17/6/10

PRINCIPIAN OS TRABALLOS DAS PROPOSTAS VECIÑAIS.-



O Grupo Motor inicia o traballo de clasificación

das primeiras propostas presentadas polos

veciños aos Orzamentos Participativos do 2010.


Xoves, 17 de xuño de 2010
A sesión de traballo tivo lugar no Teatro Jofre e ata o 27 de xuño está aberto o prazo para achegar as propostas cidadás. Persoal técnico e o Grupo Motor participan hoxe en San Pablo e sábado en Doniños en novas accións informativas

Os integrantes do Grupo Motor iniciaron o traballo de clasificación das primeiras propostas achegadas polos veciños e veciñas de Ferrol para executarse con cargo aos 1.650.000 euros dos Orzamentos Participativos deste ano.
Así o avanzou o concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, quen informou de que esta nova xuntanza de traballo se celebrou no Teatro Jofre (cuarto andar) entre as 18.00 e as 21.00 horas.
Alí abríronse as urnas coas propostas que foron depositadas nos once puntos habilitados polo Concello ao abeiro deste proceso pioneiro en Galicia, distribuidos nos nove barrios obxecto de actuación neste 2010 (Ferrol Vello, Canido, San Xoán de Filgueira, San Pablo de Catabois, Santa Mariña, San Xurxo, Doniños, Covas e Esmelle) e mesmo na Casa Consistorial (no departamento de Participación Cidadá).
Tamén a través da páxina web municipal (www.ferrol.es). E ao fío disto, o edil Manuel Santiago fixo un novo chamamento á cidadanía, á cal invitou a sumarse a este proceso e facer chegar as súas propostas de intervención participando de xeito activo para elixir o destino desta partida orzamentaria.
O prazo finalizará o vindeiro 27 de xuño. Así as cousas, as 50 persoas que forman parte do recentemente constituído Grupo Motor empezaron a clasificar as propostas recibidas atendendo aos temas aos que fan referencia, mediante procedementos de etiquetado e codificación. Este é un dos cometidos do dito Grupo, do que forman parte veciños e veciñas a título individual e representantes de asociacións veciñais, de mulleres, comunidades de montes ou de mocidade dos 9 barrios.
Non só iso, tamén son os encargados de dinamizar os barrios e parroquias nos que se intervirá neste proceso de Orzamentos Participativos informando aos veciños e veciñas do territorio acerca de como participar no mesmo.
E neste senso, o concelleiro de Participación Cidadá lembrou que cada veciño ou veciña poderá achegar ata un máximo de dúas propostas, as cales poderán ser de dous tipos: investimentos e/ou mantenemento de infraestruturas ou equipamentos, e actividades ou programas sociais.
Só é preciso ser maior de 16 anos para poder presentalas e, para exercer o voto, estar inscrito no Rexistro de Votantes (o prazo pecharase o 27 de xuño).
Por outra banda, o Grupo Motor en colaboración coas asociacións nos barrios continúa co seu labor de difusión e dinamización do proceso nas diferentes zonas do Concello de Ferrol nas que se está a intervir co proceso.
Así, o pasado venres a entidade veciñal de San Pablo de Catabois acolleu unha charla informativa coa participación de arredor de 60 veciños e veciñas para analizar os problemas do barrio e idear propostas para presentar aos Orzamentos Participativos.
Hoxe terá lugar unha nova actividade informativa a partir das 19.30 horas na cafetería Vanessa, novamente en San Pablo, na que se contará coa participación de persoal técnico e integrantes do Grupo Motor.
O sábado ás 19,30 horas no local da A.VV. O Lago de Doniños está convocada a veciñanza desta parroquia para realizar unha dinámica de grupo.
Estas accións súmanse ás charlas informativas que ao longo do mes de maio se desenvolveron nos diferentes barrios e parroquias que serán obxecto de actuación este ano para dar a coñecer polo miúdo as diferentes fases do proceso.
ferrol.es

No hay comentarios:

Publicar un comentario