21/12/09

2ª ASEMBLEA ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS - VOTACIÓN.-

Ferrol Luns 21 de Decembro de 2009
RUTAS DE SENDEIRISMO OU SINALIZACIÓNS

FORON ALGUNHAS DAS PROPOSTAS

APROBADAS ONTE.

Os veciños seleccionaron seis actuacións para as zonas de Doniños e San Xurxo

A participación foi masiva no acto de onte.

jorge meis REDACCIÓN > FERROL.
O salón de actos de FIMO acolleu onte a segunda asemblea de orzamentos participativos para seleccionar os proxectos que se executarán con cargo á partida de 350.000 euros que o documento económico de 2009 destina a este fin.

Se a semana pasada foron os veciños rexistrados da zona urbana os que efectuaron as votacións, onte foi a quenda dos da zona rural.

Un total de 304 persoas (220 de Doniños e 84 de San Xurxo) estaban chamadas ás urnas para votar as 21 propostas que se seleccionaron e que se axustaban aos 140.000 euros que se destinan á zona rural.


Finalmente, votaron 132 persoas aínda que á asemblea acudiron moitos máis veciños das dúas parroquias.
Cada participante dos que estaba rexistrado efectuou un voto e dispuxo de 10 puntos para achegar, que se sumarían aos alcanzados polos criterios de priorización determinados pola mesa de propostas. Unha vez pechado o proceso electoral, foi preciso un traballo de reconto que levou á selección dun total de seis actuacións que alcanzan un montante económico de 147.187 euros.

Para axustar as cifras, xa que se dispuñan de 140.000 euros, utilizarase o colchón económico sobrante das propostas seleccionadas pola zona urbana, que ascendía a 10.000 euros.
A maioría das actuacións elixidas onte afectan ás dúas parroquias de xeito conxunto e recibiron entre 1.083 puntos a máis valorada e 484,65 a menos.
Algunhas propostas obtiveron maior puntuación que as finalmente seleccionadas pero superaban a contía económica da que se dispuña. Deste xeito, os proxectos que levarán a cabo son:

- a limpeza e sinalización das rutas de sendeirismo (60.000 euros),
- acondicionamento de ríos e fontes (10.000 euros),
- descentralización de actividades socioculturais (40.000 euros),
- mellora da visibilidade dos cruces de Doniños (1.187 euros),
- sinalización parroquial con materiais adaptados á contorna (18.000 euros)
- fomento da actividade agroforestal (18.000 euros).

Diario de Ferrol.-

----------------------------------------------------------------------------------------------------

orzamentos participativos.

A zona rural verase mellorada con seis

obras elixidas polos seus veciños.

As actuacións seleccionadas potenciarán

as rutas de sendeirismo e a limpeza de

ríos e fontes.

Case o 45% dos cidadáns con dereito a voto acudiron

á asemblea dos orzamentos participativos.

Autor:
Antía Urgorri

Unha semana despois de que votasen os veciños da zona urbana as obras dos orzamentos participativos, onte tocoulle a quenda aos da zona rural, en concreto de San Xurxo e Doniños.
A presenza de veciños, neste caso, foi maior que na pasada asemblea. O Concello convocara a un total de 304 persoas, que son as rexistradas no censo de participantes, e achegáronse a votar 132 ferroláns, o que quere dicir que depositaron as súas preferencias na urna case o 45%.
Ao final, seis serán os proxectos a executar.

O modus operandi foi similar ao de hai unha semana.
O acto arrincou cunha serie de intervencións, que correron a cargo do concelleiro de Participación, Manuel Santiago; o alcalde, Vicente Irisarri; e dous integrantes do grupo motor: Nieves Pérez, en representación dos veciños de San Xurxo; e María José Fernández, que preside a entidade veciñal de Doniños.

Os veciños con dereito a voto podían escoller dez obras entre un total de vinte.
A esa decena de proxectos seleccionados tiveron que porlle unha puntuación, do 1 ao 10. Ademais dos votos dados polos veciños, a cada actuación sumóuselle uns puntos establecidos polo grupo motor en base a criterios como o beneficio a colectivos, a natureza da proposta ou o contido da mesma.

Finalmente, despois de que os ferroláns da zona rural emitisen as súas preferencias, a actuación máis votada foi a limpeza, sinalización e promoción de rutas de sendeirismo.
As outras cinco obras que serán custeadas, que se poden consultar na táboa adxunta, permitirán reforzar a sinalización de ambas as parroquias, descentralizar os programas culturais ou fomentar a actividade agro-forestal.
En total, as seis actuacións suman 147.187 euros. O orzamento era inicialmente de 140.000 pero na asemblea da zona urbana non se gastou toda a partida habilitada para eles, que era de 210.000 euros.
Tanto María José Fernández como Nieves Pérez explicaron aos veciños presentes onte en FIMO que «ao mellor os sentides sorprendidos» por que «falta na lista de actuacións dúas obras moi demandadas por vós, que son o saneamento ou a conexión a Internet».
Ambas explicaron que estes proxectos quedaron fóra polo seu alto custo orzamentario «pero queremos facer ver ao Concello que é unha medida moi demandada e que hai que asumila canto antes co orzamento ordinario».
En canto á mellora das novas tecnoloxías, o goberno estuda afrontar esta actuación cos fondos do Plan E do próximo ano.

Irisarri sinalou que con esta posta en marcha dos orzamentos participativos rompéronse catro tópicos»: «Demostrouse que os veciños si queren participar, que son solidarios con outros barrios, que se envorcaron nas asembleas e que souberon pedir cousas coherentes». E concluíu: «Que ninguén se apropie deste proceso, o mérito é voso».

La Voz de Galicia.-

No hay comentarios:

Publicar un comentario