10/3/11

CONSTITUCIÓN DAS COMISIÓNS DOS FOROS CÍVICOS.-




Constituídas as comisións de seguemento que velarán polo cumprimento dos acordos adoptados nos Foros Cívicos

Xoves, 10 de marzo de 2011

Están integradas por 64 persoas distibuídas en seis áreas: Democracia Participativa, Xuventude, Patrimonio e Medio Ambiente, Aforro Enerxético, Modelo de Cidade e Deportes

A creación do Consello de Xuventude, a racionalización do consumo enerxético, a creación dunha Oficina Municipal de Queixas ou o fomento de actividades deportivas son algundas das propostas.

As iniciativas poderán ser presentadas ao proceso de Orzamentos Participativos de 2011, ao que se destinarán tres millóns de euros.


O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, presidiu a constitución das Comisións de Seguimento que velarán polo cumprimento das propostas que foron acordados nos Foros Cívicos que se celebraron entre os meses de novembro e decembro de 2010.

Estes foros, nos que participaron un total de 122 persoas, foron promovidos polo Concello de Ferrol ao abeiro do proceso de Orzamentos Participativos, pioneiro en Galicia, como puntos de encontro abertos a toda a cidadanía nos que os asistentes puideron realizar as súas aportacións de actuacións ou proxectos relacionados con diversas temáticas:

“Democracia Participativa”,

“Políticas de Xuventude”,

“Patrimonio e Medio Ambiente”,

“Aforro enerxético”,

“Modelo de Cidade”

“Deportes”.

Da súa posta en marcha por parte da Administración local velarán un total de 64 veciños e veciños, que participarán os vindeiros 11, 15 e 16 de marzo en diferentes reunións de traballo para abordar a posta en marcha das propostas vinculadas con cada temática, previa presentación ao Concello de Ferrol.

Así pois, e respecto ao foro sobre “Democracia Participativa”, as principais propostas elixidas están relacionadas coa constitución dunha Oficina de Queixas e Suxestións, o establecemento de puntos de información nos barrios, a eliminación de barreiras burocráticas para axiliar a tramitación dos expedientes municipais ou promover o coñecemento dos dereitos de participación da cidadanía a través de diferentes órganos e espazos (intervencións nos plenos, audiencias públicas, procesos de participación, etc.).

Na área de “Xuventude”, apostouse por crear espazos de coordinación co Concello -o Consello de Xuventude-, apoiar o traballo das asociacións ou implicar ás entidades xuvenís nos procesos participativos, difundindo entre a xuventude o proceso de Orzamentos Participativos, a través do cal os veciños e veciñas teñen a oportunidade de elixir o destiño dunha partida municipal (3 millóns de euros en 2011).

Fomentar iniciativas empresarias sostibles, actualizar o inventario de bens patrimoniais, priorizar o patrimonio natural das intervencións municipais ou avanzar no saneamento integral da ría foron as propostas máis destacadas do Foro Cívico de “Patrimonio e Medio Ambiente”.

Por outra banda, e relacionado coa temática de Aforro Enerxético e Enerxías Renovables, priorizáronse as seguintes propostas: a instalacións de paneis solares en diferentes puntos do municipio, a organización de accións formativas e de sensibilización neste eido, a racionalización do consumo enerxético ou a promoción das Tecnoloxías de Información e Comunicación (TICs) para promover o consumo sostible.

No quinto dos Foros Cívicos celebrados, o relativo ao “Modelo de Cidade que queremos. Ordenamento urbanístico e compromisos sostibles coa cidadanía”, as principais conclusións acadadas están relacionadas con propostas como a unión de barrios a través de zonas verdes, continuar apostando pola rehabilitación de vivendas ou fomentar os espazos urbanos para o uso e disfrute das persoas evitando os aparcamentos no casco histórico.

Finalmente, no Foro de Deporte para cuxa celebración previamente se realizou un traballo para coñecer as demandas e propostas dos clubs e entidades deportivas, as propostas por cuxa posta en marcha velará a comisión de seguimento son as seguintes:

-formación técnica a monitores e asesoramento aos clubs en aspectos administrativos, deportivos, etc; fomentar actividades deportivas no eido educativo e competicións ou publicitar os acordos do Patronato de Deportes, así como favorecer a participación das entidades deportivas na fase de planificación de eventos.

O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, explicou que todas estas propostas se abordarán nas xuntanzas de traballo que se manterán coas Comisións de Seguimento de cada unha das áreas. A primeira delas -a de Xuventude- celebrarase este venres, 11 de marzo, ás 19.00 horas no Concello de Ferrol.

Para o 15 de marzo está convocada a Comisión da área de “Deportes” ás 19.30 horas-

- 16 de marzo, a de “Democracia Participativa”, “Medio Ambiente e Promoción do Patrimonio” e “Aforro Enerxético e enerxías renovables” e “Modelo de Cidade”, que se constituirán en diferentes grupos.

Neste senso, o obxectivo é traballar de xeito coordinado co resto de órganos de participación vixentes na actualidade no Concello (un total de 29 entre Foros Cívicos, Comisións de Seguimento dos Foros Cívicos, Consellos Sectoriais ou os órganos de participación creados no seo do proceso de orzamentos participativos). Para iso, plantexouse a necesidade de presentar todas estas propostas saíntes dos Foros Cívicos aos Orzamentos Participativos de 2011, tendo en conta que nesta terceira edición do proceso o orzamento é de 3 millóns de euros e o ámbito de actuación amplíase á totalidade do territorio (22 barrios e parroquias) e a todas as áreas de xestión municipal.

ferrol.es

28/2/11

ACORDOS GRUPO MOTOR

Os veciños xa poden inscribirse no programa de recollida e xestión de fosas sépticas do proceso de Orzamentos Participativos a través de www.ferrol.es
Luns, 28 de febreiro de 2011
Ata o 31 de marzo, os veciñ@s de San Pablo, San Xoán, Santa Mariña, Covas, Esmelle, San Xurxo e Doniños poden anotarse presencialmente no Rexistro Xeral ou telematicamente. O concelleiro Rafael Fernández subliña que o proxecto está cofinanciado entre o Concello, que aporta o 70% do custe total, e os veciños, que destinan o 30% restante. O edil Manuel Santiago anuncia a incorporación das redes sociais aos Orzamentos Participativos 2011 para mobilizar á xuventude, así como a agrupación dos barrios en nove zonas de traballo.

O goberno local anunciou que os veciños e veciñas poden solicitar a través da web www.ferrol.es a adhesión ao proxecto de baleirado, transporte e xestión de fosas sépticas que se puxo en marcha ao abeiro do proceso de Orzamentos Participativos de 2009 nos barrios de San Pablo, Santa Mariña e San Xoán e ao que agora se suman as parroquias de Covas, Esmelle, San Xurxo e Doniños, toda vez que foi unha das 25 propostas aprobadas polos veciños e veciños no proceso correspondente ao ano 2010.

Así o avanzaron esta mañá os concelleiros de Medio Ambiente, Rafael Fernández Beceiro, e de Orzamentos Participativos, Manuel Santiago, quen explicaron que accedendo á web municipal é posible descargar o modelo de solicitude e remitila directamente ao Concello de Ferrol tras cubrir os seus datos persoais, así como o enderezo e capacidade da fosa. Unha vez recibida a solicitude e de ser aprobada, o departamento de Medio Ambiente establecerá un día de recollida que será comunicado ao solicitante.

A solicitude de adhesión pode tamén realizarse no Rexistro Xeral, ubicado na pranta baixa do Concello. Presencial ou telematicamente, o día 31 de marzo finalizará o prazo para formalizar o trámite. Así pois, o edil Manuel Santiago lembrou que a “Recollida de fosas sépticas” foi unha das demandas cidadás incluídas na relación de propostas aprobadas o pasado ano no marco dos Orzamentos Participativos, un proceso pioneiro en Galicia a través do cal os veciños e veciñas deciden o destino dunha parte do orzamento municipal (350.000 euros no 2009 e 1.650.000 euros no 2010).

