7/11/09

MESAS DE TRABALLO - SELECCION DE PROPOSTAS.-



As zonas urbana e rural escolleron as
súas actuacións de 2009.





O edil de Participación, o alcalde e a representante do Grupo Motor deron conta dos últimos avances


J. M. REDACCIÓN > FERROL
A enorme acollida dos veciños das zonas urbana e rural de Ferrol traducida na presentación de multitude de propostas para a aplicación dos primeiros orzamentos participativos da historia de Ferrol, con máis de 2.000 iniciativas, non impediu que as mesas de traballo celebradas os pasados mércores e xoves reducísenas a unha selección das consideradas prioritarias.
De todos os xeitos, moitas das iniciativas foron coincidentes, polo que o seu número viuse notablemente mermado; iso si, recibiron máis votos as que foron expostas por maior número de persoas.
De feito, na zona urbana, as 1.227 propostas recibidas quedaron finalmente en 122 tras ser agrupadas, mentres que na zona rural pasouse de 886 a 121.
Curiosamente, non sempre foron as iniciativas con maior número de apoios as que resultaron elixidas pola asemblea de diagnóstico como as prioritarias, dándose ata casos de que pasasen dunha prioridade alta (polo número de apoios totais) a unha baixa (por decisión da asemblea) e viceversa.
É o caso, por exemplo, do complexo social de San Xoán, que a pesar de contar cun único apoio é considerado pola asemblea como de alta necesidade ou o dos locais de ensaio en San Pablo, apoiado por 16 votos, prioridade alta, e considerado de baixa necesidade pola asemblea.
En moitos casos, con todo, coinciden as prioridades, deixando de manifesto as necesidades máis perentorias, tanto na zona urbana como na rural.
Nesta última, o apartado de novas tecnoloxías foi o máis votado e valorado tanto por apoios cidadáns como pola asemblea, dada a urxencia de conectar a contorna rural ás redes de comunicación e internet.
Para os barrios de San Pablo, San Xoán e Santa Mariña, a área de infraestruturas sociocomunitarias foi a máis necesitada de investimento (centro de terceira idade, complexos sociais ou centro de saúde) e a única no que coinciden como de alta prioridade tanto por apoios recibidos como por decisión da asemblea.
Na zona rural, ademais das novas tecnoloxías, as parroquias de Doniños e San Xurxo conceden unha alta valoración as propostas relativas á asistencia sociocomunitaria (programas de atención a maiores e dependentes, descentralización e asistencia social e sanitaria nos locais sociais ou formación para coidar enfermos e persoas dependentes, entre outras).
Así mesmo, considéranse prioritarias as propostas que se refiren a infraestruturas para a xestión de residuos, tanto recollida e baleirado de fosas sépticas como redes de sumidoiros e saneamento, colocación de colectores de reciclaxe ou instalación de fosas ecolóxicas.
Tras a votación do próximo mes por parte dos veciños ligados aos barrios e parroquias afectadas, será o pleno da corporación o que deberá dar o visto e prace ao investimento municipal, con cargo aos orzamentos de 2009, aínda que as actuacións non se executarán ata entrado 2010.
Diario de Ferrol.-

No hay comentarios:

Publicar un comentario