A Asamblea de Cidade precederá ao pleno
de novembro, onde se prevé aprobar as
propostas a financiar cos Orzamentos
Participativos 2010.
Martes, 5 de outubro de 2010.
O goberno local valora a alta participación na Asamblea de San Pablo, Santa Mariña e San Xoán celebrada o sábado. Un programa de atención aos maiores, unha unidade de servizos sociais en San Pablo e un parque biosaudable en San Xoán, as propostas máis votadas por 137 veciñ@s
O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, fixo un balance moi positivo da Asemblea de Cidade dos barrios de San Pablo de Catabois, San Xoán de Filgueira e Santa Mariña que se celebrou o pasado sábado no pavillón polideportivo do CEIP de San Xoán.
Esta foi a derradeira asembla convocada ao abeiro do proceso de Orzamentos Participativos 2010, un proceso pioneiro en Galicia que dará a oportunidade aos veciños e veciñas de Ferrol de elixir onde investir os 1.650.000 euros da partida reservada este ano aos Orzamentos Participativos.
Nesta ocasión, e tras os votos emitidos por un total de 137 veciños e veciñas, as tres propostas máis votadas foron a posta en marcha dun programa de atención ás persoas maiores, a creación dunha unidade de servizos sociais en San Pablo e dun parque biosaudable en San Xoán.
Xa polo miúdo, o edil Manuel Santiago valorou a alta cifra de participación acadada nesta asemblea, que foi a máis numerosa das catro celebradas, seguida da de Covas-Esmelle, con 133 votantes; Doniños-San Xurxo (122) e Ferrol Vello-Canido (45).
En xeral, subliñou a alta implicación dos veciños e veciños neste proceso e incidiu no desexo do equipo de goberno local de seguir traballando nesta liña para acadar a maior implicación posible dos cidadáns e cidadás nos Orzamentos Participativos. E ao fío disto, e en relación con esta asemblea de San Pablo, San Xoán e Santa Mariña, adiantou as vinte propostas que foron seleccionadas para elevar á Asemblea de Cidade -cuxa celebración se prevé para o mes de novembro- xunto coas 60 elixidas nas tres asembleas de zona anteriores.
Estas son as seguintes:
1.- Programa de atención ás persoas maiores.
2.- Unidade de servizos sociais en San Pablo.
3.- Parque biosaudable en San Xoán.
4.- Centro de día en San Xoán.
5.- Policía de barrio en San Pablo.
6.- Parada de autobús no barrio de San Xoán.
7.- Comedor social no barrio de San Pablo.
8.- Humanización das rúas interiores do barrio de San Xoán.
9.- Parque urbano no Campo de Tiro de Catabois.
10.- Formación de monitores deportivos e culturais para formar a mozos desempregados e con risco de exclusión social.
11.- Desdobramento do bus pola estrada de San Pedro e paradas en Santa Mariña e San Xoán.
12.- Accesos para persoas discapacitadas en beirarrúas nos barrios.
13.- Reparación polideportivo do colexio de San Xoán.
14.- Construción dun parque na parcela municipal da rúa Río Xubia.
15.- Dotación de beirarrúas: Camiño do Paredón.
16.- Arranxo do Camiño Campo de Chao desde o colexio ao Camiño do Paredón.
17.- Feiróns, feiras medievais e mercadillos en San Xoán.
18.- Limpeza sumidoiros en San Xoán.
19.- Programa de prevención da delincuencia.
20.- Ampliación do local social do barrio de San Xoán.
O edil Manuel Santiago informou de que as próximas accións relativas ao proceso de Orzamentos Participativos consistirán na entrega das propostas a cada departamento municipal ao que estas se vinculan para elaborar os proxectos básicos e o cálculo orzamentario. Isto será necesario, tal e como subliñou, para que poidan ser elevadas á Asemblea de Cidade de novembro as 80 propostas finais, así como ao pleno do mes de novembro para que poidan ser aprobadas.
A dita Asemblea de Cidade será a que decida as propostas que se levarán adiante co orzamento dispoñible. Así mesmo, neste espazo elixirase aos integrantes da Comisión que velará polo seguimento das propostas que serán executadas.
E ao fío disto, o edil de Participación Cidadá puntualizou que se terán en conta as 10 propostas máis votadas en cada Asemblea de Zona (Covas-Esmelle, Ferrol Vello-Canido, Doniños-San Xurxo e San Pablo de Catabois, Santa Mariña e San Xoán de Filgueira) como propostas de reserva no caso de que a suma total do conxunto non chegue aos 1.650.000 euros dos Orzamentos Participativos 2010.
Finalmente, e respecto aos 14 proxectos aprobados no proceso de Orzamentos Participativos de 2009, o concelleiro Manuel Santiago anunciou que se está a traballar no seu desenvolvemento.
Así, indicou que tras rematar a primeira parte do proxecto de descentralización cultural Culticipando comenzará a nova programación do último trimestre do ano. Tamén se está planificando coa Comisión de Seguimento a charla informativa que se celebrará no marco do programa de fomento da actividade agroforestal e anunciou que nun prazo de 15 días poderanse iniciar as obras do parque biosaudable en San Pablo.
Respecto ao de Santa Mariña estase pendente da asemblea de veciños para a cesión do espazo e xa se pechou o calendario da celebración dos foros cívicos que se celebrarán ao abeiro do programa de fomento da participación cidadá.
web.ferrol.es
No hay comentarios:
Publicar un comentario