No 2009 o orzamento para o proxecto de recollida de fosas sépticas foi de 50.000 euros -estimárase a recollida de 50 fosas- fronte aos 336.880 euros correspondentes ao proceso de 2010. Así as cousas, o único requisito que deben cumprir os demandantes, ademais de residir nun dos barrios anteriormente sinalados, é dispor de fosa séptica e carecer de rede de sumidoiros, tal e como puntualizou o edil Rafael Fernández Beceiro, quen informou de que a intención do departamento de Medio Ambiente é iniciar o baleirado, que executará Emafesa, neste 2011.

No caso de que a inscrición no programa alcance o orzamentos destinado ao mesmo se levaría a cabo un único baleirado, namentras que se non se chega a esta cifra, abriríase a posibilidade de ampliar este número. A medida será cofinanciada entre o Concello, que aportará o 70% do custe, e os veciños, que sufragarán o 30% restante. Así, estes últimos pagarán uns 60 euros, que se corresponden co recibo anual do saneamento, namentras que a Administración local destinará o resto, sendo a cantidade total máxima de 500 euros por fosa.

E ao fío disto, anunciou que se van celebrar diferentes charlas para informar nos sete barrios e parroquias acerca deste servizo que ten entre os seus obxectivos fomentar o coidado polo medio ambiente. A primeira delas terá lugar o vindeiro 4 de marzo na Asociación de Veciños de San Xurxo ás 18.00 horas.

- - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - -

Por outra banda, o concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, informou esta mañá dos acordos tomados na xuntaza de traballo que tivo lugar este martes co Grupo Motor saínte do Foro Cívico celebrado o pasado 28 de xaneiro como equipo inicial de traballo no proceso de Orzamentos Participativos 2011, aberto a novas incorporacións.

Así, avanzou que se acordou agrupar os 22 barrios do concello en nove asembleas ou zonas de traballo para desenvolver este proceso que conta este ano cun orzamento de tres millóns de euros. Estas son:

Caranza;

Esteiro-Recimil (O Pilar);

Ensanche A (Inferniño)-Ensanche B (Ultramar)-O Bertón;

San Pablo de Catabois-Santa Mariña-San Xoán de Filgueira e Santa Icía;

Ferrol Vello-Canido-A Magdalena;

San Felipe-Brión-A Graña-A Cabana;

San Xurxo-Doniños;

Covas-Esmelle-Marmancón;

Serantes-Mandiá.

Así mesmo, na dita xuntanza de traballo se acordou levar a cabo accións inmediatas de divulgación do proceso coa finalidade de difundir o proceso nos diferentes barrios e parroquias e acadar a implicación de toda a sociedade, tratando de chegar a aqueles colectivos que non participaron activamente nas anteriores edicións dos Orzamentos Participativos ou o fixeron en menor proporción como é o caso da xuventude.

A este respecto, o concelleiro Manuel Santiago subliñou que, para acadar este obxectivo, incorporaranse as ferramentas electrónicas (estase a estudar a posibilidade e emitir o voto das propostas a través de Internet) e emplearanse as redes sociais para mobilizar ao maior número posible de persoas.

Outra das propostas abordadas na reunión de onte foi reforzar a presenza dos Orzamentos Participativos noutras actividades xa programadas, como o próximo Pecha Kucha previsto para o 25 de marzo.

Nel, o experto internacional en Orzamentos Participativos Giovanni Alegretti, que participou no Foro Cívico de xaneiro, subirase ao Teatro Jofre a expoñer, cos membros do Grupo Motor, o proceso dos Orzamentos Participativos en Ferrol, en comparación con outras experiencias en Europa.

Finalmente, debatíronse as novas normas de funcionamento para o proceso de Orzamentos Participativos 2011 (que aspectos deberán ser mudados para mellorar o seu desenvolvemento e a xestión interna, cambios no autorregulamento dos Orzamentos Participativos 2010, propostas de modificación, etc).

Segundo avanzou Manuel Santiago, propúxose incorporar persoal técnico na elaboración do autorregulamento para facilitar e axilizar a fase de viabilidade das propostas e de deseño dos proxectos coa futura Comisión de Seguimento de 2011.

ferrol.es

EXECUTANDO PROXECTOS DOS OP,s-2010.-

O Concello traballa para ampliar
o carril-bici na zona de Lobadiz.
Sábado, 26 de Febreiro de 2011.
O Concello de Ferrol está traballando xa nos seis proxectos relacionados coas áreas de Obras e Zona Rural que serán financiados con cargo aos 1,6 millóns de euros dos orzamentos participativos de 2010.
Entre estas actuacións atópase a ampliación do carril-bici ata o cruzamento da estrada de Lobadiz e o acondicionamento de beirarrúas ata a estrada xeral. Tamén se inclúe o arranxo das beirarrúas da Vila de Ares ata Vila da Igrexa, en San Xurxo, a colocación de varandas, o acondicionamento de cunetas, habilitar aparcadoiros nas praias de Covas, o acondicionamento e a construción dunha pasarela peonil na lagoa de Doniños e bandas sonoras na rúa Celso Emilio Ferreiro e na estrada Alta do Porto.
Con respecto ao carril-bici, para a execución desta obra é preciso a cesión dunha parte do terreo por parte da comunidade de montes, que precisamente convocou para mañá unha reunión con este fin.
Entre tanto, o edil de Zona Rural avanzou que o técnico municipal comezará a realizar o proxecto para telo xa adiantado e seguirá o modelo do que xa está concluído ata ese punto.
Para a proposta dos arranxos de beirarrúas desde Vila de Area a Vila dá Igrexa acordouse que, de non ser suficiente o orzamento, é preferible acometer só unha parte da actuación. Así mesmo, estudaranse que cunetas débense priorizar no proxecto de acondicionamento para despois trasladalo ao Concello.
O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, informou de que a comisión de seguimento levada a cabo a semana pasada reuniuse co concelleiro de Obras, Gerardo López Castrillón, para abordar estes proxectos.
Diario de Ferrol.-

22/2/11



O Concello invita á cidadanía a asistir este martes á reunión de traballo co Grupo Motor na que se abordarán as novas normas de funcionamento do proceso en 2011.

Luns, 21 de febreiro de 2011
O edil Manuel Santiago avanza que se celebrará no pazo municipal e nela proporase agrupar os 22 barrios en dez zonas para levar a cabo o traballo dos Orzamentos Participativos.

Anuncia a creación dun Rexistro de Cidadán para dar opción á cidadanía a participar nos consellos sectoriais municipais, foros cívicos ou na comisión de control de participación


O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, avanzou que este martes ás 18.30 horas se celebrará no Concello unha reunión co Grupo Motor saínte do Foro Cívico celebrado o pasado 28 de xaneiro como equipo inicial de traballo no proceso de Orzamentos Participativos 2011 aberto a novas incorporacións.

O seu obxectivo é abordar diversos aspectos relativos a este proceso, pioneiro en Galicia, a través do cal se dá a oportunidade aos veciños e veciñas de elixir o destino dunha partida do orzamento municipal (para este ano, esta é de 3 millóns de euros).

Así pois, fixo un chamamento á cidadanía para que asista a este encontro no que se debatirán cuestións como as zonas nas que se agruparán os 22 barrios para levar a cabo o traballo e que serán dez:

- Caranza,

- Esteiro-Recimil (O Pilar),

- Ensanche A (Inferniño)-Ensanche B (Ultramar),

- San Pablo de Catabois-Santa Mariña-San Xoán de Filgueira,

- Ferrol Vello-Canido-A Magdalena,

- San Felipe-Brión-A Graña-A Cabana,

- San Xurxo-Doniños,

- Covas-Esmelle-Marmancón,

- Serantes

- Santa Icía-Mandiá.

Así mesmo, na dita xuntaza de traballo debatiranse as novas normas de funcionamento para o proceso de Orzamentos Participativos 2011 (que aspectos deberán ser mudados para mellorar o seu desenvolvemento e a xestión interna, cambios no autorregulamento dos Orzamentos Participativos 2010, propostas de modificación, etc).

