12/10/10

IMPULSO ORGANOS DO REGULAMENTO DE P.C.

O Concello pon en marcha os
foros cívicos de participación.
Martes, 12 de Outubro de 2010.
Os meses de novembro e decembro levarán a cabo cinco foros cívicos dedicados ás políticas de mocidade, novas tecnoloxías e aforro enerxético, modelo de cidade, posta en valor do patrimonio e democracia participativa.
Trátase da posta en marcha do programa de fomento de participación cidadá que será financiado con cargo aos orzamentos participativos de 2009, nos que os veciños da cidade decidiron en que investir unha partida de 350.000 euros.
A este proxecto destinaranse 18.000 euros e a intervención transcenderá ao conxunto da cidade e non a un barrio en concreto, como sucede con outros proxectos.
As datas para a celebración dos encontros (días, 5, 6, 19 e 20 de novembro e 17 de decembro) foi acordada nunha reunión de traballo entre os integrantes da Comisión de Seguimento dos Orzamentos Participativos e da comisión provisional de control de regulamento de participación cidadá.
O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, explicou que estes foros cívicos servirán para debater en mesas temáticas os documentos referentes ás diferentes áreas para chegar a un acordo sobre liñas de actuación, tras ser postas en común no plenario.
No seo destes foros os participantes traballarán sobre posibles propostas de actuacións para presentar ao Concello, co fin de que sexan executadas.
Para isto, e para garantir o control dos acordos tomados, constituirase unha comisión de seguimento coas persoas participantes nos mesmos.
Tamén está previsto crear un Rexistro de Cidadáns co obxectivo que poidan participar en diferentes órganos como os consellos sectoriais municipais, comisión de control do regulamento, etc.
Neste sentido, a Comisión provisional de control do regulamento acordou manter unha reunión con todas as concellarías que xestionan os consellos sectoriais para que se actualicen e incorporen a cidadáns.
O encontro está previsto para o mércores 20 de outubro ás sete e media da tarde.
Así mesmo, decidiuse manter unha reunión coas concellarías de Facenda e de Persoal co fin de pór en marcha o Valedor da Cidadanía ou a Oficina de queixas e suxestións.

Diario de Ferrol.-

No hay comentarios:

Publicar un comentario