25/7/09

PROCESO ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS.-

Ferrol Sábado 25 de Xullo de 2009


O goberno local organiza o proceso

para os orzamentos participativos

REDACCIÓN > FERROL
O goberno local remitiu aos grupos da oposición un borrador de regulamento para o proceso de elaboración dos orzamentos participativos, que por primeira vez -e como experiencia piloto- distribuirán 350.000 euros entre os barrios de San Pablo, Santa Mariña e San Xoán, na zona urbana, e Doniños e San Xurxo, na rural.
A falta de coñecer como se desenvolverá o proceso para a aprobación deste regulamento -do que o equipo de Irisarri aclara que será unicamente para este ano e estes barrios concretos-, o documento recibiu xa as primeiras críticas, procedentes de Esquerda Unida, que considera que a súa aplicación suporá a morte da participación cidadá, en palabras da portavoz, Yolanda Díaz.
O borrador de regulamento destaca como principios fundamentais a participación, transparencia, igualdade de oportunidades, tolerancia, eficacia e eficiencia, corresponsabilidade, solidariedade e respecto aos acordos.
Para garantilos, expón unha serie de pasos, o primeiro dos cales é a elaboración dun diagnóstico do territorio de actuación.
No documento figuran como órganos de participación un grupo motor -integrado por persoas que teñan a capacidade e posibilidade de dinamizar os espazos de participación- unha asemblea de barrio -na que poderán participar todos os interesados con residencia ou traballo nos barrios previa acreditación-, unha mesa de propostas e unha oficina técnica.
As previsións do grupo de goberno pasan por abrir o proceso de inscrición para quen desexen participar na elaboración destes orzamentos en setembro.
Diario de Ferrol.-

No hay comentarios:

Publicar un comentario