Segundo avanzou Manuel Santiago, proporase incorporar persoal técnico na elaboración do autorregulamento para facilitar e axilizar a fase de viabilidade das propostas e de deseño dos proxectos coa futura Comisión de Seguimento de 2011.

Tamén levar a cabo accións inmediatas de divulgación do proceso e reforzar a presenza dos Orzamentos Participativos noutras actividades xa programadas como o próximo Pecha Kucha previsto para o 25 de marzo. Nel, o experto internacional en Orzamentos Participativos, Giovanni Alegretti, que participou no Foro Cívico de xaneiro, subirase ao Teatro Jofre a expoñer, cos membros do Grupo Motor, o proceso dos Orzamentos Participativos en Ferrol, en comparación con outras experiencias en Europa.

Manuel Santiago fixo un chamamento á cidadanía para que se sume á xuntanza deste martes e se implique no traballo que se levará a cabo nos barrios e avanzou que nesta nova edición do proceso tratarase de implicar máis activamente á xuventude, comunidades educativas, etc.

Finalmente, anunciou que en próximas datas o departamento de Participación Cidadá abrirá un Rexistro de Cidadáns para dar opción a toda a cidadanía a participar nos consellos sectoriais, foros cívicos, comisión de control de participacion e no propio proceso de Orzamentos Participativos, creando un único rexistro no que a cidadanía atope unha canle de participación co Concello en procesos tanto consultivos como vinculantes.

Tamén para recibir información nos seus domicilios ao respecto e ser consultados sobre programas e políticas municipais que sexan do seu interese.

ferrol.es

29/1/11

OPs -2011 PARA TODA A CIDADE.-

Os orzamentos participativos serán

anuais e esténdense a toda a cidade.

Sábado, 29 de Xaneiro de 2011


O alcalde, Vicente Irisarri, acompañado do edil de Participación Cidadá, Manuel Santiago, inaugurou onte o foro cívico celebrado no centro cultural Carvalho Calero no que se tomaron decisións importantes en canto ao futuro do desenvolvemento e a aplicación dos orzamentos participativos para este ano.

Así, os asistentes ao acto optaron por estender a toda a cidade o proceso de investimento.


Para tomar esta decisión, presentouse aos participantes as alternativas propostas nos encontros de traballo mantidos anteriormente para a ampliación territorial dos orzamentos participativos, e que expuñan ou ben a ampliación a toda a cidade ou a incorporación dun número específico de novos barrios (catro ou seis).



Neste último caso manteríase a presenza dos barrios e parroquias que xa participaron nos anteriores procesos.

Grupos de tres persoas consensuaron unha listaxe de valoracións a favor ou en contra das alternativas presentadas e posteriormente foron recollidas polo equipo técnico.

O último paso foi a votación, a man alzada, e o reconto que permitiu determinar o novo modelo para 2011. Tal e como explicou o responsable das políticas de participación cidadá do Concello, Manuel Santiago, elixiuse "maioritariamente" a extensión do proceso a toda a cidade.


Dentro desta posibilidade expúñase, ademais, que se investise ano a ano ou de forma bienal.

A primeira opción foi a máis valorada e, xa que logo, a que se terá en conta a partir deste momento.
Na reunión de onte quedou constituída a comisión do Grupo Motor encargada do traballo dos orzamentos de 2011 e, deste xeito, empezaranse a perfilar os investimentos para este ano.
O modelo de aplicación a toda a cidade non implica que se aproben unicamente actuacións que afecten a todos os barrios, senón que todas as parroquias e lugares do municipio poden ser beneficiadas.
Na reunión de onte tomaron parte, ademais de cidadáns en xeral, os integrantes do Grupo Motor e a Mesa de Propostas nas edicións de 2010, así como as que integran a Comisión provisional de control do regulamento de participación, a comisión de seguimento dos orzamentos participativos e a dos foros cívicos.

A convocatoria chegou deste xeito aos domicilios dos 22 barrios e parroquias do termo municipal. No encontro deuse conta, ademais, dos resultados obtidos nas edicións anteriores, especialmente do grao de execución dos proxectos seleccionados.

Deste xeito, o edil de Participación, Manuel Santiago, recordou que ata o momento beneficiáronse desta iniciativa as parroquias de San Xurxo, Doniños, Covas e Esmelle e os barrios de Canido, Ferrol Vello, Santa Mariña, San Pablo e San Xoán de Filgueira.
A de 2011 será a terceira experiencia e a esta destínanse tres millóns de euros, o que supón un 5,56% do orzamento municipal.




-Diario de Ferrol.-
-Fotos Blog Comision
Control Participación.-

OS OPs ESTENDERASE A TODA A CIDADE.-

Os orzamentos participativos

chegarán a todo Ferrol.-

29//02//2011.-
Os tres millóns de euros destinados aos orzamentos participativos para este ano distribuiranse entre os barrios e parroquias de todo o municipio.
O Foro cívico celebrado onte no centro cultural Carvalho Calero decidiu por unha ampla maioría estender o modelo que ata agora se aplicou a nove barrios e parroquias -San Xurxo, Doniños, Covas, Esmelle, Canido, Ferrol Vello, Santa Mariña, San Pablo de Catabois e San Xoán- ao resto do concello.
Así o explicou o concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, ao termo do encontro, mostrando a súa satisfacción pola decisión tomada. Recordando as palabras do experto internacional en orzamentos participativos, Giovanni Alegretti, que interveu na sesión, Santiago sinalou que se trata de «un salto cuantitativo» tras o exercicio «experimental» do 2009 e a ampliación a catro novos barrios realizada o pasado ano. «Significa que a cidadanía o que quere é estender este proceso para que todos sexamos partícipes», sinalou.
O 5% das contas do 2011
A ampliación a todo o territorio ferrolán se impuxo á opción de incrementar progresivamente o número de barrios. Os cidadáns poderán decidir o destino do 5,56% dos orzamentos municipais ao longo do proceso.

Ademais, o pasado mércores constituíuse a comisión de seguimento dos orzamentos participativos do 2010, que se encargará de velar polo cumprimento e execución das 25 propostas elixidas e xa aprobadas polo pleno local.
La Voz de Galicia.-

24/1/11

CONVOCATORIA FORO CIDADÁN- OPs -2011

A cidadanía elixirá este venres os barrios
nos que se aplicarán os Orzamentos
Participativos 2011.


· O Concello convoca aos ferroláns e ferrolás a participar no Foro Cívico que se celebrará no Centro Carvalho Calero ás 18.00 e que inaugurará o alcalde, Vicente Irisarri.

· O concelleiro Manuel Santiago avanza que se poderá votar entre incorporar no modelo a toda á cidade ou aumentar de forma progresiva os novos barrios.

· Destaca que este ano se destinarán tres millóns de euros ao proceso, cuxo desenvolvemento estará aberto ás opinións e suxestións dos asistentes á xuntanza


Ferrol, 24 de xaneiro de 2011.-
O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, invitou á cidadanía a participar este venres no Foro Cívico “Orzamentos Participativos 2011: ampliación territorial e prioridades” que se celebrará no Centro Cultural Carvalho Calero entre as 18.00 e as 21.00 horas.
¿O seu obxectivo? Presentar publicamente o inicio deste proceso pioneiro en Galicia correspondente ao presente ano, dar conta dos resultados obtidos nas edicións anteriores -especialmente do grao de execución dos proxectos seleccionados nos mesmos- e decidir participativamente o modelo de ampliación territorial dos Orzamentos Participativos para 2011 (estendelo a toda a cidade ou incorporar un número específico de barrios e parroquias).
Tamén recoller suxestións e opinións da cidadanía para o seu desenvolvemento. E ao fío disto, Manuel Santiago lembrou que ata a actualidade se beneficiaron desta iniciativa un total de 9 barrios e parroquias: San Xurxo, Doniños, Covas e Esmelle -na zona rural- e Canido, Ferrol Vello, Santa Mariña, San Pablo de Catabois e San Xoán de Filgueira -na zona urbana-.

