5/12/09

CONVIDACIÓN DO ALCALDE ÁS ASOCIACIÓNS.

Estimados/as veciños/as,

Como é ben sabido, neste ano o Concello de Ferrol puxo en marcha a súa primeira experiencia de Orzamentos Participativos, nas parroquias de San Xurxo e Doniños e nos barrios de San Xoán, San Pablo de Catabois e Santa Mariña.
A veciñanza destas zonas tivo unha alta participación nas asembleas de identificación dos principais problemas e na presentación de propostas de mellora para estes territorios, durante os pasados meses.
Recolléronse máis de 1.200 ideas para acometer investimentos e realizar actividades, dentro dos 350.000 euros dispoñibles en 2009.
Logo de analizar a viabilidade dos proxectos cidadás, por parte do persoal técnico municipal, o seguinte paso é decidir qué propostas serán executadas a partir de 2010. Esta decisión será tomada, de forma asemblearia, proximamente, mediante a votación dos proxectos viables (por parte das 730 persoas rexistradas nesta experiencia).
Dado que este proceso participativo se vai ampliar no próximo ano, incorporando máis barrios e parroquias e incrementando a contía dos Orzamentos Participativos até 2.000.000 de euros, convidamos á súa Asociación a observar cómo se desenvolven as asembleas, que terán lugar no Recinto Feiral de Punta Arnela (FIMO) a partir das 17,00 horas:
-O sábado 12 de decembro (na que se decidirán os proxectos para os barrios de San Xoán, San Pablo de Catabois e Santa Mariña).
-O domingo 20 de decembro (relativa ás propostas para as parroquias de San Xurxo e Doniños)
Agardo que poidan asistir a estes eventos, facéndose partícipes desta iniciativa e da súa aprendizaxe, sendo consciente do importante labor de dinamización social que representa o tecido asociativo no noso municipio.

Recibide un cordial e afectuoso saúdo,

O alcalde,
Vicente Irisarri Castro

No hay comentarios:

Publicar un comentario