11/7/09

TEXTO 1ª PARTE .- APROBACIÓN REGULAMENTO PARTICIPACIÓN CIDADÁ.-

Sr Alcalde, señoras concelleiras, señores concelleiros, compañeiros e compañeiras do tecido asociativo, veciñas e veciños de Ferrol, ¡ Boas tardes ¡



Dirixímonos a este Pleno do Concello de Ferrol e a toda a cidade no nome do Grupo de Análise e Propostas que está formado por varias entidades asociativas: veciñais, sociais, sociosanitarias, culturais, ecoloxistas, de comercio xusto e algúns cidadás a título individual, que fomos quen elaboramos o Regulamento que hoxe se pretende aprobar.

O 27 de outubro do 2008 interviñamos noutro Pleno Extraordinario neste mesmo salón en representación dunha parte moi importante do tecido asociativo da cidade para demandarlle ó Alcalde e a tódolos grupos municipais que non permitisen que Ferrol se quedase sen Participación Cidadá e que amosasen un apoio decidido ó proceso iniciado por D. Javier Galán no mes de maio do 2008 e continuado por D. Manuel Santiago, proceso participativo como nunca antes tiña sucedido na nosa cidade.
Demandabamos que os partidos políticos cumprisen as súas promesas electorais de gobernar para as cidadás e os cidadáns e sobre todo de gobernar coas cidadás e os cidadás.
Diciamos que nós tamén formamos parte da cidade e colaboramos día a día na construcción da mesma, no noso tempo libre, restando das nosas afeccións e roubándollo ás nosa familias, con moito esforzo e de maneira gratuíta, como non pode ser doutro xeito.

Hoxe, aínda que con máis atraso do desexado, estamos no camiño de que o que entonces demandabamos comece a ser unha realidade. Hoxe e un día moi importante para a cidade de Ferrol na súa aposta pola democracia participativa, xa que a democracia ou é participativa ou non é democracia. Hoxe vaise aprobar, de maneira inicial, a posta en marcha dun proceso de participación por parte da cidadanía de Ferrol na toma de decisións e na execución das mesmas como nunca se tiña producido e como non existe noutro Concello de Galicia.

A participación cidadá é absolutamente necesaria para construír a democracia. Por eso resulta fundamental para favorecer o control dos e das gobernantes, para transmitir mellor as preferencias da cidadanía, suaviza-los conflictos, favorecer os acordos e o consenso e facer menos custosa a toma de decisións políticas.
A Participación fomenta un tipo de cidadanía máis interesada en informarse dos asuntos políticos, por cooperar coas demais persoas e asociacións, que é máis respectuosa cos que son e cos que pensan diferente, o que reforza os vínculos sociais entre as persoas e favorece a compresión intercultural.
Coa aportación de homes e mulleres ós asuntos públicos dase un salto cualitativo da Democracia Representativa á Democracia Participativa, establécese un diálogo
político que non pode afectar unicamente as relacións entre partidos, senón que se constrúen novas canles de comunicación entre os representantes políticos, democraticamente elixidos, e a base da sociedade civil.
É un feito incontestable que a democracia participativa real aumenta a eficacia das decisións e mellora a participación cidadá e non só non dificulta senón que facilita a xestión municipal e a fai moito máis transparente e facilita a percepción cidadá sobre as políticas públicas.

O Regulamento de Participación Cidadá revela o compromiso do Concello de Ferrol, desexamos que de tódolos grupos municipais, diante da cidadanía para fomenta-la participación democrática e a transparencia na toma de decisións e na execución dos asuntos públicos locais, segundo o ordenamento constitucional e conforme á Carta Europea de Salvagarda dos Dereitos Humanos ás cidades.


Haberá que dedicarlle os Orzamentos necesarios para a súa posta en marcha, se non se quere que sexa so un documento escrito. É preciso dedicarlle importantes partidas económicas que non se deben considerar nunca un gasto, senón un investimento moi rendible.
A Participación Cidadá non é por tanto unha concesión graciosa á cidadanía por parte dos partidos políticos senón que é un dereito das persoas.
O impulso da participación cidadá en Ferrol non é só unha obriga do Goberno Local, senón que tamén deben implicarse tódolos poderes políticos que interveñen no territorio, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, aínda que o Concello debe liderar o proceso.

Débense crear foros onde se poidan formar a políticos, funcionarios e dirixentes asociativos en materias de Participación Cidadá e de Orzamentos Participativos.
Este era un compromiso adquirido desde o pasado ano que demandamos o seu cumprimento.
Débese ter unha perspectiva ampla nos procesos de participación para incorporar a todas as persoas que teñen interese na cidade. Por exemplo : Alguén dubida do interese dun comerciante no funcionamento dos servizos do barrio onde desenvolve a súa actividade? Ou do interese do profesional do ensino que traballa con rapaces e rapazas. Non pode opinar sobre a mellora urbanística do barrio no que se atopa a escola na que imparte docencia?