A este respecto, destacou que neste ano, e na que será a terceira experiencia de Orzamentos Participativos, a cantidade reservada ao dito proceso amplíase ata os 3.000.000 millóns de euros, o que supón o 5,56% do orzamento municipal.
Unha porcentaxe significativamente superior á maioría das experiencias que deste tipo se están a desenvolver en España, nas que se destina entre un 2 e 3% do orzamento total.
Así mesmo, Manuel Santiago subliñou que Ferrol ten outra particularidade: o carácter aberto a todas as partidas e concellerías, así como no proceso de toma de decisións.
E como exemplo, referiuse ao modelo territorial que se elexirá neste foro cívico, ao que ademais da cidadanía en xeral están convocadas as persoas que conformaron o Grupo Motor e a Mesa de Propostas nas edicións dos Orzamentos Participativos de 2010, así como as que integran a Comisión Provisional de Control do Regulamento de Participación Cidadá, a Comisión de Seguimento dos Orzamentos Participativos e a Comisión de Seguimento dos Foros Cívicos. Nese senso, remitiuse a convocatoria do dito Foro Cívico a todos os domicilios dos 22 barrios e parroquias do termo municipal de Ferrol.

Xa polo miúdo, o foro será inaugurado polo alcalde, Vicente Irisarri, que estará acompañado polo concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago. A continuación, intervirá a técnica de Participación Cidadá, Maica Rodríguez, que presentará o proceso previsto para 2011 e o nivel de execución dos proxectos que foron aprobados nas dúas primeiras edicións.
Respecto ao esquema de traballo previsto, o edil Manuel Santiago avanzou que se presentará ás persoas asistentes ao dito foro as alternativas propostas nos encontros de traballo mantidos anteriormente para a ampliación territorial dos Orzamentos Participativos: a súa ampliación a toda a cidade ou a incorporación dun número específico de novos barrios.
Neste último caso manterase a presenza daqueles barrios e parroquias que participaron nos anteriores procesos e o número de barrios do rural terá que ser equivalente ao do ámbito urbano -este será de catro barrios en total, ao igual que o pasado ano, ou ben un incremento en 9 zonas, co que se duplicaría o número de barrios e parroquias implicados na actualidade, ou de 6-. Finalmente, se algún dos asistentes o considera imprescindible, poderá suxerir unha terceira alternativa.

O seguinte paso consistirá na formación de grupos de tres persoas que terán que consensuar unha listaxe de valoracións a favor ou en contra das alternativas presentadas.
Unha vez finalizada esta tarefa, irán presentando as súas valoracións, que serán recollidas polo equipo técnico.
Finalmente, os asistentes procederán a outorgar o seu voto a aquel modelo de ampliación que consideren máis pertinente -a votación farase a man alzada-.
O foro finalizará co reconto das votacións e, polo tanto, da identificación do modelo que se seguirá para a ampliación territorial dos Orzamentos Participativos 2011.
Como peche, haberá a partires das 20.15 horas unha actuación do dúo Mofa e Befa.

Saúdos; Gabinete de Comunicación.-

16/1/11

PREPARACIÓN FORO CÍVICO.- 28 XANEIRO-2011

O Concello convoca un foro para elixir os

barrios dos Orzamentos participativos 2011


O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, anunciou na mañá de onte que o centro cultural Carvalho Calero, situado na praza do Inferniño, acollerá o 28 de xaneiro, ás seis da tarde, un foro cívico aberto a toda a cidadanía no que se decidirán os barrios que entrarán a formar parte do proceso de Orzamentos Participativos 2011.

Ata a actualidade beneficiáronse deste proceso San Xurxo, Doniños, Covas e Esmelle, na zona rural; e Canido, Ferrol Vello, Santa Mariña, San Pablo de Catabois e San Xoán de Filgueira, na zona urbana.

Este ano, que será a terceira edición dos Orzamentos Participativos, a cantidade reservada é de tres millóns de euros, que supón o 5,56% das contas municipais.
O concelleiro avanzou que o pasado xoves no salón de recepcións do Concello tivo lugar unha primeira sesión de avaliación sobre o proceso do levado a cabo no 2010.
La Voz de Galicia.-

13/1/11

XUNTANZA -PREPARACIÓN FORO CÍVICO.-


Estimados grupos de traballo;


O próximo xoves 13 de xaneiro ás 18.30 horas terá lugar no Salón de recepcións da Casa do Concello unha xuntanza preparatoria do FORO CÍVICO SOBRE A AMPLIACIÓN DOS ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS DE 2011.

A sesión durará aproximadamente 2 horas e terá como único punto na orde do día a organización do evento programado para o 28 de xaneiro, no que se aprobará o modelo de participación deste ano, os barrios cos que traballar e a avaliación de 2010.

Agardamos a vosa presenza, coa finalidade de mellorar o proceso e construír o novo camiño para os seguintes meses.

Parabéns a todos/as polo traballo realizado ate agora e Feliz 2011.

Unha aperta,
Concellería de participación cidadá


Casa do Concello.

Praza de Armas, s/n. 15402

Ferrol

Tel: 981.944.015 / 981.944.219 / Ext. 202




30/12/10

OPs-2010 AO PLENO DO DÍA 4 XANEIRO-11

As propostas cidadás a financiar con cargo aos
Orzamentos Participativos 2010, a pleno o día 4.
O alcalde, Vicente Irisarri, presentou esta mañá xunto co edil Manuel Santiago os 25 proxectos que se financiarán con cargo aos 1.650.000 euros do proceso de 2010

Ferrol, 28 de decembro de 2010.-
O alcalde, Vicente Irisarri, compareceu esta mañá xunto co concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, para dar conta das 25 propostas que foron aprobadas na Asemblea de Cidade para ser executadas con cargo aos 1.650.000 euros correspondentes ao proceso de Orzamentos Participativos de 2010 e que serán levadas ao pleno extraordinario do vindeiro 4 de xaneiro para ser aprobadas.

Un proceso pioneiro en Galicia que, tal e como subliñou o rexedor, é xa unha realidade viva, non un proxecto, que se ten convertido nun sinal de identidade do goberno socialista e cuxa continuidade asegurou de cara ao vindeiro ano ao ser un proceso polo que está a apostar a cidadanía de Ferrol independentemente da súa cor política.

O acto desta mañá, no que tamén participaron representantes do Grupo Motor e da Comisión Provisional de Seguimento dos Orzamentos Participativos, serviu tamén para dar a coñecer o grao de execución das 14 propostas que foran aprobadas na primeira experiencia de Orzamentos Participativos que se iniciou nos barrios de Santa Mariña, San Xoán e San Pablo de Catabois -na zona urbana- e Doniños e San Xurxo -na zona rural-. Destas, que sumaron na súa totalidade un investimento de 350.000 euros, cinco están xa rematadas, e o resto, pendentes ou en vías de execución.

Xa polo miúdo, o edil Manuel Santiago informou de que o pleno de Ferrol someterá a debate e aprobación estas 25 novas propostas cidadás que se financiarán con cargo aos 1.650.000 euros dos Orzamentos Participativos nos barrios antes citados e en Ferrol Vello, Canido, Esmelle e Covas. De recibir o visto bo da corporación municipal que preside Vicente Irisarri, os proxectos propostos entrarían en fase de contratación -xunto coa súa cuantía económica, inclúense na proposta de orzamentos xerais para deste xeito asegurar a súa execución no vindeiro ano-.

Estes son os seguintes:

-Continuación do carril bici ata o cruce da estrada de Lobadiz e beirarrúas ata a estrada xeral (145.000 euros),

- Mellora de acceso a Internet na zona rural (100.000 euros),

-Melloras e cambio na pavimentación das pistas do polideportivo do CEIP de San Xoán de Filgueira (65.000 euros),

-Arranxar beirarrúas de Vila de Area á Vila da Igrexa e colocación de varandas (57.000 euros),

- Colocación de puntos de luz desde paseo marítimo á Vila de Area (45.000 euros),

-Acondicionamento de cunetas na zona rural (120.000 euros),

-Comedor social en San Pablo (49.500 euros),

-Recollida e limpeza de fosas sépticas en San Xurxo e Doniños (156.000 euros),

-Alumeado na estrada principal do paseo marítimo de Doniños (58.860 euros),

- Recollida e limpeza de fosas sépticas en Covas e Esmelle (180.880 euros),

-Axilización de inventariado para a recuperación de fontes, lavadoiros e camiños públicos (7.800 euros),

-Programas de atención a persoas maiores (97.000 euros),

- Programa de prevención da delincuencia (30.960 euros),

-Parque urbano no Campo de Tiro de Catabois (294.000 euros),

- Formación de monitores de tempo libre (5.000 euros),

-Aparcadoiros nas praias de Covas (41.020 euros),

- Parque biosaudable en San Xoán (12.000 euros),

-Realización dunha experiencia piloto de animación sociocultural na zona rural dos Orzamentos Participativos (106.000 euros),

- Construción dun parque biosaudable e infantil no solar anexo ao Local Social de Covas (16.700 euros),

- Posta en valor dos montes do Concello:recuperación da flora autóctona (8.000 euros),

- Fomento do transporte en bicicleta en Ferrol Vello e Canido (6.000 euros),

- Plan de Ordenación forestal da zona rural (23.000 euros),

- Acondicionamento e pasarela peonil na lagoa de Doniños (13.000 euros),

- Plan de limpeza de solares de Ferrol Vello (6.000 euros),

- Bandas sonoras na rúa Celso Emilio Ferreiro e estrada alta do Porto (1.350 euros).

-----------------------------------------------


Respecto aos 14 proxectos dos Orzamentos Participativos de 2009, o concelleiro Manuel Santiago avanzou que cinco están xa rematados. Estes son o proxecto de descentralización cultural Culticipando, que se desenvolveu en dúas fases (na zona rural e urbana), Acondicionamento de ríos e fontes (rehabilitación da fonte e lavadoiro de Fontemaior), Fomento da participación cidadá (realización de cinco foros cívicos) e Sinalización e mellora da visibilidade dos cruces en Doniños.

En canto aos proxectos iniciados ou pendentes de execucións, estes son a recollida municipal de 50 fosas séticas en San Xoán, Santa Mariña e San Pablo -o prazo de solicitude para adherirse ao mesmo remata o 15 de xaneiro-, a construción dun parque saudable en San Pablo, a construción dun parque infantil tamén en San Pablo e o acondicionamento de zonas verdes e parques en San Pablo.

Finalmente, están pendentes o parque saudable en Santa Mariña -atópase en fase de contratación os equipamentos para o parque, unha vez que a AVV de Santa Mariña cedeu ao Concello os terreos para a súa instalación-, a Limpeza, sinalizacion e promoción de rutas de sendeirismo (pendente de adxudicación), Sinalización parroquial con materiais adaptados ao contorno (pendente de adxudicación), Rede de sumidoiros na rúa Toxos, en San Xoán (redactado o proxecto) e Fomento da Actividade agroforestal (está pendente e prevese o seu inicio para o primeiro trimestre de 2011).

A este respecto, Ana Beceiro, en representación da Comisión de Seguimento dos Orzamentos Participativos, amosou a súa satisfacción polo grao de desenvolvemento destas propostas, situación que anima á dita Comisión a seguir traballando de cara ao 2011. Así mesmo, Manuel Fernández, do Grupo Motor, destacou a participación cidadá no proceso e agradeceu ao Concello a oportunidade que brindou á cidadanía para elixir o destino dos Orzamentos Participativos, ao tempo que subliñou o feito de que as propostas de 2010 estivesen moi repartidas nos diferentes barrios.

O alcalde, Vicente Irisarri, e o edil Manuel Santiago agradeceron pola súa banda o esforzo dos veciños e veciñas que participaron nestes procesos nos que se elixiron proxectos axeitados á realidade, tal e como significou Irisarri, quen amosou estar satisfeito pola cidade de Ferrol neste proceso. Un proceso que, afirmou, non é de ninguén en concreto senón da cidadanía.


Saúdos; Gabinete de Comunicación

28/12/10

ASEMBLEA DE CIDADE - APROBACIÓN DE PROPOSTAS




PROPOSTAS APROBADAS

Asemblea de Cidade

(18.12.2010)

Nº / Denominación das propostas / Orzamento


1 .- Continuación carril bici ata o cruce da estrada de Lobadiz, e beirarrúas ata a estrada xeral. - 145.000,00 €.


2 .- Mellora de acceso a internet na zona rural. - 100.000,00 €.

3 .- Melloras e cambio na pavimentación das pistas do Polideportivo do CEIP de San Xoán de Filgueira. - 65.000,00 €.

4 .- Arranxar beirarrúas de Vila de Area á Vila da Igrexa e colocación de varandas.- 57.000,00€



5 .- Colocación de puntos de luz desde paseo marítimo á Vila de Area. - 45.000,00 €.

6 .-Acondicionamento cunetas (zona rural). - 120.000,00 €

7 .- Comedor social no barrio de San Pablo. - 49.500,00 €.

8 .- Recollida e limpeza de fosas sépticas (San Xurxo-Doniños). - 156.000,00 €.

9 .- Alumeado na estrada principal do paseo marítimo de Doniños. - 58.860,00 €.

10 .- Recollida e limpeza de fosas sépticas (Covas-Esmelle). - 180.880,00 €.

11 .-Axilización de inventariado para recuperación de fontes, lavadoiros e camiños públicos. 7.800,00 €.

12 .-Programas de atención ás persoas maiores. - 97.000,00 €.

13 .- Programa de prevención da delincuencia. - 30.960,00 €.

14 .- Parque urbano no Campo de Tiro (Catabois). - 294.000,00 €.

15 .- Formación de monitores de tempo libre. - 5.000,00 €.

16 .- Aparcadoiros nas Praias de Covas. - 41.020,00 €.

17 .- Parque biosaudable (San Xoán). - 12.000,00 €.

18 .- Realización dunha experiencia piloto de animación sociocultural na zona rural dos OP.
106.000,00 €.

19 .- Construción dun parque biosaudable e infantil no solar anexo ao Local Social de Covas.
16.700,00 €.

20 .- Posta en valor dos montes do concello: recuperación de flora autóctona. - 8.000,00 €.

21 .- Fomento do transporte en bicicleta (Ferrol Vello-Canido). - 6.000,00 €.

22 .- Plan de ordenación forestal da zona rural. - 23.000,00 €.

23 .- Acondicionamento e pasarela peonil na lagoa de Doniños. - 13.000,00 €.

24 .- Plan de limpeza de solares de Ferrol Vello. - 6.000,00 €.

25 .- Bandas sonoras na R/Celso Emilio Ferreiro e estrada alta do porto. - 1.350,00 €


ferrol.es

19/12/10

ASEMBLEA CIDADE -OPs-2010



Nove barrios de Ferrol repartíronse

democraticamente 1.650.000 euros




Domingo, 19 de Decembro de 2010.


