Sábado, 25 de Setembro de 2010
A primeira asemblea de votación de propostas para desenvolver con cargo á partida de orzamentos participativos na zona urbana celebrouse onte para os veciños de Ferrol Vello e Canido e contou coa presenza do alcalde, Vicente Irisarri.
Como no caso da desenvolvida para Covas e Esmelle a semana pasada, o saneamento foi a opción máis votada. De feito, a propia asemblea presentou unha defensa do proxecto xustificando a súa necesidade.
Na reunión tamén resultaron elixidas como iniciativas con maior respaldo;
- a eliminación de chatarra en dominio público;
- o baleirado de fosas sépticas en Canido;
- as beirarrúas para Celso Emilio Ferreiro;
- a instalación de bandas sonoras nesta mesma rúa e na estrada alta do Porto.
Entre as 20 propostas que se debaterán despois na asemblea de cidade está tamén unha que daría uso público á antiga Fábrica de Lapis, un edificio abandonado sempre no centro do debate.
-Os scouts defenderon "contando ata con material audiovisual" unha intervención no inmoble para dedicalo aos mozos e a iniciativa quedou en oitavo lugar na votación. A agrupación optou por presentar esta idea logo dun debate no que participaron os propios nenos da organización.
- A rehabilitación de inmobles;
- a habilitación de novos aparcadoiros;
- o proxecto denominado "Recoñecemento de Ferrol Vello" tamén están entre as 20 propostas seleccionadas.
Só 57 persoas participaron nesta votación, a pesar de que antes da celebración da asemblea inscribíronse duascentas. A reunión tivo lugar no Aula de Ecoloxía Urbana do parque municipal Raíña Sofía e as 20 propostas seleccionadas saíron de entre as 45 que se presentaron para optar a ser financiadas con cargo á partida de 1.650.000 euros que este ano se reserva aos orzamentos participativos.
O encontro serviu tamén para elixir a Mesa de Propostas, integrada por dez persoas e que traballará cos técnicos para estudar a viabilidade das opcións e elevalas á asemblea de cidade.
Hoxe celebrarase outro destes encontros, neste caso en San Xurxo, para os veciños desta parroquia e os de Doniños.
Na asemblea, convocada para as 17.30 horas, están inscritas 170 persoas, ademais das que poidan participar antes de que dea comezo, e o número de iniciativas que se someterán a votación será de 45.
- Entre elas figuran un plan de ordenación forestal da zona rural;
- un centro de asistencia social;
- obras de saneamento;
- un aparcadoiro en Penencia;
- reparación de beirarrúas;
- asfaltado de camiños;
- mellora do acceso a internet;
- melloras no alumado;
- as restauración das campás da igrexa de Doniños.
- a colocación de semáforos na estrada de Valón.
A última asemblea de zona terá lugar o 2 de outubro no polideportivo do CEIP San Xoán de Filgueira, ás 17.30 horas.
Neste caso o número de propostas son 66, de modo que o total entre as catro reunións é de 201.
Xa en novembro, explicou o concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, debateranse as 80 propostas seleccionadas (20 por cada encontro) na asemblea de cidade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario