-Presupostos -
Investimentos por decreto veciñal-
- Habitantes de Ferrol decidirán este mes a
que se destinarán 350.000 euros das contas
municipais dentro dos primeiros orzamentos
participativos dunha cidade galega.
Ferrol é a primeira das sete cidades galegas en subirse aos orzamentos participativos, unha iniciativa que tamén desenvolven medio centenar de urbes españolas.
Os seus cidadáns non só teñen voz, senón tamén voto no destino de parte dos orzamentos municipais do próximo ano. E a súa decisión é vinculante. Estreado este ano, o primeiro proceso está a piques de culminar e a finais deste mes saberase en que decidiron os veciños que se gasten os 350.000 euros municipais que o Concello reservou para esta experiencia piloto.
A cota de participación popular é de momento reducida e non chega a un 0,6% dos 60 millóns de euros previstos nos orzamentos do 2010, pero quen participan no proxecto destacan a importancia de que o cidadán poida intervir de forma directa na toma de decisións.
E as achegas desbordaron as previsións. En total presentáronse 1.227 propostas, referentes unicamente a cinco parroquias -tres da zona urbana e dúas da rural-, as seleccionadas para estrear a iniciativa.
De todas elas, técnicos municipais e os propios veciños integrantes das mesas das propostas seleccionaron só 243 ideas. E esta semana realizarase a criba definitiva antes de que sexan sometidas ao veredicto das urnas: os cidadáns do ámbito urbano votarán este sábado, e os do rural, o domingo 20.
Como en Eurovisión-
O censo electoral estará composto por 730 ferroláns pertencentes aos barrios elixidos para esta experiencia con vocación de continuidade -San Pablo, Santa Mariña, San Xoán, Doniños e San Xurxo-.
No recinto feiral de Punta Arnela votarán como en Eurovisión: cada veciño deberá outorgar os seus puntos -do 1 ao 10- a dez das propostas que cheguen ata ese día.
Polo camiño quedaron as que superen o orzamento destinado -finalmente a contía fragmentouse, e , 210.000 euros irán para a zona urbana e 140.000 para a rural- e tamén as que non superen o filtro logo dun longo proceso de criba no que se teñen en conta criterios de prioridade, viabilidade e tamén de xustiza social.
Este proceso, moi resumido, é froito de moito traballo, tamén técnico. «É un proceso moi complexo, de moita xestión, moitas chamadas e visitas aos sitios», indicou Maica Rodríguez, técnica municipal de Participación Cidadá.
De todo o proceso destacan dúas cuestións: que sexa impulsado directamente pola cidadanía e que se atope aberto a todas as áreas de xestión municipal. Con todo, a maior parte das peticións concéntranse nas infraestruturas, os servizos e en melloras tecnolóxicas.
Estender a rede de saneamento, a construción dun centro de día para a terceira idade ou a mellora da conexión a Internet son algunhas das propostas con máis apoios.
Todos os cidadáns poden participar no proceso, aínda que este ano fixérono preto de 800. «Empezamos con moita ilusión e moito medo de que a participación non resultase efectiva», confesa Ana Beceiro, veciña de San Pablo e participante activa en todo o proceso. A masiva resposta dos seus conveciños quitoulle calquera temor. Agora apela ao seu sentido da solidariedade.
Os orzamentos participativos «ábrennos as portas a que vexamos todos os problemas da cidade. Aprendemos a escoitar a outra xente e a que ao seu lado as nosas carencias parezan pequenas».
Magdalena González, veciña de Doniños, coincide tamén niso. «Sorprendeume que haxa casas na zona urbana que non teñen aínda saneamento», sinalou.
Pero para ambas o principal é a posibilidade de participación activa da cidadanía. «O importante non é tanto o diñeiro senón que os veciños poidan participar e decidir». «Foi un traballo maratoniano, pero valeu a pena», conclúe Ana Beceiro.
La Voz de Galicia.-
No hay comentarios:
Publicar un comentario