Nove barrios ferroláns repartíronse onte democraticamente 1.650.000 euros.
A Asemblea de Cidade que se celebrou onte en FIMO para decidir sobre o destino do orzamento participativo do presente exercicio 2010 contou co voto de 287 veciños.
Como resultado, executaranse 24 das 56 propostas presentadas e os fondos repartiranse entre infraestruturas, servizos ou iniciativas culturais.
Os responsables da Asemblea de Cidade destacaron que o resultado foi "moi repartido".
A reunión comezou coa presentación das propostas, a súa defensa por parte dos seus impulsores e o debate, cos presentes, para aclarar dúbidas. A continuación produciuse a votación, que estivo amenizada por unha actuación da Banda de Música de Ferrol.
De máis a menos votadas, as propostas que saíron adiante e que xa que logo acometeranse con cargo aos orzamentos participativos son:
- o carril bici ata o cruzamento da estrada de Lobadiz (145.000 €);

- a mellora do acceso a internet na zona rural (100.000 €);

- a pavimentación e adecuación de pistas na zona do CEIP de San Xoán de Filgueira (650.000 €);

- beirarrúas desde Vila de Area a Vila dá Igrexa, en San Xurxo (57.000 €);

- instalación de puntos de luz en Vila de Area (450.000 €);

- carril-bici de Fontá a Outeiro (475.000 €);

- posta en marcha dun comedor social no centro cívico de San Pablo (49.500 €);

-limpeza de fosas sépticas en San Xurxo e Doniños (156.000 €);

- alumado na estrada principal do paseo de Doniños (58.860 €);

- limpeza de fosas sépticas en Covas-Esmelle (180.880 €);

- axilización do inventario para a recuperación de fontes e lavadoiros (7.800 €);

- programa de atención a persoas maiores (97.000 €);

- prevención da delincuencia na zona de San Pablo (30.960 €);

- parque urbano no campo de tiro de Doniños (294.000 €);

- formación de monitores de tempo libre (5.000 €);

- aparcadoiros na zona de Covas (41.020 €);

- parque biosaludable en San Xoán de Filgueira (120.000 €);

- experiencia piloto de animación sociocultural en Covas, Esmelle, San Xurxo e Doniños (106.000 €);

- parque biosaludable e infantil en Covas (16.700 €);

- posta en valor de montes (8.000 €);

- fomento do uso da bicicleta en Ferrol Vello e Canido (6.000 €);

- acondicionamento de pasarela peonil en Doniños (13.000 €);

- limpeza de solares en Ferrol Vello (6.000 €) ;

- bandas sonoras na rúa Celso Emilio Ferreiro (1.350 €).

Diario de Ferrol.-

FORO CÍVICO - MODELO CIDADE

17/12/10

ASEMBLEA DE CIDADE.-




Máis de 1.200 veciños están chamados a

votar na Asemblea de Cidade para elixir

as propostas a financiar cos 1.650.000 euros

dos Orzamentos Participativos 2010

Venres, 17 de decembro de 2010
O edil Manuel Santiago avanza que se celebrará este sábado en FIMO entre as 16.30 e as 20.00 horas e para poder exercer o dereito ao voto hai que inscribirse no Rexistro de Votantes.

Anuncia que as propostas se poden consultar nos locais sociais dos barrios, na web www.ferrol.es e no departamento de Participación Cidadá. @s veciñ@s poderán anotarse ao inicio da Asemblea para defender algunha das propostas ou formar parte da Comisión de Seguimento que velará polo seu cumprimento.

O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, anunciou que un total de 1.258 persoas están chamadas a votar na Asemblea de Cidade que se celebrará este sábado na Feira Internacional de Mostras (FIMO) e na que os veciños e veciñas de Ferrol poderán elixir aquelas propostas seleccionadas previamente nas asembleas de barrio para ser executadas con cargo ao 1.650.000 euros dos Orzamentos Participativos.
A dita Asemblea desenvolverase entre as 16.30 e as 20.00 horas e con este motivo as propostas estarán expostas para poder ser consultadas pola cidadanía. ¿Onde? Nos locais sociais dos barrios, na web municipal (www.ferrol.es) e no propio Departamento de Participación Cidadá (primeiro andar do pazo municipal).

O edil Manuel Santiago invitou á cidadanía a asistir a esta Asemblea de Cidade que dará a oportunidade aos veciños e veciñas de debater cales son as súas necesidades prioritarias e decidir deste xeito o destino dunha parte do orzamento municipal a través dos Orzamentos Participativos.

Un proceso pioneiro en Galicia que se iniciou en 2009 nos barrios de San Xoán de Filgueira, San Pablo de Catabois e Santa Mariña -na zona urbana- e nas parroquias de San Xurxo e Doniños -na zona rural-.
No 2010 o proceso ampliouse a Covas, Esmelle, Ferrol Vello e Canido, polo que son 9 os barrios que se beneficiarán das iniciativas e proxectos máis votados na Asemblea de Cidade.

A este respecto, lembrou a necesidade de acudir provisto do DNI ou outro documento identificativo como o carné de conducir ou o pasaporte para poder votar as propostas. E ao fío disto, subliñou que só poderán exercer o dereito ao voto aquelas persoas que se inscribiran anteriormente no Rexistro de Votantes ou o fagan mesmo antes do comenzo da dita Asemblea de Cidade -ata o momento, son 1.258 as persoas inscritas-.

O edil de Participación Cidadán anunciou así mesmo que antes do seu comenzo a cidadanía terá a oportunidade de comunicar se quere facer a defensa dalgunha das propostas que foron seleccionadas previamente para ser votadas nas asembleas de zona de Covas-Esmelle, Ferrol Vello-Canido, Doniños-San Xurxo e San Pablo, Santa Mariña e San Xoán.

Tamén ao inicio da mesma deberase comunicar se se desexa participar na Comisión de Seguimento das propostas dos Orzamentos Participativos de 2010.

Xa polo miúdo, e respecto ao desenvolvemento da Asemblea de Cidade, o edil Manuel Santiago avanzou que tras as inscricións no Rexistro de Votantes e para intervir en defensa de propostas concretas, iniciarase a asemblea, na que intervirán a técnica de Participación Cidadá, Maica Rodríguez, membros do Grupo Motor e representantes da Mesa de Propostas, que farán unha presentación xeral das propostas que se someterán a votación. Posteriormente, as persoas apuntadas para intervir poderán presentar os seus argumentos pedindo o voto para a súa proposta.

O inicio da votación está previsto para as 18.30 horas e o remate, para ás 19.00 horas.
A partires dese momento o equipo técnico realizará o reconto dos votos ao tempo que haberá actividades musicais para amenizar o proceso.

O resultado darase a coñecer a partir das 19.45 horas e a continuación informarase da proposta de relación de persoas apuntadas ao inicio da Asemblea de Cidade para formar parte da Comisión de Seguimento correspondente ao ano 2010.

-ferrol.es

20/11/10

PRESENTACION DOS FOROS CÍVICOS.



O Concello de Ferrol activa os Foros Cívicos


recollidos no Regulamento de Participación Cidadá


Xoves, 4 de novembro de 2010


Serán un total de cinco e celebraranse no Centro Cultural Carvalho Calero nos meses de novembro e decembro.


A democracia participativa, as políticas de xuventude, a posta en valor do patrimonio e o medio ambiente ou as novas tecnoloxías son algunhas das temáticas que se abordarán.


O edil Manuel Santiago e membros das comisións de seguimento e control destacaron a importancia destes órganos como instrumentos de reflexión e participación.

O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, anunciou a constitución dos cinco foros cívicos que foran aprobados ao abeiro do proceso de Orzamentos Participativos de 2009, proceso pioneiro en Galicia en cuxa primeira experiencia participaron os barrios de San Xoán de Filgueira, San Pablo de Catabois e Santa Mariña -na zona urbana- e as parroquias de Doniños e San Xurxo -na zona rural-.

Os ditos foros aprobáronse no seno da asemblea urbana por un importe de 18.000 euros e activaranse este mesmo venres no Centro Cultural Carvalho Calero.

Na súa presentación o edil estivo acompañado por integrantes da Comisión de Seguimento de Orzamentos Participativos e da Comisión Provisional de Control do Regulamento de Participación Cidadá: Pilar Rodríguez, Luis Espiñeira, Andrés Rodríguez, Luis Taboada e Ana Beceiro.

Todos eles destacaron a necesidade destes órganos de reflexión e debate ao constituír unha ferramenta de participación cidadá de grande importancia para o conxunto de todo o tecido asociativo. ¿As súas temáticas? Democracia participativa, as políticas de xuventude, a posta en valor do patrimonio e o medio ambiente, as novas tecnoloxías e o aforro enerxético e o ordeamento urbanístico, entre outras.

A este respecto, o edil Manuel Santiago avanzou que serán cincos os foros que se celebrarán ao longo dos meses de novembro e decembro. Este foron acordados nos dous grupos de traballo dos Orzamentos Participativos e do Regulamento de Participación Cidadá, os cales deseñaron conxuntamente as actividades. Ademais, subliñou que os ditos foros cívicos están contemplados no Regulamento de Participación, no que se recolle a súa función. Neste senso, Manuel Santiago explicou que os foros cívicos son órganos de reflexión e debate cidadá, de formulación de propostas e de control da execución das mesmas cando sexan aprobadas polo Concello de Ferrol.

