22/2/11



O Concello invita á cidadanía a asistir este martes á reunión de traballo co Grupo Motor na que se abordarán as novas normas de funcionamento do proceso en 2011.

Luns, 21 de febreiro de 2011
O edil Manuel Santiago avanza que se celebrará no pazo municipal e nela proporase agrupar os 22 barrios en dez zonas para levar a cabo o traballo dos Orzamentos Participativos.

Anuncia a creación dun Rexistro de Cidadán para dar opción á cidadanía a participar nos consellos sectoriais municipais, foros cívicos ou na comisión de control de participación


O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, avanzou que este martes ás 18.30 horas se celebrará no Concello unha reunión co Grupo Motor saínte do Foro Cívico celebrado o pasado 28 de xaneiro como equipo inicial de traballo no proceso de Orzamentos Participativos 2011 aberto a novas incorporacións.

O seu obxectivo é abordar diversos aspectos relativos a este proceso, pioneiro en Galicia, a través do cal se dá a oportunidade aos veciños e veciñas de elixir o destino dunha partida do orzamento municipal (para este ano, esta é de 3 millóns de euros).

Así pois, fixo un chamamento á cidadanía para que asista a este encontro no que se debatirán cuestións como as zonas nas que se agruparán os 22 barrios para levar a cabo o traballo e que serán dez:

- Caranza,

- Esteiro-Recimil (O Pilar),

- Ensanche A (Inferniño)-Ensanche B (Ultramar),

- San Pablo de Catabois-Santa Mariña-San Xoán de Filgueira,

- Ferrol Vello-Canido-A Magdalena,

- San Felipe-Brión-A Graña-A Cabana,

- San Xurxo-Doniños,

- Covas-Esmelle-Marmancón,

- Serantes

- Santa Icía-Mandiá.

Así mesmo, na dita xuntaza de traballo debatiranse as novas normas de funcionamento para o proceso de Orzamentos Participativos 2011 (que aspectos deberán ser mudados para mellorar o seu desenvolvemento e a xestión interna, cambios no autorregulamento dos Orzamentos Participativos 2010, propostas de modificación, etc).

Segundo avanzou Manuel Santiago, proporase incorporar persoal técnico na elaboración do autorregulamento para facilitar e axilizar a fase de viabilidade das propostas e de deseño dos proxectos coa futura Comisión de Seguimento de 2011.

Tamén levar a cabo accións inmediatas de divulgación do proceso e reforzar a presenza dos Orzamentos Participativos noutras actividades xa programadas como o próximo Pecha Kucha previsto para o 25 de marzo. Nel, o experto internacional en Orzamentos Participativos, Giovanni Alegretti, que participou no Foro Cívico de xaneiro, subirase ao Teatro Jofre a expoñer, cos membros do Grupo Motor, o proceso dos Orzamentos Participativos en Ferrol, en comparación con outras experiencias en Europa.

Manuel Santiago fixo un chamamento á cidadanía para que se sume á xuntanza deste martes e se implique no traballo que se levará a cabo nos barrios e avanzou que nesta nova edición do proceso tratarase de implicar máis activamente á xuventude, comunidades educativas, etc.

Finalmente, anunciou que en próximas datas o departamento de Participación Cidadá abrirá un Rexistro de Cidadáns para dar opción a toda a cidadanía a participar nos consellos sectoriais, foros cívicos, comisión de control de participacion e no propio proceso de Orzamentos Participativos, creando un único rexistro no que a cidadanía atope unha canle de participación co Concello en procesos tanto consultivos como vinculantes.

Tamén para recibir información nos seus domicilios ao respecto e ser consultados sobre programas e políticas municipais que sexan do seu interese.

ferrol.es

No hay comentarios:

Publicar un comentario