7/8/09

REUNIÓN GRUPO MOTOR OPs + COMISION PROVISIONAL RPC


Os orzamentos participativos ábrense

a toda a cidadanía.







A reunión, no local social de Valón, congregou ao grupo motor e ao antigo Grupo de Análise e Propostas.






D. A.
REDACCIÓN > FERROL
O local social de Valón acolleu o pasado mércores unha reunión sobre os orzamentos participativos. Membros de diversas asociacións dos cinco barrios ferroláns que se beneficiarán desta primeira experiencia avanzaron nas normas que rexerán a aplicación da mesma.

Ademais dos membros do grupo motor -órgano veciñal que se encargará de animar a participación veciñal-, ao encontro asistiron os integrantes do Grupo de Análise e Propostas (GAP), agora denominado Comisión de Control Provisional do novo Regulamento de Participación Cidadá.
Desta forma, este colectivo intégrase no proceso, a petición propia e co respaldo dos representantes dos barrios nos que este ano se centran os orzamentos participativos: Doniños e San Xurxo, na zona rural; e Santa Mariña, Catabois e San Xoán, na urbana.

O encontro, que tamén contou coa presenza do concelleiro e a técnica de Participación Cidadá, Manuel Santiago e Maica Rodríguez, serviu para regular que persoas poderán presentar propostas e votalas despois nas asembleas de barrio das que sairán os proxectos que se financiarán cos 350.000 euros que o Concello dedica este ano a este fin.

Así, poderán tomar parte deste proceso calquera veciño de Ferrol, non só dos cinco barrios nos que se desenvolverá este proxecto piloto. O único requisito é que estean empadroados no municipio e sexan maiores de 16 anos. Tamén terán dereito a propor actuacións e a emitir a súa opinión sobre as que se presenten aquelas persoas, que aínda non estando censada na urbe naval, teñan intereses nas zonas seleccionadas para pór en marcha estas contas participativas: propietarios de vivendas, comerciantes, etc.

En ambos os casos, os interesados en participar na toma de decisións deberán inscribirse nun rexistro entre o 1 e o 18 do próximo mes de setembro.
Este trámite pode levar a cabo ben nas asociacións veciñais e demais entidades dos cinco barrios seleccionados ou no propio Concello.
O prazo de presentación de iniciativas quedou establecido, ademais, do 19 ao 30 de outubro.
Desde a Concellaría de Participación Cidadá desenvolverase, previamente, unha campaña de buzoneo centrada nestas zonas para animar aos veciños a implicarse no proceso.
A finais de agosto, o grupo motor, o antigo GAP e os representantes do Concello manterán unha nova reunión para definir que baremos serán os que se terán en conta á hora de priorizar as propostas veciñais.

Diario de Ferrol.-

No hay comentarios:

Publicar un comentario