Así mesmo, permiten a participación cidadá en cuestións que afectan a máis dunha área ou sector de actividade municipal. Son, polo tanto, órganos de carácter transversal ou interdepartamental que teñen entre os seus cometidos promover a colaboración entre asociacións, persoas expertas e vinculadas ás temáticas que se aborden nos foros.

Outra das súas funcións é canalizar a participación directa na xestión municipal dos asuntos que afecten a máis dunha área orgánica da actividade municipal, das persoas e das entidades afectadas ou interesadas, establecendo os mecanismos necesarios de información, estímulo e seguimento das actividades municipais.

Tamén participar na toma de decisións sobre as medidas a adoptar polo Concello na temática do foro escoitando e debatindo as demandas cidadás e elaborando propostas en forma de dictames e informes.

Finalmente, controlarán a execución, por parte do Concello, das actuacións que tivese aprobado a partires dos informes emitidos polo foro.

Tal e como explicou o concelleiro Manuel Santiago, cada un dos cinco foros programados centrarase nunha temática específica que afecta a máis dunha área orgánica de actividade e pretenden, por tanto, canalizar a participación directa na xestión municipal da cidadanía.

O calendario dos foros cívicos coas súas temáticas é o seguinte:


- VENRES 5 DE NOVEMBRO. “Democracia participativa. Promoción da participación cidadá no tecido social e administrativo. Corresponsabilidade”.


- SÁBADO 6 DE NOVEMBRO. “As políticas de xuventude e a participación cidadá”.


- VENRES 19 DE NOVEMBRO. “Posta en valor do patrimonio e o medio ambiente”.


- SÁBADO 20 DE NOVEMBRO. “Novas tecnoloxías, aforro enerxético e enerxías alternativas”.


- VENRES 17 DE DECEMBRO. “O modelo de cidade que queremos. Ordenamento urbanístico e compromisos sostibles coa cidadanía”.


Respecto ao lugar e horario de celebración, todos eles serán no Centro Cultural Carvalho Calero, ubicado na Praza do Inferniño.

Os venres desenvolveranse de 18.00 a 21.00 horas e os sábados, de 11.00 a 14.00 horas.

O concelleiro Manuel Santiago fixo un chamamento á participación cidadá neste foros cívicos, un aspecto no que tamén incidiu Ana Beceiro, membro da Comisión Provisional de Control do Regulamento. Neste senso, fixo unha invitación especial á participación no foro que se celebrará este venres sobre democracia participativa, xa que nel se poderá acordar o modelo de ampliación a novos barrios do proceso de Orzamentos Participativos do 2011.

Pola súa banda, Luis Espiñeira, integrante da mesma Comisión, valorou moi positivamente a posibilidade que teñen os veciños e veciñas de participación na elaboración da política municipal coa posta en marcha de novos órganos contemplados no Regulamento, xa que deste xeito se camiña de cara a unha xestión compartida entre o Concello e a cidadanía.

ferrol.es

XUNTANZA DA COMISION DE CONTROL COS GRUPOS POLÍTICOS.

A Comisión Provisional de Control do Regulamento


de Participación reuniuse cos grupos políticos


municipais para impulsar o seu desenvolvemento.


Mércores, 27 de outubro de 2010.

O edil Manuel Santiago anunciou que a Comisión mantivo un encontro cos representantes políticos.

A creación da figura do Defensor da Cidadanía ou da Oficina e Comisión de Suxestións e Reclamacións son algunhas das necesidades que se plantexarán na reunión.

O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, informou de que a Comisión Provisional de Control do Regulamento de Participación Cidadá mantivo un encontro coas cinco forzas políticas con representación na corporación municipal.

Foi no pazo muncipal e o seu obxectivo era acadar darlle un impulso ao desenvolvemento do dito Regulamento e facilitar a posta en marcha dalgunhas das figuras contempladas neste documento, tales como o Defensor da Cidadanía ou a Oficina e Comisión de Suxestións e Reclamacións, entre outras.

A finalidade, tal e como subliñou o edil, é traballar en conxunto para que este Regulamento de Participación Cidadá se desenvolva o mais rapidamente posible. E ao fío disto, o concelleiro Manuel Santiago destacou que xa se teñen dado pasos ao respecto.

O último deles, a xuntanza que a Comisión Provisional de Control, integrada por once persoas do anterior Grupo de Análise e Propostas (GAP) do proceso de Orzamentos Participativos 2009 mantivo a semana pasada cos representantes municipais de Facenda e Turismo; Muller e Benestar Social; Recursos Humanos; Medio Ambiente, e Participación Cidadá.

Nela adoptáronse diversos acordos como o deseño e posta en marcha dun formulario para a recollida de queixas e suxestións que estaría dispoñible na web municipal e a creación dunha carpeta (física) específica no Rexistro Xeral do Concello para tramitar as queixas e suxestións directamente co departamento de Participación Cidadá.

Así mesmo, incidiuse na necesidade de crear a figura do Defensor da Cidadanía como garante do estudo e seguimento dos problemas dos cidadáns e cidadás ante a Administración municipal. A este respecto, o edil Manuel Santiago informou de que está pendente o estudo de viabilidade da Oficina do Defensor da Cidadanía.

Estes foron algúns dos aspectos que se abordaron na xuntanza que se celebrou no Concello e na que a Comisión Provisional de Control do Regulamento de Participación Cidadá transmitiu as súas demandas e inquedanzas en relación aos orzamentos da área de Participación Cidadá aos grupos políticos municipais.

Entre estas, a necesidade de incrementar o orzamento desta área para axilizar a aplicación do dito Regulamento.

A posta en marcha do Rexistro Municipal de Cidadáns para darlle á cidadanía a opción de colaborar na acción municipal a través dos órganos de participación vixentes en cada área ou o impulso dos consellos sectoriais municipais vixentes foron outros aspectos nos que fixeron fincapé os once integrantes da Comisión Provisional de Control do Regulamento de Participación Cidadá e que trasladaron aos grupos con representación na corporación.

Respecto a este último punto, o concelleiro Manuel Santiago subliñou o interese da dita Comisión por darlle un pulo a estes consellos tanto en canto á frecuencia como mediante a incorporación aos mesmos tanto do movemento asociativo como de cidadáns a título individual.

