31/7/09

CHARLA INFORMATIVA EN DONIÑOS SOBRE OPs.

O Concello participa nunha charla informativa

sobre os orzamentos participativos convocada

para mañá en Doniños polas entidades veciñais


O encontro celebraráse a partir das sete da tarde

no local social da Asociación San Román de Doniños


Ferrol, 31 de xullo de 2009.-
O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, anunciou esta mañá que o local da Asociación San Román de Doniños acollerá mañá sábado unha charla informativa sobre o proceso de orzamentos participativos.
Será a partir das sete do serán no marco dunha convocatoria que realizaban as propias entidades veciñais co obxecto de informar a tódolos veciños e veciñas de que maneira poden participar para decidir en que investir o gasto público nesta parroquia ferrolá.

Neste contexto, o responsable das políticas participativas da Administración local avanzou que na xuntanza participarán representantes das Asociacións San Román de Doniños, Xunta Veciñal de Doniños e a Asociación O Prioriño, integrantes todas elas do Grupo Motor.
Isto é, do grupo dinamizador representativo dos cinco barrios nos que se vai intervir nesta primeira experiencia participativa. Tamén persoal técnico municipal. Nesta liña, Santiago apuntaba que a cita de mañá servirá para explicar máis polo miúdo o modelo de participación e traballar unha primeira dinámica de grupo co fin de identificar os principais problemas da parroquia.

Máis polo miúdo, o edil de Participación destacaba o relevante traballo que están a facer as entidades veciñais na divulgación dos orzamentos participativos a través do buzoneo nas vivendas da parroquia. Tamén a través dun proceso de sensibilización entre a veciñanza.
E, ao fío, Santiago recordaba que os orzamentos participativos permitirán aos veciños e veciñas dos cinco barrios seleccionados (San Xoán, Doniños, San Xurxo, Santa Mariña e San Pablo de Catabois) decidir sobre a xestión de proxectos, actividades e servizos para a súa parroquia durante o periodo 2009-2010.

Finalmente, Manuel Santiago destacaba que a participación cidadá constitúe un dos eixos da acción do goberno que lidera Vicente Irisarri. Un modo de incorporar dun xeito activo as voces da cidadanía na toma de decisións.
Aquelas decisións, subliñaba, que mellor se axustan aos intereses dos veciños e veciñas de Ferrol.
Nesta liña, destacaba o dereito das entidades sociais e dos cidadáns e cidadás a decidir sobre os asuntos públicos a prol dunha xestión máis eficiente e eficaz dos recursos públicos municipais e sobre calquer partida orzamentaria.
Así, o concelleiro subliñaba que Ferrol está a marcar un antes e un despois nas políticas participativas a nivel estatal.
Referíase o edil ao peso que están a ter os veciños e veciñas da cidade no proceso, no senso de que foron eles mesmos os que elixiron en que barrios comezar coa experiencia e non o goberno local como é o habitual neste tipo de experiencias.
web - ferrol.es

No hay comentarios:

Publicar un comentario