Os orzamentos participativos serán
anuais e esténdense a toda a cidade.
Sábado, 29 de Xaneiro de 2011
O alcalde, Vicente Irisarri, acompañado do edil de Participación Cidadá, Manuel Santiago, inaugurou onte o foro cívico celebrado no centro cultural Carvalho Calero no que se tomaron decisións importantes en canto ao futuro do desenvolvemento e a aplicación dos orzamentos participativos para este ano.
Así, os asistentes ao acto optaron por estender a toda a cidade o proceso de investimento.
Para tomar esta decisión, presentouse aos participantes as alternativas propostas nos encontros de traballo mantidos anteriormente para a ampliación territorial dos orzamentos participativos, e que expuñan ou ben a ampliación a toda a cidade ou a incorporación dun número específico de novos barrios (catro ou seis).
Neste último caso manteríase a presenza dos barrios e parroquias que xa participaron nos anteriores procesos.
Grupos de tres persoas consensuaron unha listaxe de valoracións a favor ou en contra das alternativas presentadas e posteriormente foron recollidas polo equipo técnico.
O último paso foi a votación, a man alzada, e o reconto que permitiu determinar o novo modelo para 2011. Tal e como explicou o responsable das políticas de participación cidadá do Concello, Manuel Santiago, elixiuse "maioritariamente" a extensión do proceso a toda a cidade.
A primeira opción foi a máis valorada e, xa que logo, a que se terá en conta a partir deste momento.
Na reunión de onte quedou constituída a comisión do Grupo Motor encargada do traballo dos orzamentos de 2011 e, deste xeito, empezaranse a perfilar os investimentos para este ano.
O modelo de aplicación a toda a cidade non implica que se aproben unicamente actuacións que afecten a todos os barrios, senón que todas as parroquias e lugares do municipio poden ser beneficiadas.
Na reunión de onte tomaron parte, ademais de cidadáns en xeral, os integrantes do Grupo Motor e a Mesa de Propostas nas edicións de 2010, así como as que integran a Comisión provisional de control do regulamento de participación, a comisión de seguimento dos orzamentos participativos e a dos foros cívicos.
A convocatoria chegou deste xeito aos domicilios dos 22 barrios e parroquias do termo municipal. No encontro deuse conta, ademais, dos resultados obtidos nas edicións anteriores, especialmente do grao de execución dos proxectos seleccionados.
Deste xeito, o edil de Participación, Manuel Santiago, recordou que ata o momento beneficiáronse desta iniciativa as parroquias de San Xurxo, Doniños, Covas e Esmelle e os barrios de Canido, Ferrol Vello, Santa Mariña, San Pablo e San Xoán de Filgueira.
A de 2011 será a terceira experiencia e a esta destínanse tres millóns de euros, o que supón un 5,56% do orzamento municipal.
-Diario de Ferrol.-
-Fotos Blog Comision
Control Participación.-
No hay comentarios:
Publicar un comentario