28/2/11

ACORDOS GRUPO MOTOR

Os veciños xa poden inscribirse no programa de recollida e xestión de fosas sépticas do proceso de Orzamentos Participativos a través de www.ferrol.es
Luns, 28 de febreiro de 2011
Ata o 31 de marzo, os veciñ@s de San Pablo, San Xoán, Santa Mariña, Covas, Esmelle, San Xurxo e Doniños poden anotarse presencialmente no Rexistro Xeral ou telematicamente. O concelleiro Rafael Fernández subliña que o proxecto está cofinanciado entre o Concello, que aporta o 70% do custe total, e os veciños, que destinan o 30% restante. O edil Manuel Santiago anuncia a incorporación das redes sociais aos Orzamentos Participativos 2011 para mobilizar á xuventude, así como a agrupación dos barrios en nove zonas de traballo.

O goberno local anunciou que os veciños e veciñas poden solicitar a través da web www.ferrol.es a adhesión ao proxecto de baleirado, transporte e xestión de fosas sépticas que se puxo en marcha ao abeiro do proceso de Orzamentos Participativos de 2009 nos barrios de San Pablo, Santa Mariña e San Xoán e ao que agora se suman as parroquias de Covas, Esmelle, San Xurxo e Doniños, toda vez que foi unha das 25 propostas aprobadas polos veciños e veciños no proceso correspondente ao ano 2010.

Así o avanzaron esta mañá os concelleiros de Medio Ambiente, Rafael Fernández Beceiro, e de Orzamentos Participativos, Manuel Santiago, quen explicaron que accedendo á web municipal é posible descargar o modelo de solicitude e remitila directamente ao Concello de Ferrol tras cubrir os seus datos persoais, así como o enderezo e capacidade da fosa. Unha vez recibida a solicitude e de ser aprobada, o departamento de Medio Ambiente establecerá un día de recollida que será comunicado ao solicitante.

A solicitude de adhesión pode tamén realizarse no Rexistro Xeral, ubicado na pranta baixa do Concello. Presencial ou telematicamente, o día 31 de marzo finalizará o prazo para formalizar o trámite. Así pois, o edil Manuel Santiago lembrou que a “Recollida de fosas sépticas” foi unha das demandas cidadás incluídas na relación de propostas aprobadas o pasado ano no marco dos Orzamentos Participativos, un proceso pioneiro en Galicia a través do cal os veciños e veciñas deciden o destino dunha parte do orzamento municipal (350.000 euros no 2009 e 1.650.000 euros no 2010).

No 2009 o orzamento para o proxecto de recollida de fosas sépticas foi de 50.000 euros -estimárase a recollida de 50 fosas- fronte aos 336.880 euros correspondentes ao proceso de 2010. Así as cousas, o único requisito que deben cumprir os demandantes, ademais de residir nun dos barrios anteriormente sinalados, é dispor de fosa séptica e carecer de rede de sumidoiros, tal e como puntualizou o edil Rafael Fernández Beceiro, quen informou de que a intención do departamento de Medio Ambiente é iniciar o baleirado, que executará Emafesa, neste 2011.

No caso de que a inscrición no programa alcance o orzamentos destinado ao mesmo se levaría a cabo un único baleirado, namentras que se non se chega a esta cifra, abriríase a posibilidade de ampliar este número. A medida será cofinanciada entre o Concello, que aportará o 70% do custe, e os veciños, que sufragarán o 30% restante. Así, estes últimos pagarán uns 60 euros, que se corresponden co recibo anual do saneamento, namentras que a Administración local destinará o resto, sendo a cantidade total máxima de 500 euros por fosa.

E ao fío disto, anunciou que se van celebrar diferentes charlas para informar nos sete barrios e parroquias acerca deste servizo que ten entre os seus obxectivos fomentar o coidado polo medio ambiente. A primeira delas terá lugar o vindeiro 4 de marzo na Asociación de Veciños de San Xurxo ás 18.00 horas.

- - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - -

Por outra banda, o concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, informou esta mañá dos acordos tomados na xuntaza de traballo que tivo lugar este martes co Grupo Motor saínte do Foro Cívico celebrado o pasado 28 de xaneiro como equipo inicial de traballo no proceso de Orzamentos Participativos 2011, aberto a novas incorporacións.

Así, avanzou que se acordou agrupar os 22 barrios do concello en nove asembleas ou zonas de traballo para desenvolver este proceso que conta este ano cun orzamento de tres millóns de euros. Estas son:

Caranza;

Esteiro-Recimil (O Pilar);

Ensanche A (Inferniño)-Ensanche B (Ultramar)-O Bertón;

San Pablo de Catabois-Santa Mariña-San Xoán de Filgueira e Santa Icía;

Ferrol Vello-Canido-A Magdalena;

San Felipe-Brión-A Graña-A Cabana;

San Xurxo-Doniños;

Covas-Esmelle-Marmancón;

Serantes-Mandiá.

Así mesmo, na dita xuntanza de traballo se acordou levar a cabo accións inmediatas de divulgación do proceso coa finalidade de difundir o proceso nos diferentes barrios e parroquias e acadar a implicación de toda a sociedade, tratando de chegar a aqueles colectivos que non participaron activamente nas anteriores edicións dos Orzamentos Participativos ou o fixeron en menor proporción como é o caso da xuventude.

A este respecto, o concelleiro Manuel Santiago subliñou que, para acadar este obxectivo, incorporaranse as ferramentas electrónicas (estase a estudar a posibilidade e emitir o voto das propostas a través de Internet) e emplearanse as redes sociais para mobilizar ao maior número posible de persoas.

Outra das propostas abordadas na reunión de onte foi reforzar a presenza dos Orzamentos Participativos noutras actividades xa programadas, como o próximo Pecha Kucha previsto para o 25 de marzo.

Nel, o experto internacional en Orzamentos Participativos Giovanni Alegretti, que participou no Foro Cívico de xaneiro, subirase ao Teatro Jofre a expoñer, cos membros do Grupo Motor, o proceso dos Orzamentos Participativos en Ferrol, en comparación con outras experiencias en Europa.

Finalmente, debatíronse as novas normas de funcionamento para o proceso de Orzamentos Participativos 2011 (que aspectos deberán ser mudados para mellorar o seu desenvolvemento e a xestión interna, cambios no autorregulamento dos Orzamentos Participativos 2010, propostas de modificación, etc).

Segundo avanzou Manuel Santiago, propúxose incorporar persoal técnico na elaboración do autorregulamento para facilitar e axilizar a fase de viabilidade das propostas e de deseño dos proxectos coa futura Comisión de Seguimento de 2011.

ferrol.es

No hay comentarios:

Publicar un comentario