15/9/10

DEBATE OP´s - ERNESTO GANUZA



O experto en Orzamentos Participativos Ernesto Ganuza impartirá na Biblioteca Central unha charla sobre os procesos activos en España e noutros países europeos.


· O alcalde recibe este venres ao sociólogo, coordinador científico da investigación internacional impulsada polo Instituto de Estudos Sociais Avanzados- CSIC, na que participa o Ferrol.


· O edil Manuel Santiago invita á cidadanía a asistir ao acto, que se celebrará ás 19.30 horas con entrada libre e gratuíta.


· Ganuza participará como observador na asamblea de zona que se celebra o sábado en Covas para votar as primeiras propostas que se financiarán con cargo á partida de 1.650.000 euros.


Ferrol, 15 de setembro de 2010.-
O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, invitou aos cidadáns e cidadás a asistir este venres á Biblioteca Municipal da Praza de España á charla que ofrecerá ás 19.00 horas o doutor en Socioloxía e grande experto nacional en procesos de orzamentos participativos Ernesto Ganuza Fernández.

Previamente, pola mañá, será recibido polo alcalde da cidade, Vicente Irisarri, para posteriormente comparecer ante os medios de comunicación co obxecto de informar acerca do proxecto de investigación promovido polo Instituto de Estudos Sociais Avanzados e Consello Superior de Investigacións Científicas (IESA-CSIC) sobre orzamentos participativos, un proceso no que Ferrol foi pioneiro en Galicia.


Neste estudo, tal e como lembrou o edil Manuel Santiago, participará o Concello de Ferrol xunto con outros 50 municipios de países de América (Brasil, EE.UU), de Europa (Reino Unido, Francia, Alemania e España), así como de África e Asia. O dito estudo internacional estará coordinado científicamente polo propio Ernesto Ganuza, cuxa visita á urbe naval brindaralle a oportunidade de coñecer polo miúdo o proceso de orzamentos participativos que por segundo ano consecutivo ten en marcha o Concello de Ferrol e no que están implicados os barrios de Santa Mariña, San Pablo de Catabois, San Xoán, Ferrol Vello e Canido –na zona urbana- e Doniños, San Xurxo, Covas e Esmelle –na zona rural-.

O concelleiro de Participación Cidadá destacou esta mañá a importancia de poder contar na cidade coa presenza de Ernesto Gamuza, dada a súa ampla experiencia nestes procesos de democracia participativa tanto a nivel nacional como internacional.


A este respecto, subliñou que na actualidade este experto investigador no IESA-CSIC desenvolve o seu traballo nos eidos da participación cidadá, a deliberación e a investigación participativa. Así mesmo, ten colaborado na posta en marcha dos orzamentos participativos en diversas cidades e participado en investigacións que sobre os ditos procesos se están a levar a cabo en países tanto de Europa como América. Durante os últimos anos, Ernesto Ganuza coordinou as dúas primeiras enquisas deliberativas que se realizaron en España e escribiu numerosos artigos sobre participación, deliberación e democracia.

De parte da súa experiencia neste eido falará aos cidadáns e cidadás que se acheguen este venres ata a Biblioteca Central –a entrada ao acto é libre e gratuíta-.

Na súa intervención, Ganuza fará un repaso polos diferentes procesos de orzamentos participativos que a día de hoxe están en marcha tanto en España como no resto de Europa, falará de como se artellan e desenvolven, dos diferentes grupos creados ao abeiro dos mesmos para o seu desenvolvemento ou de como se artella a participación cidadá, entre outros aspectos.


Así mesmo, aproveitará a súa estadía na cidade para facer de observador no proceso de orzamentos participativos que está en marcha no Concello de Ferrol e que esta fin de semana afronta un novo paso: o inicio das asambleas de zona que se celebrarán entre o 18 de setembro e o 2 de outubro para que os veciños e veciñas voten as propostas que serán levadas á Asamblea de Cidade, prevista para o mes de novembro.

A este respecto, o concelleiro Manuel Santiago informou de que este sábado, ás 17.30 horas celebrarase a asamblea de zona de Covas-Esmelle, na AVV de Covas.


Nela están chamadas ás urnas un total de 1.068 persoas que previamente se inscribiran no Rexistro de Votantes aberto ao abeiro do proceso de participación cidadá.


A estas poderanse sumar, antes do inicio da asemblea, aquelas outras persoas que desexen votar as propostas –un máximo de 10 por persoa- para ser financiadas con cargo aos 1.650.000 euros reservados este ano ao proceso.


Nesta primeira asamblea de zona someteranse a votación un total de 45 propostas, das que se elixirán 20ao finalizar as catro asambleas contarase coas 80 propostas que definitivamente serán levadas á Asamblea de Cidade-.

A continuación, as datas e lugares de celebración das asambleas de zona:


DATA - ZONA - HORA - LUGAR

Sábado 18
de setembro


Covas-Esmelle
17,30 h .- AVV Covas


Venres 24
de setembro


Ferrol Vello-Canido
19,30 h .-Aula Ecoloxía Urbana (Parque Raíña Sofía)

Sábado 25
de setembro

Doniños-San Xurxo
17,30 h .- AVV San Xurxo


Sábado 2
de outubro


San Pablo de Catabois-Santa Mariña-San Xoán
17,30h.-Pavillón polideportivo do CEIP de San Xoán de Filgueira



Saúdos;

Gabinete de Comunicación

No hay comentarios:

Publicar un comentario