cívicos) e Sinalización e mellora da visibilidade dos cruces en Doniños.

En canto aos proxectos iniciados ou pendentes de execucións, estes son a recollida municipal de 50 fosas séticas en San Xoán, Santa Mariña e San Pablo -o prazo de solicitude para adherirse ao mesmo remata o 15 de xaneiro-, a construción dun parque saudable en San Pablo, a construción dun parque infantil tamén en San Pablo e o acondicionamento de zonas verdes e parques en San Pablo.

Finalmente, están pendentes o parque saudable en Santa Mariña -atópase en fase de contratación os equipamentos para o parque, unha vez que a AVV de Santa Mariña cedeu ao Concello os terreos para a súa instalación-, a Limpeza, sinalizacion e promoción de rutas de sendeirismo (pendente de adxudicación), Sinalización parroquial con materiais adaptados ao contorno (pendente de adxudicación), Rede de sumidoiros na rúa Toxos, en San Xoán (redactado o proxecto) e Fomento da Actividade agroforestal (está pendente e prevese o seu inicio para o primeiro trimestre de 2011).

A este respecto, Ana Beceiro, en representación da Comisión de Seguimento dos Orzamentos Participativos, amosou a súa satisfacción polo grao de desenvolvemento destas propostas, situación que anima á dita Comisión a seguir traballando de cara ao 2011. Así mesmo, Manuel Fernández, do Grupo Motor, destacou a participación cidadá no proceso e agradeceu ao Concello a oportunidade que brindou á cidadanía para elixir o destino dos Orzamentos Participativos, ao tempo que subliñou o feito de que as propostas de 2010 estivesen moi repartidas nos diferentes barrios.

O alcalde, Vicente Irisarri, e o edil Manuel Santiago agradeceron pola súa banda o esforzo dos veciños e veciñas que participaron nestes procesos nos que se elixiron proxectos axeitados á realidade, tal e como significou Irisarri, quen amosou estar satisfeito pola cidade de Ferrol neste proceso. Un proceso que, afirmou, non é de ninguén en concreto senón da cidadanía.


Saúdos; Gabinete de Comunicación

No hay comentarios:

Publicar un comentario