ferrol.es

A COMISION TÉCNICA PRIORIZA 80 PROPOSTAS

A Comisión Técnica inicia o cálculo orzamentario das 80 propostas que se someterán a votación na Asemblea de Cidade do próximo 27 de novembro
Luns, 25 de outubro de 2010
As delegacións da Mesa de Propostas están priorizando as iniciativas aplicando os criterios do Regulamento.
O edil Manuel Santiago destaca que os Orzamentos Participativos de Ferrol presentaranse na Coruña nunhas xornadas enmarcadas nun proxecto europeo sobre democracia local e participación
O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, avanzou que a Asemblea de Cidade na que se votarán as propostas que serán financiadas con cargo á partida de 1.650.000 euros reservada ao proceso de Orzamentos Participativos de 2010 se celebrará o 27 de novembro.
Será neste encontro cando os veciños e veciñas elixan de entre as 80 propostas que se someterán a votacións aquelas a executar nos nove barrios e parroquias seleccionadas neste proceso pioneiro en Galicia: San Pablo de Catabois, San Xoán de Filgueira, Santa Mariña, Ferrol Vello e Canido -na zona urbana- e Doniños, San Xurxo, Covas e Esmelle -na zona rural-.
E ao fío disto, o edil informou de que, tras a celebración este mércores do encontro entre os coordinadores das Mesas de Propostas que foron elixidos nas Asembleas de Zona e os integrantes da comisión técnica dos Orzamentos Participativos, a dita comisión iniciou a fase de cálculo orzamentario das 80 propostas que irán á Asemblea de Cidade.
E ao fío disto, puntualizou que se terán en conta as 10 propostas máis votadas en cada Asemblea de Zona (Covas-Esmelle, Ferrol Vello-Canido, Doniños-San Xurxo e San Pablo de Catabois, Santa Mariña e San Xoán de Filgueira) como propostas de reserva no caso de que a suma total do conxunto non chegue aos 1.650.000 euros dos Orzamentos Participativos 2010.
Así mesmo, o concelleiro Manuel Santiago subliñou que xa comenzaron as sesións de traballo para priorizar as iniciativas coas delegacións da Mesa de Propostas. Nestas xuntanzas estanse a aplicar os criterios recollidos no Regulamento de Orzamentos Participativos 2010, no que se priman as propostas que afecten a nivel de investimento e mantenemento.
Entre estas, aquelas que eviten o grao de abandono dun barrio, o seu illamento en comunicacións e infraestruturas e a mellora da fisionomía urbana. Tamén a atención ás necesidades básicas e calidade de vida.
Respecto ás propostas de actividades e programas, primaranse aqueles proxectos que atendan a determinados colectivos como son o de mulleres, persoas con diversidade funcional ou de persoas desfavorecidas, entre outros.
Estas sesións iniciáronse no CEIP de San Xoán de Filgueira e Bertón coas propostas relativas ás zonas de San Pablo, Santa Mariña e San Xoán e na Aula de Ecoloxía Urbana, coas referentes aos barrios de Ferrol Vello e Canido. Tamén celebráronse as xuntanzas de traballo correspondente ás parroquias de Doniños e San Xurxo (no local da Asociación de Veciños desta última parroquia) e a de Covas e Esmelle (neste caso, no local da Asociación de Veciños de Covas).
Finalmente, o edil de Participación Cidadá destacou que a experiencia de Orzamentos Participativos de Ferrol presentarase nunhas xornadas enmarcadas no proxecto europeo “Democracia local y participación ciudadana”, organizadas pola Fundación Democracia y Gobierno Local e a Deputación Provincial da Coruña.
Será o próximo 28 de outubro na Coruña.
ferrol.es

25/10/10

XUNTANZA CONCELLEIR@S - COMISIÓN DE CONTROL PROVISIONAL R.P.C.



Reunión da Comisión provisional de control


do Regulamento de Participación Cidadá e


representantes de diversas concellerías


Data: 20.10.2010.
Lugar: Sala de comisións, Casa do Concello de Ferrol.
Hora: 19,30 horas.

Persoas asistentes á sesión:

Como representantes cidadás da comisión:

§ - Xosé Manuel Sanxoan Caamaño.
§ - Ana Beceiro Mosquera.
§ - Magdalena González Grandal.
§ - José María Fontao Pita.
§ - Luis María Tabeada González.
§ - José Espiñeira Rivas.

Como representantes das concellerías implicadas:

- Ramón Veloso (como concelleiro delegado das áreas de Turismo, de Facenda e de
Modernización Municipal)
- María López Fernández (como concelleira delegada das áreas de Muller e de Benestar
Social)
- María Sandra Ríos Bouza (como concelleira delegada de RR.HH)
-Rafael Beceiro (como concelleiro delegado de Medio Ambiente)
-Manuel Santiago Pérez (como concelleiro delegado de Participación Cidadá e Normalización Lingüística)


Orde do día e desenvolvemento da sesión
A sesión ten por obxecto 2 asuntos a tratar entre a comisión e os/as representantes das distintas concellerías:

A activación e actualización dos consellos sectoriais, co obxecto de adaptalos ao Regulamento de Participación Cidadá (RPC).

-A posta en marcha de determinados órganos contemplados no RPC (en especial a oficina de queixas e suxestións e a figura do defensor/a da cidadanía)
-A valoración de necesidades orzamentarias e orgánicas para a posta en marcha de novos órganos de participación e de atención á cidadanía.

Comeza a sesión realizando unha explicación do seu obxecto e instando á necesidade de constituir os foros cívicos, dada a súa próxima celebración en novembro-decembro.

En relación ao desenvolvemento do RPC, faise especial fincapé:

No impulso dos 5 consellos sectoriais vixentes (Muller, Benestar Social, Turismo, Medio Ambiente, Lingua[1]), a nivel de frecuencias na celebración das sesións, e coa incorporación tanto do movemento asociativo –e a creación de vicepresidencias- como de cidadáns a título individual na súa composición.

Por parte dos/das concelleiros/as que coordinan os consellos sectoriais hai dispoñibilidade para adecualos á normativa do RPC.

Neste sentido, acórdase poñer en marcha o rexistro de cidadáns para a participación, dándolle a opción á cidadanía a colaborar na acción municipal a través dos órganos de participación vixentes en cada área e momento.

No que respecta á composición dos consellos relativa aos representantes das entidades veciñais, aclárase que é competencia das propias entidades resolver os problemas que se derivan do funcionamento irregular da Federación de AA.VV. e acórdase facer unha reunión para poñer ao día a representación nestes consellos.

Acordase que, dende Participación Cidadá, se remita ás 5 áreas que coordinan consellos sectoriais, as normas que figuran no RPC.

Dende a Comisión de Control infórmase sobre a necesidade da creación da Oficina de suxestións e reclamacións e tamén da Comisión que defenda os dereitos da cidadanía na súa relación coa administración local -Comisión de suxestións e reclamacións-.

Ante estas peticións, a Concelleira delegada de Persoal -RRHH propón crear unha oficina que centralice estas cuestións e que funcionaría como un rexistro propio dependente da Concellería de Participación Cidadá (tal como se recolle no RPC), cos recursos dos que dispón actualmente. Esto facilitaría os trámites para a súa creación ao non ter que facer ningunha modificación orzamentaria.

Tamén se acorda facer as xestións para crear a Comisión de suxestións e reclamacións, aínda que, ao ter que ser aprobado en Pleno, deberá contar coa aprobación dos resto dos Grupos Municipais.

Infórmase tamén da necesidade de crear a figura do Defensor/a - Valedor/a da Cidadanía como garante do estudio e seguimento dos problemas dos cidadáns ante a administración municipal.

Non obstante, queda pendente o estudo de viabilidade da oficina do defensor/a da cidadanía.

Asimesmo, a Comisión manifesta a necesidade de ampliar o orzamento da concellería de Participación. Este tema, e o asunto anterior, serán tratados na reunión cos grupos municipais.

Lémbrase que esta sesión de traballo entre a comisión provisional de control do RPC e os 5 grupos municipais, está convocada para o 26.10.10 ás 19,30 horas no salón de recepcións.

Acordos tomados-

Deseño e posta en marcha dun formulario para a recollida de queixas e sugestión, dispoñible na web municipal. Creación dunha carpeta (física) específica en Rexistro Xeral para a tramitación de queixas e suxestións directamente co departamento de Participación Cidadá.
Posta en marcha do rexistro municipal de cidadáns.
Aprobación e divulgación.

Cuestións pendentes (en relación aos acordos tomados)

Incorporar na sesión da comisión informativa de participación cidadá a iniciativa de posta en marcha do rexistro municipal de cidadáns para a participación, como paso previo ao pleno.

Reunión co persoal técnico e político dos consellos sectoriais para a actualización do funcionamento interno dos mesmos, unha vez que se publicite o rexistro municipal de cidadáns para a participación.

Ideación dun procedemento administrativo para a tramitación de queixas e suxestións e unha aplicación informática para a posta en marcha.


Cuestións resoltas á entrega desta acta

Divulgación dos acordos tomados na sesión aos medios de comunicación a través do gabinete de prensa.
Oficio dirixido ás concellerías, solicitando a actualización dos regulamentos de funcionamento interno de cada consello sectorial, coa finalidade de que se adapten ao Regulamento de Participación Cidadá, en especial no apartado de composición dos consellos.

Entréganse exemplares do RPC (publicacións)

[1] Non se ten en conta nesta análise ao Consello Escolar Municipal, que posúe unha normativa propia de carácter autonómico para a celebración das súas sesións e o desenvolvemento da súa actividade.


- Comisión de Control Provisional do R.P.C .-