15/4/12

ASEMBLEAS DE BARRIO E OUTRAS CUESTIÓNS.-

Cada barrio expón unha media de trinta

 propostas para os orzamentos de 2013 .

Domingo, 15 de Abril de 2012

Redacción > ferrol

Coa asemblea da barrio celebrada na tarde de onte no local da Asociación de Vecinos de Esmelle, xa se mantiveron trece encontros veciñais para avanzar na constitución do Consello da Veciñanza, así como na selección das obras que poderían executarse con cargo aos orzamentos participativos de 2013. Restan así soamente dez reunións máis para dar por finalizado un proceso iniciado coa primeira asemblea informativa no barrio da Magdalena a principios do mes de febreiro e que se estima que conclúa o 5 de maio co último encontro no barrio de Santa Mariña.

Será no pleno dese mesmo mes cando se aprobe a constitución do Consello da veciñanza -cos dous representantes de cada barrio elixidos en asemblea- para, en xuño, poder celebrar a primeira reunión constitutiva do organismo.

O concelleiro de Participación Cidadá, José Manuel Vilariño, fai un balance positivo de como está resultando este proceso, que non pretende senón desenvolver o Regulamento de Participación Cidadá do Concello de Ferrol, que deixou sobre a mesa o anterior executivo local.

Un total de 46 asembleas de barrio e 23 reunións será o balance desta fase do proceso participativo que se desenvolve desde esta área co obxectivo de establecer a prioridade das necesidades de cada barrio e constituír o Consello da Veciñanza.

Con respecto a este organismo de nova creación, o edil destacou que se están presentando unha media de catro persoas por barrio -nas asembleas elíxese por votación a dúas- aínda que se deron casos concretos de ata once candidatos e algunhas nas que só hai un, aínda que seguramente se alcanzarán os dous precisos.

As propostas de cada barrio acerca das necesidades de actuacións son moi dispares, aínda que o concelleiro da área sinalo que a maioría refírense a intervencións de obras e servizos. O compromiso da área de Participación é, unha vez que se conte coas 69 proposicións -tres por distrito-, que achegarán "unha radiografía" das necesidades prioritarias da cidade, estudalas e valoralas tanto desde o punto de vista técnico como económico, de modo que se poida ver cales son viables e poden entrar a formar parte dos orzamentos de 2013.

José Manuel Vilariño recoñeceu que unhas serán máis fáciles de incorporar e outras máis difíciles. Como exemplo, sinalou o mercado de Caranza, unha necesidade que tecnicamente podería executarse pero economicamente non pode afrontar o Concello no marco dos orzamentos participativos. De todas as maneiras, haberá obras, como podería ser esta, que aínda que non se recollan neste apartado específico si poden ser obxectivo para o goberno local nos orzamentos xerais.

Outras son "do normal funcionamento do Concello" e executaranse igualmente aínda que non resulten entre as seleccionadas para a próxima partida de orzamentos participativos.

Diario de Ferrol.-

No hay comentarios:

Publicar un comentario