25/11/11

MOCIÓN DE PARTICIPACIÓN PLENO MUNICIPAL.-


O pleno mostrou visións diferentes de

entender a participación cidadá.

Venres, 25 de Novembro de 2011.


Os orzamentos participativos, o regulamento e, en xeral, o movemento cidadán que se puxo en marcha no anterior mandato e os camiños que seguirá nesta nova etapa de goberno centraron parte da sesión plenaria deste fin de mes, celebrada onte.

As continuas queixas e reclamacións da comisión de seguimento dos orzamentos participativos ante o que consideran unha terxiversación do proceso e unha completa falta de información fixéronse oír onte tanto da boca dun dos seus representantes, Roberto Pérez, como dos portavoces municipais de PSOE, BNG e EU que, de forma conxunta, elevaron ao pleno as ideas da comisión de seguimento plasmadas nunha moción.

Pero antes do debate da moción, o ambiente xa se caldeou o suficiente con dous puntos anteriores, o relativo á aprobación dos 23 ámbitos territoriais para o inicio dos traballos e constitución de órganos do regulamento participativo e a aprobación da ordenanza reguladora da administración electrónica.

No primeiro destes puntos, Vilariño presentou a proposta como unha forma de dividir a cidade en 23 ámbitos para poder comezar a celebrar as asembleas de barrios e elixir aos representantes no Consello da Veciñanza, pero a idea non gustou aos grupos da oposición que defenderon que esta decisión non correspondía ao goberno senón ao Foro de cidade, que está convocado para o día 30 Nov. e que debería ser o lugar onde se tomase esta decisión antes de ir a pleno.

 Pita (BNG) e posteriormente a representante de EU, Yolanda Díaz, e do PSOE, Natividade González, pediron que se retirase a proposta da orde do día, ata despois do foro, co fin de que se debatese onde correspondería. Vilariño, con todo, non considerou necesario retirar este punto nin tampouco facer uso dun receso que se pediu posteriormente, alegando que xa había "chequeado" ao movemento asociativo, polo que consideraba acertada a aprobación plenaria.

Tras o visto e prace, con só os votos de PP e IF, Yolanda Díaz vaticinou a Vilariño o seu futuro en materia de participación cidadá: "chegará morto politicamente ó foro e mata o proceso de participación na única cidade na que a temos".

A outra proposta do goberno vinculada cos cidadáns, a ordenanza reguladora da administración electrónica, tamén foi criticada, pero, nesta ocasión, máis por non ser entregada á oposición "en tempo e forma" que polo seu contido en si mesmo, ao que xa anunciaron, de todos os xeitos, os grupos da oposición que presentarán alegacións. "Esperarei expectante as súas achegas", resolveu Vilariño.

Ante esta situación, o portavoz da comisión de seguimento, Roberto Pérez, optou por non insistir no contido da moción e sinalar unicamente que se sentía "totalmente defraudado", pedindo ao alcalde se podía facer algo para que se informase á comisión de seguimento do relacionado co proceso de orzamentos participativos.

Na moción, que foi defendida por Yolanda Díaz, en nome de EU, PSOE e BNG, pedíase ao goberno un compromiso para os orzamentos de 2012, unha información exhaustiva das 25 propostas aprobadas en 2010 e a convocatoria da comisión de seguimento e do foro de cidade.

A moción non saíu adiante e Vilariño respondeu un por un a todos os puntos, con gráficos a todo cor incluídos, sobre o estado de cada proposta cando chegaron ao goberno e actualmente, enumerou, ademais, todas as reunións mantidas coa comisión de seguimento e considerou que "non é urxente" unha nova convocatoria ata fin de ano.

Ademais, matizou, "non podemos instarnos a algo que xa estamos facendo".

Diario de Ferrol.-

No hay comentarios:

Publicar un comentario