27/7/09

CRÍTICA DE EU - ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS.-

Ferrol, 27 de xullo de 2009

O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA DENUNCIA O CARÁCTER INTERVENCIONISTA E BUROCRATIZADOR DO BORRADOR DE AUTORREGULAMENTO DE OP,S.

A VOCEIRA DO GRUPO MUNICIPAL, YOLANDA DÍAZ, CONSIDERA INDISPENSABLE PROPICIAR A MEIRANDE PARTICIPACIÓN E PLURALIDADE NA ELABORACIÓN DO DEVANDITO AUTORREGULAMENTO.

O Grupo Municipal de Esquerda Unida considera necesario diante da elaboración do autorregulamento para os Orzamentos Participativos ( OP,s ) o propiciar a meirande participación na súa elaboración nun traballo feito co eixo director de involucrar a todas e todos os veciños. Esquerda Unida quere unha participación tan plural como o é a nosa sociedade.

Esquerda Unida, que fai da participación cidadá un sinal chave dos procesos de transformación social e ampliación e profundización da praxe democrática, considera que a consolidación do proxecto piloto que vaise realizar nestes meses esixe que interveña no proceso toda a nosa cidadanía interesada, sen que se poida restrinxir porque se vaia realizar nuns barrios. O proceso ten que ser unha escola cidadá para todas e todos, porque o vindeiro ano teremos que estendelo ao conxunto da cidade, sinala Yolanda Díaz, Voceira do Grupo.

A cidade de Ferrol non se debe permitir o despilfarro de desaproveitar a experiencia e coñecemento adquiridos polos integrantes do GAP que ao longo de ano traballaron na elaboración do Regulamento de Participación Cidadá. O noso Grupo Municipal quere insistir na valía e necesidade de incorporalos aos traballos de elaboración do autorregulamento.

Esquerda Unida reclama que o texto pase polo movemento veciñal e asociativo para que que sexa verdadeiramente participado. Temos a certidume que o traballalo van eliminar as reservas mentais que delata e o tortuoso camiño de trabas que se lle pon a participación no texto.

Esquerda Unida salienta o carácter desenfocado do documento: adícase unha parte excesiva para codificar os requisitos e tempos para se inscribir e para participar ( capítulo X ), cando apenas se avanza nos criterios que teñen que posuír as propostas veciñais para a súa priorización. Facilitar e incentivar a participación , non restrinxila ou dificultala, subliña a Voceira do Grupo Municipal, Yolanda Díaz.

Estas anotacións que fai Esquerda Unida teñen un único obxectivo: axudar a que o proceso piloto saia ben e non se trunque polo descoñecemento ou polos medos sen fundamento.
A cidade de Ferrol vai gañar coa participación e, xa que logo, temos que empurrar o carro entre todos.
Grupo Municipal EU .-

No hay comentarios:

Publicar un comentario