Desde o mes de maio do 2008 estivemos nun proceso que, despois do día de hoxe, xa non vai ter volta atrás: O de Participación Cidadá, tanto de maneira individual como de maneira colectiva a través das case 300 asociacións rexistradas no Concello de Ferrol.
Participación na toma de decisións e na execución das mesmas en tódalas áreas de goberno e sobre todo tipo de problemas e de definición de políticas.

Non é doado botar a andar os procesos participativos o camiño está cheo de obstáculos, hai políticos que non os asumen de bo grao porque lles parece que perden poder de decisión, hai entidades que non os aceptan porque pensan que perden poder de influencia no Goberno Municipal e na vida política local, e hai cidadáns que desconfían de que eses procesos de participación teñan algún resultado positivo e dubidan de que non sexan máis que poses electorais.

Tamén hai algúns funcionarios, que recelan por entender que perden poder e capacidade de influencia no Concello.
Durante moitos meses un grupo aproximado de 20 entidades de todo tipo e algunha persoa a título individual, elaboramos un novo regulamento de Participación Cidadá que foi validado por máis de 70 asociacións de todo Ferrol nun Foro Cívico celebrado no campus de Esteiro.

Nese Foro Cívico tamén se aprobou a necesidade de que no Concello de Ferrol se puxese en marcha unha experiencia piloto en canto a Orzamentos Participativos. Esa demanda do Foro Cívico vai ser unha realidade neste ano 2009 cunha partida inicial de 350.000 euros que chegarán no conxunto dos orzamentos do 2009 e 2010 a dous millóns de euros.

Fomos capaces de consensuar que esa experiencia piloto se desenvolvese este ano nas parroquias rurais de San Xurxo e Doniños e nas urbanas de San Xoán, San Pablo e Santa Mariña o que non foi máis que unha nova demostración da madurez do tecido asociativo de Ferrol que soubo poñer por diante o intereses colectivos diante dos particulares, aínda que defender os particulares, dada a necesidade que tódalas parroquias e barrios teñen, tamén tiña xustificación.

A xenerosidade o consenso e a altura de miras foi unha constante o longo deste proceso de elaboración do regulamento, un proceso de participación como nunca se tiña dado antes en Ferrol, se cadra esa é a definición máis axeitada: Defensa dos intereses xerais fronte ós particulares, compromiso de traballo e consenso para chegar a acordos.
Por riba das cores políticas e dos diferentes xeitos de ve-la vida, sen grandes controversias e con moita ilusión fomos capaces de chegar a acordos.

O Regulamento estivo paralizado durante meses polo Secretario do Concello de Ferrol, nunha actitude, para nós, pouco entendible.
Aínda que tamén puidera ser que o Sr. Secretario quixese ter tódalas garantías xurídicas de que o Regulamento cumpría coa Lei, cousa que para nós non ofrecía dúbida ningunha.

Finalmente e por dúas veces o informe da Federación de Municipios e Provincias deunos a razón e outros secretarios municipais, como a de Vitoria, tamén nos deu a razón.
Estamos seguros que o Sr. Secretario poñerá o mesmo celo na elaboración de informes cando se trate de actuacións urbanísticas en prazas públicas ou cando se trate de procesos de persoal ou selectivos. Non temos ningunha dúbida de que o Sr Secretario poñerá o mesmo empeño para garantir a seguridade xurídica do Concello de Ferrol neses casos, estamos completamente certos.

O Regulamento de Participación Cidadá será unha realidade a partir de hoxe, porqué estamos convencidos que tódolos Grupos Municipais van emitir o seu voto favorable, e será a ferramenta coa que unha cidadanía mellor informada, máis consciente, máis preocupada e máis implicada nos problemas da cidade, poida traballar na elaboración de propostas e na busca de solucións ós problemas de Ferrol.

Hoxe coa aprobación inicial deste Regulamento a cidade de Ferrol ponse no primeiro lugar de Galicia en materia participativa, non nos cansamos de repetilo, e ese é un mérito que pertence a toda a sociedade ferrolá, ó seu tecido asociativo e, desexámolo de verdade, a todo o Pleno do Concello de Ferrol de xeito unánime.

Hoxe non é o remate do Proceso, hoxe é unha etapa máis que continuará co desenvolvemento de todo o Regulamento de Participación Cidadá e dos organismos que nel se recollen, para o que, repetimos, se precisan recursos económicos.


(Primeira parte).


( Lida por Xosé Miguel López Pérez)



1 comentario:

  1. Ferrol dispón agora dun REGULAMENTO máis preto da cidadanía e onde o pobo pode ter maior presenza, voz e voto

    ResponderEliminar